¡Non máis emigración!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

¡Non máis emigración!
FormaZarzuela
Idioma orixinal do libretoGalego
LibretistaRamón Armada Teixeiro
Fontes literarias¡Non máis emigración!, peza teatral de Ramón Armada
Estrea10 de abril de 1886[1]
Teatro da estreaTeatro Tacón
Lugar da estreaA Habana, Cuba
Música
CompositorFelisindo Rego

¡Non máis emigración! é unha zarzuela con música do compositor galego Felisindo Rego e libreto en galego de Ramón Armada Teixeiro adaptada da peza teatral homónima de Ramón Armada. Foi estreada o 10 de abril de 1886 no Teatro Tacón (actualmente Gran Teatro da Habana). Destaca por ser a primeira zarzuela en lingua galega e a primeira obra en galego representada fóra de Galiza. Actualmente a partitura da obra non está localizada.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1885 o escritor galego Ramón Armada Teixeiro publicou na Habana a súa peza teatral Non máis emigración. O 10 de agosto do ano seguinte estreouse no Teatro Tacón da capital cubana unha segunda edición da peza con música do compositor galego Felisindo Rego a xeito de zarzuela.

No seu tempo foi moi ben vista pola meirande parte dos intelectuais, como mostran as boas críticas recibidas. As poucas críticas negativas colleitadas pola obra facían referencia ao escaso impacto que lle auguraron á súa mensaxe antiemigracionista, oscilando entre o escepticismo duns:[2]

Supoñendo que a obra do Sr. Armada non sexa bastante para extinguir a emigración; supoñendo máis, que nada se consiga con ela neste sentido, aínda a cremos acredora do aplauso do público, considerada como obra de arte.[3]
Juan Manuel Espada

E o pensamento de que o intento era nulo doutros:[2]

Está escrito en dialecto galego e ten un fin importantísimo: combater a idea da emigración en Galiza. Conseguiuno o autor?: entendemos que non: os febles argumentos escollidos para poñer de relevo o erro dos que se ausentan da súa terra, dominados pola ansia de riquezas, non levarán ao ánimo dos galegos do outro lado do mar o convencemento de que aló, preto dos seus, sen cruentas amarguras e dores infinitas, poden vivir tranquilos e ditosos. A emigración é unha enfermidade social para a cal non se encontra remedio fácilmente.[4]
W.A. Insua

A obra pon de manifesto e expresa o seu total desacordo cun un dos problemas do momento, a emigración, que foi o tema principal da obra de Armada Teixeiro, enmascarado a través da historia de amor de Xan e Marica e das falcatruadas de Farruco, o cal ofrece unha visión que moitas veces foi rebatida pola crítica. A obra non amosa as experiencias persoais de Ramón Armada, que viviu de cerca de experiencia doutros galegos afincados na Illa.

Argumento[editar | editar a fonte]

Na obra preséntase a vida cotiá dos galegos emigrados en Cuba e outros lugares de América. Conta a historia dun rapaz namorado que decide marchar de Galiza para facer as américas. Porén, ao chegar á outra beira do Atlántico descobre a miseria e as penas, o lado escuro do soño latinoamericano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Javier Jurado na súa tese data a estrea no 29 de agosto de 1886, en Las zarzuelas del galleguismo, publicado en El País.
  2. 2,0 2,1 Juicio de la prensa
  3. No orixinal:"Suponiendo que Ia obra del Sr. Armada no sea bastante á extinguir Ia emigración; suponiendo más, que nada se consiga con ella en ese sentido, todavía Ia creemos acreedora al aplauso del público, considerada como obra de arte"
  4. No orixinal:" Está escrito en dialecto gallego y tiene un fin importantísimo: combatir Ia idea de Ia emigración en Galicia. ¿Hálo conseguido el autor?: entendemos que no: los débiles argumentos escojidos para poner de relieve el error de los que se ausentan de su tierra, dominados por el ánsia de riquezas, no llevarán al ánimo de los gallegos del otro lado del mar el convencimiento de que allí, cerca de los suyos, sin cruentas amarguras y dolores infinitos, pueden vivir tranquilos y dichosos. La emigración es una enfermedad social para Ia cual no se encuentra remedio facilmente."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]