'Masechele Caroline Ntseliseng Khaketla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
'Masechele Caroline Ntseliseng Khaketla
Nacemento1918
 Distrito de Berea
Falecemento13 de agosto de 2012
NacionalidadeLesoto
Alma máterUniversidade de Fort Hare
Ocupaciónmuller de letras, mestra, escritora e poeta
editar datos en Wikidata ]

'Masechele Caroline Ntseliseng Khaketla, nada no distrito de Berea en 1918 e finada o 13 de agosto de 2012, foi unha escritora e profesora de Lesoto.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fixo os estudos primarios en Liphiring e Siloe, no distrito de Mohale's Hoek, rematando cun pase excepcional de primeira clase. Entre 1933 e 1935 estudou en Morija, converténdose na primeira rapaza do pobo sotho en rematar secundaria. En 1941 graduouse en Artes, na especialidade de Educación, pola Universidade de Fort Hare.

Foi mestra no Instituto Misioneiro de Lovedale (Suráfrica), onde tivo por alumna a Godfrey Kolisang. Despois ensinou na Escola Feminina de Thabana Morena e no Colexio de Morija. Despois casou con Bennett Makalo Khaketla, e xuntos ensinaron no Instituto Basutoland en Maseru, até que o centro foi pechado por actividades políticas. Entón foron traballar a Nigel, en Suráfrica. En 1953 o seu home regresou a Lesoto para iniciar unha carreira política, e 'Masechele regresou ao Insituto Basutoland.

Despois, cun colega, sacou adiante unha escola experimental de primaria, Iketsetseng ("facédeo vós mesmos/as"), que en 1988 tiña máis de cen alumnos e alumnas. Nese centro estudaron a futura raíña 'Mamohato de Lesoto e o seu fillo, Letsie III. Khaketla perdeu o control do centro en 1992, e abriu outra escola na súa propia casa.

Khaketla escribiu once libros, incluíndo poemarios, en lingua sotho. En 1979 converteuse na primeira muller sotho en ser nomeada asesora na Corte Suprema do seu país. Formou parte do consello da Universidade Nacional de Lesoto e traballou para o goberno no comité especial do estado da muller para a Comisión de Reforma Lexislativa. Foi membro activo da Comuñón Anglicana e da súa Mothers' Union.

En 1983 foi a primeira persoa sotho en doutorarse en literatura pola Universidade Nacional. En 1997 recibiu o premio Gold Record of Achievement do American Biographical Institute.[1] Khaketla tivo seis fillos e fillas, entre elas 'Mamphono Khaketla.[2] Despois da súa morte o seu funeral celebrouse na Catedral de Santa María e Santiago de Maseru, e foi enterrada no cemiterio de Kokobela.[1]

Obras[editar | editar a fonte]

  • 'Mantsopa le Molamu oa Kotjane
  • Mosiuoa Masilo
  • Mosali eo o 'Neileng Eena
  • Pelo ea Monna
  • Ka u Lotha
  • Mahlopha a Senya
  • Ho Isa Lefung
  • Molekane ea Tsoanang le Eena
  • Khotsoaneng
  • Selibelo sa Nkhono
  • Maoelana a hlompho (2002)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rosenberg, Scott; Weisfelder, Richard F. (2013). Historical Dictionary of Lesotho. Scarecrow Press. pp. 540–. ISBN 978-0-8108-7982-9. 
  2. Sheldon, Kathleen E. (2005). Historical Dictionary of Women in Sub-Saharan Africa. Scarecrow Press. ISBN 978-0-8108-5331-7.