Subcultura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Punks bebendo e fumando na rúa. As tribos urbanas desenvolvéronse nas grandes cidades.

O termo subcultura deriva do prefixo sub- ('baixo', 'debaixo') e cultura, polo que significaría "debaixo da cultura", aínda que non se adoita usar nese sentido. Para referírmonos ao que está por debaixo da cultura prefírense os termos "infracultura" ou "protocultura".

En socioloxía, antropoloxía e semiótica cultural, subcultura úsase para definir un grupo de persoas que posúen un conxunto de comportamentos e crenzas distintivos que os diferenza da cultura dominante da que forman parte. Trátase, pois, dun termo partitivo, non pexorativo.

Toda subcultura implica un sistema de normas e valores de certa autonomía, aínda que sen desligarse da cultura global. Podemos falar da subcultura católica ou da subcultura xitana, da subcultura xuvenil ou da subcultura campesiña, da subcultura criminal ou da subcultura musical, sen que iso signifique en absoluto anormalidade, agresividade ou enfrontamiento á sociedade, que si son propios da contracultura.

M. M. Gordon definiu así o termo:

"Subdivisión da cultura nacional, composta dunha combinación de situacións sociais, tales como o status de clase, transfundo técnico, residencia rexional, rural ou urbana e afiliación relixiosa, aínda que formando na súa combinación unha unidade de funcionamento dotada dun impacto integrado nos individuos participantes".[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os integrantes dunha subcultura son pequenos "grupos" cunha cultura non totalmente desenvolvida, grupos que cultivan e preservan as mesmas ideas relacionadas coa estética, a relixión, as ideas políticas, a identidade sexual, ou por unha combinación destes factores. As subculturas poden formarse a partir da idade, a etnia ou o xénero dos seus membros, e defínense moitas veces pola súa oposición aos valores da cultura dominante, á que pertencen.[2]

Toda cultura dominante antes de facerse dominante pasou polo estadio de subcultura, pero non todas as subculturas se fan dominantes (realmente, a gran maioría delas nunca sairá do underground minoritario). O cristianismo, por exemplo, naceu como unha subcultura da cultura xudaica e só despois fíxose maior do que a cultura dominante de onde saíu.

As subculturas subdivídense principalmente en proselitistas e antiproselitistas, existindo porén culturas intermedias onde o proselitismo está permitido, pero con limitacións, como, por exemplo, a propia cultura xudaica. En xeral as culturas proselitistas son máis agresivas e fanse dominantes por imposición; é u padrón histórico (e o islam é un exemplo claro disto).

As subculturas xeralmente son movementos de resistencia cultural contra as culturas impostas ás masas, que pretendidamente son "universais", autoxulgándose culturas superiores de acordo cos seus propios valores (o politicamente correcto encádrase neste parámetro).

Características[editar | editar a fonte]

Unha cultura frecuentemente asóciase a persoas de todas as idades e clases sociais que posúen preferencias comúns no entretemento, no significado de certos símbolos utilizados e no uso dos medios sociais de comunicación e de linguaxe. Neste sentido dise tamén que as corporacións, as seitas e moitos outros grupos ou segmentos da sociedade, con diferentes e numerosos compoñentes da cultura simbólica ou non material poden ser vistos e estudados como subculturas. Algunhas das subculturas son simplemente grupos de adolescentes con gustos comúns como, por exemplo os emo. Cómpre observar que o interaccionismo simbólico é fundamental nunha subcultura.

De acordo con teóricos importantes que estudaron as subculturas, como Dick Hebdige, os membros dunha subcultura sinalarán a miúdo a súa pertenza a ela mediante o uso distintivo de roupa e estilo. Polo tanto, o estudo dunha subcultura consiste con frecuencia no estudo do simbolismo asociado á roupa, á música que escoitan e outros costumes dos membros, e tamén das formas nas que estes mesmos símbolos son interpretados por membros da cultura dominante. Se a subcultura se caracteriza por unha oposición sistemática á cultura dominante, entón pode describirse como unha contracultura.

Orixe do termo[editar | editar a fonte]

Xa en 1950, o teórico David Riesman distinguía entre unha maioría, "que pasivamente aceptaba estilos e significados previstos comercialmente", e unha subcultura "que buscaba activamente un estilo minoritario" (o hot jazz naquela época) e o interpretaba de acordo a valores subversivos. Desta forma, segundo Riesman "a audiencia [...] manipula o produto (e por tanto ao produtor) non menos que a outra parte".

Así, cando un membro dunha subcultura "escoita música, incluso se ninguén está cerca, faino nun contexto "doutros" imaxinarios, sendo de feito as súas audicións moitas veces un esforzo por establecer unha conexión con eles. En xeral o que se percibe nos medios masivos de comunicación está enmarcado pola percepción dos grupos aos que pertence. Estes grupos no só cualifican as cancións, senón que seleccionan para os seus membros de formas máis sutís o que se debe "oír" en cada unha".

Tribos urbanas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tribo urbana.

Unha 'tribo urbana é un grupo de persoas que se comporta de acordo ás ideoloxías dunha subcultura, que se orixina e se desenvolve no ambiente dunha cidade.

Algúns críticos e analistas din que o fenómeno das tribos urbanas non é nada máis que a busca dos mozos pola identidade perdida e que tanto botan de menos. Cando un mozo se xunta a un grupo (sociedade) que posúe as mesmas tendencias e pensamentos que el, sentirase identificado tanto co grupo como cos seus símbolos.

A identidade de cada unha destas tribos variará segundo a súa ideoloxía e segundo a persoa mesma; por exemplo, mentres que os skinheads son de tendencias violentas, os hippies non rivalizan contra ningún grupo, pois son pacifistas e non hai ningún grupo que lles sexa integramente oposto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gordon, M. M. (1947): "The Concept of the Subculture and its Application", Social Forces, vol. 26, páx. 40.
  2. Esta definición non é universalmente aceptada, xa que non sempre se produce unha oposición entre a subcultura e a cultura dunha maneira radical.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Abad Morales, Luis Angel: "Hebdige: del sentido del estilo al estilo como todo sentido", en Rock contra cultura. páxs. 96-101 pdf Consultado o 27/3/2012.
  • Anheier, Helmut K.; Stefan Toepler e Regina List (eds.) (2010): International Encyclopedia of Civil Society. Springer Verlag.
  • Cante, Richard C. (2009): Gay Men and the Forms of Contemporary US Culture. Londres: Ashgate Publishing. ISBN 0-7546-7230-1.
  • Gamero Aliaga, Marcelo (2008): "La metáfora de las tribus urbanas y tribus urbanas como metáforas", Intesticios Vol. 2 (1) 2008, páxs. 131-133. pdf Consultado o 27/3/2012.
  • Hebdige, Dick (1979): Subculture: The Meaning of Style. Routledge. ISBN 0-415-03949-5.
  • Maffesoli, Michel (1996): The Time of the Tribes: The Decline of Individualism in Mass Society. Londres: Sage Publications. ISBN 0-8039-8474-X.
  • Negus, Keith (1996): Popular Music in Theory: An Introduction. Wesleyan University Press. ISBN 0-8195-6310-2.
  • Ocampo Cea, Andrea (2009): Ciertos Ruidos. Nuevas tribus urbanas chilenas. Planeta (Argentina) html Consultado o 27/3/2012.
  • Padawer, A. (2004): "Nuevos esencialismos para la antropología: las bandas y tribus juveniles, o la vigencia del culturalismo" Kairós 14, páxs. 1-14. pdf Consultado o 27/3/2007.

Outros artigos[editar | editar a fonte]