Roda

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Roda de carro

Unha roda é un utensilio cilíndrico, xeralmente empregado por parellas ou cantidades maiores, que permite unha mellora no transporte, facéndoo máis lixeiro, cómodo e con menores necesidades enerxéticas. Na actualidade, unha boa parte delas están feitas de caucho, que serve para que sexa máis lixeiro o rozamento contra a vía (calzada).

A roda é un órgano ou unha peza mecánica de forma circular que vira ao redor dun eixe que pasa polo seu centro. Esta invención moi antiga constitúe un dos fundamentos das nosas tecnoloxías dos transportes. Permite desprazar sobre terra das cargas importantes, reducindo as forzas de fricción. É empregada na inmensa maioría dos medios terrestres de transporte.

Dende os seus inicios viviu moitísimas variacións. As primeiras eran de madeira e pedra, mais trala Revolución Industrial viviuse un grande avance tecnolóxico nas tecnoloxías de transporte que afectou á roda.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Pintura dunha roda, século XV

O vocábulo roda provén do latín rota, que procede do protoindoeuropeo rotā-, derivado de ret- que significa "para rodar, xirar".[1] Os estudosos suxiren que a palabra roda ten a súa orixe nas linguas dos pobos orientais máis antigos e que posteriormente pasaron ao grego e ao latín coa migración dos pobos protoindoeuropeos dende Asia cara a Europa.

Historia[editar | editar a fonte]

A roda merece un lugar de honra en calquera listaxe dos grandes inventos. Unha civilización industrializada é inconcibible sen ela. A súa invención era talvez inevitable, mais tardou bastante en aparecer a carón do ser humano. Moitas civilizacións, incluíndo os incas e os aztecas desenvolvéronse bastante ben sen rodas. A máis antiga evidencia do uso da roda (un pictograma de Sumeria) data do 3500 a.C. O invento difundiuse rapidamente no mundo occidental.

O lugar e o tempo da "invención" da roda non está claro, xa que as pistas máis antigas non garanten a existencia de transporte real con rodas, ou están datados con demasiada amplitude.[2] A invención da roda acreditouse aos elamitas porque as súas esculturas son as primeiras en que aparecen.[3] A invención do disco sólido de madeira tivo lugar a finais do neolítico, e pode verse en relación con outros avances tecnolóxicos que deron lugar á idade de bronce. Isto implica o paso de varios milenios sen rodas antes da invención da agricultura e a olería durante o neolítico acerámico.

Ás veces a cultura Halaf do 6500–5100 a.C. se considera que ten as primeiras imaxes dun vehículo con rodas, aínda que non existen evidencias de que os halafianos empregasen eses vehículos ou mesmo tornos de oleiros.[4] Coñecíanse precursores das rodas en Oriente Medio no milenio V a.C. Un dos primeiros exemplos descubríronse en Tepe Pardis, Irán, datados en 5200–4700 a.C. Estaban feitos de pedra ou sexo e asegurados ao chan cunha barra no centro, aínda que requirían un esforzo significativo para xiralo. Os tornos verdadeiros, que xiran libremente e teñen un mecanismo cunha roda e un eixe desenvolvéronse en Mesopotamia contra 4200–4000 a.C.[5] O exemplo máis antigo que se conserva, atopado en Ur, data de aproximadamente o 3100 a.C.[6]

Ola de Bronocice, imaxe máis antiga dun vehículo de rodas no mundo (Polonia)

En febreiro de 2003, nuns pantanos 22 km ao sur de Ljubljana, capital de Eslovenia, atopouse unha roda cunha antigüidade de entre 3500-3100 a.C.[7] Achouse xunto co seu eixe; mide 72 cm de diámetro e está feita de madeira de freixo, mentres que o eixe, que xiraba xunto coas rodas, era de carballo, máis dura.[8] Por outra banda, no chamado Estandarte de Ur, proveniente da cidade de Ur, no sur de Mesopotamia, que data de 2500 a.C. aproximadamente, represéntase un carro tirado por onagros, primeira representación conservada da roda empregada nun carro.

Roda maciza de madera atopada en Blair Drummond. Primeira evidencia de transporte rodado en Gran Bretaña.

Tres partes dunha roda maciza de madeira foron atopadas en Blair Drummond Moss (val do Forth, Escocia). Son a evidencia máis temperá de transporte rodado en Gran Bretaña, xa que está datada no 1255 a.C.[9][10]

Aínda que non se atopou uso a grande escala de rodas en América antes do contacto cos europeos, si se acharon numerosos pequenos aparellos con rodas, identificados con xoguetes, en xacementos arqueolóxicos de México, datados aproximadamente en 1500 a.C.[11]

A roda apenas se empregaba, agás no Corno de África, na África subsahariana ata o século XIX.[12][13]

Aplicacións[editar | editar a fonte]

Transporte[editar | editar a fonte]

No transporte de obxectos, o obxectivo da roda é diminuír a fricción total de arrastre dun obxecto entre dous ou máis puntos nunha superficie. O obxecto que é transportado, colocado no seu eixe, precisa de arrastrarse por unha distancia menor que a distancia percorrida polo bordo da roda en contacto coa superficie, porque o eixe sempre reduce a transmisión da distancia percorrida polo bordo da roda.

Cómpre notar que a superficie por onde o bordo da roda se sitúa debe ser preparada para aumentar a eficiencia da roda. A roda non é moi útil para o transporte sen a presenza de estradas. Tamén é interesante salientar que aínda que a roda sexa un xeito eficiente de transporte, as formas de vida úsana de maneira moi limitada nese sentido.

Máquinas[editar | editar a fonte]

Nas máquinas, a roda actúa principalmente acoplándose a outras rodas, para transmitir velocidade a través do seu típico movemento circular. Exemplos de rodas especializadas usadas en máquinas son as engrenaxes e as poleas.

Patentes[editar | editar a fonte]

Para un observador do século XXI, un roda parece un obxecto tremendamente sinxelo. Porén, houbo moitos intentos de mellorar e patentar rodas. Algúns inventores son:

  • Joseph Ledwinka, patente US808765 de 1906[14]
  • Manuel Herrera de Hora, patente US836578 de 1906[15]
  • Louis Mékarski, patente GB190702860 de 1907[16]
  • William Morris, patente US1159786 de 1915[17]

En moitos casos, a idea era crear unha roda resistente. Esta función agora tena o pneumático.

Simbolismo[editar | editar a fonte]

A roda converteuse tamén nunha metáfora cultural e espiritual para un ciclo ou repetición regular, como o chakra, a reencarnación, e o Yin e Yang entre outros. A roda na antiga China está vista como símbolo de saúde e forza e empregada nalgúns lugares como ferramenta para predicir a saúde futura e o éxito. O diámetro da roda é o indicador da saúde futura de cada un.

Unha roda con ás é un símbolo de progreso, visto en moitos conceptos, como o escudo de Panamá, o logotipo de Ohio State Highway Patrol e os ferrocarrís estatais de Tailandia. A roda tamén é unha importante figura na bandeira da India, onde representa a lei (dharma). Tamén aparece na bandeira xitana, para indicar a súa historia nómade e as súas orixes indias.

A introdución dos carros de rodas na metada da idade de bronce parece que significou prestixio. A cruz solar parece ter significado na relixión da época, substituíndo o concepto anterior de barca solar. A roda tamén foi un símbolo solar para os exipcios.[18]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "ret- The American Heritage® Dictionary of the English Language: Fourth Edition. 2000". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2009. Consultado o 18 de xuño de 2017. 
  2. Holm, Hans J. J. G.: The Earliest Wheel Finds, their Archeology and Indo-European Terminology in Time and Space, and Early Migrations around the Caucasus. Series Minor 43. ARCHAEOLINGUA ALAPÍTVÁNY, Budapest, 2019. ISBN 978-615-5766-30-5
  3. Tunis, Edwin (2002). Wheels: A Pictorial History. p. 9. 
  4. Childe, V. Gordon (1928). New Light on the Most Ancient East. p. 110. 
  5. Potts, D.T. (2012). A Companion to the Archaeology of the Ancient Near East. p. 285. 
  6. Moorey, Peter Roger Stuart (1999) [1994]. Ancient Mesopotamian Materials and Industries: The Archaeological Evidence. Winona Lake, IN: Eisenbrauns. p. 146. ISBN 978-1-57506-042-2. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2017. Consultado o 26 de outubro de 2017. 
  7. Velušček, A.; Čufar, K. and Zupančič, M. (2009) "Prazgodovinsko leseno kolo z osjo s kolišča Stare gmajne na Ljubljanskem barju", pp. 197–222 in A. Velušček (ed.). Koliščarska naselbina Stare gmajne in njen as. Ljubljansko barje v 2. polovici 4. tisočletja pr. Kr. Opera Instituti Archaeologici Sloveniae 16. Ljubljana.
  8. Exemplar de Ameriška Domovina (fogar estadounidense), del 27 de marzo de 2003.
  9. Piggott, Stuart (1957-1958). "A tripartite discwheel from Blairdrummond, Pertshire" (PDF). Proceedings of the Society of Antiquaries of Scotland (en inglés) 90: 238–241 y lámina XXII. 
  10. "Record: Anklets of Bronze: From Migdale, Sutherland". National Museums Scotland (en inglés). Consultado o 3 de xuño de 2013. 
  11. Ekholm, Gordon F (abril de 1946). "Wheeled Toys in Mexico". American Antiquity 11 (4): 222–28. JSTOR 275722. doi:10.2307/275722. 
  12. Chaves, Isaías; Engerman, Stanley L.; Robinson, James A. (2012). Reinventing the Wheel: The Economic Benefits of Wheeled Transportation in Early Colonial British West Africa (PDF). Weatherhead Center for International Affairs. p. 1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de xaneiro de 2014. Consultado o 5 January 2014. 
  13. Law, Robin C. (1980). "Wheeled Transportation in Pre-Colonial West Africa". Africa 50 (3): 249–62. JSTOR 1159117. doi:10.2307/1159117. 
  14. "Wheel Structure. Original document: US808765 (A) ― 1906-01-02". Espacenet. 
  15. "Vehicle – Wheel. Original document: US836578 (A) ― 1906-11-20". Espacenet. 
  16. "Improvements in Spring Wheels for Vehicles. Original document: GB190702860 (A) ― 1907-07-18". Espacenet. 
  17. "Resilient Wheel. Original document: US1159786 (A) ― 1915-11-09". Espacenet. 
  18. Hall, Adelaide S. (2005). A Glossary of Important Symbols in Their Hebrew: Pagan and Christian Forms. p. 56. ISBN 9781596055933. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Joaquim Agulló i Batlle, Mecànica de la partícula i del sòlid rígid, Publicacions OK Punt, 1995, ISBN 84-920850-0-2 (en catalán)