Pega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A pega común, Pica pica, tamén coñecida como pega rabuda [2] ou pega rabilonga,[3] é unha ave paseriforme da familia dos córvidos, unha das sete comprendidas no xénero Pica.

Vive en boa parte de Eurasia, África do Norte e Norteamérica.

En Europa vive sobre todo nas proximidades dos asentamentos humanos.

A súa plumaxe branca e negra e a súa longa cola fana inconfundible.

A pega é unha das aves máis intelixentes, e crese que é un dos animais non humanos máis intelixentes.[4] A superficie do seu córtex cerebral é aproximadamente a mesma en tamaño relativo que a do cerebro dos chimpancés, gorilas, orangutáns e humanos.[5]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A pega foi descrita e ilustrada por primeira vez en 1555 polo naturalista suízo Conrad Gessner na súa Historiae animalium.[6]

Pero a súa descrición formal foi feita por Linneo en 1758, na páxina 106 da 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Corvus pica.[7][8]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo seu nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[8]

  • Corvus pica Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Corvus spec Linnaeus, 1758
  • Pica caudata Fleming
  • Pica caudata subsp. melanotos Brehm, 1857
  • Pica galliae Kleinschmidt, 1917
  • Pica rusicola (Scopoli)

Subespecies[editar | editar a fonte]

Segundo o GBIF recoñécense as seguintes subespecies:[8]

  • Pica pica asirensis Bates, 1936
  • Pica pica bactriana Bonaparte, 1850
  • Pica pica bottanensis Delessert, 1840
  • Pica pica camtschatica Stejneger, 1884
  • Pica pica fennorum Lonnberg, 1927
  • Pica pica galliae Kleinschmidt, 1917
  • Pica pica hemileucoptera Stegmann, 1928
  • Pica pica leucoptera Gould, 1862
  • Pica pica mauritanica Malherbe, 1845 (actualmente recoñecida como especie distinta, Pica mauritanica. Ver Pica)
  • Pica pica melanotos A.E.Brehm, 1857
  • Pica pica pica (Linnaeus, 1758)
  • Pica pica serica Gould, 1845 (actualmente recoñecida como especie distinta, Pica serica. Ver Pica)

Características[editar | editar a fonte]

Pega voando

As cores de base da subespecie típica da pega, Pica pica pica, son a branca e a negra. A cola é longa, moitas veces tan longa coma o corpo. A barriga, os lados e os ombreiros son brancos, así coma a parte das ás. O resto da plumaxe é negra con reflexos metálicos azuis, verdes ou purpúreos. Na primavera a coloración faise máis mate e con menos reflexos. En xeral os machos adultos teñen unha plumaxe máis brillante. O bico e as patas son negros. A plumaxe de machos e femias é semellante.

Os exemplares novos teñen cores moi semellantes ás dos adultos. A cola é algo máis curta e sen reflexos e os ombreiros ás veces non son brancos puros, senón máis ben grises.

As pegas miden entre 41 e 51 cm de longo e as ás teñen unha envergadura duns 90 cm. Os machos pesan de media uns 233 gramos; as femias, 203 gramos.

Cando están no chan as pegas desprázanse con saltiños, aínda que saben camiñar. Móvense moi axilmente entre as pólas das árbores.

O seu voo e ondulante.

Voz[editar | editar a fonte]

O corveo característico das pegas consiste nunha serie máis ou menos rápida de berros. Este son sérvelle de voz de alarma e ameaza para defende-lo seu territorio de cría. Os exemplares que non están a criar emíteno só en caso de perigo. Se o perigo é especialmente intenso, os berros son máis seguidos e rápidos.

Un lixeiro cacarexo serve para certificar a unión de parella. É moi variable individualmente e pode ser rítmico ou non. Ás veces contén asubíos e trilos. As pegas solitarias imitan a outras aves. A miúdo para marcar o territorio póusanse na póla máis alta dunha árbore que estea no centro deste mentres que cantan.

Distribución[editar | editar a fonte]

Distribución de Pica pica en Eurasia e as súas subespecies Cada cor representa unha subespecie de pega:
verde: Pica p. pica, verde claro: P. p. asirensis, verde pantano: P. p. bactriana, vermello: P. p. bottanensis, verde escuro: P. p. fennorum, azul: P. p. galliae, turquesa: P. p. germanica, amarelo: P. p. hemileucoptera, violeta: P. p. hudsonia, marrón: P. p. jankowskii, laranxa claro: P. p. japonica, azul escuro: P. p. kamtschatica, hell pink: P. p. leucoptera, laranxa: P. p. mauritanica, azul ceo: P. p. melanotos, rosa: P. p. nuttalli, dunkelrot: P. p. sericea

As pegas viven nunha ampla área de Eurasia, no norte de África e Norteamérica. En Europa viven dende o cabo Norte en Escandinavia ata o sur de España e de Grecia. Falta só nalgunhas illas do Mediterráneo. No norte de África aparece nas costas de Marrocos, Alxeria e Tunicia. Son aves sedentarias, aínda que, por exemplo en Escandinavia, se despracen no inverno.

No leste de Europa acada os 65° Norte. No Oriente Próximo espállase dende Turquía e parte do Irán ata case a costa do golfo Pérsico. En Asia chega dende o noroeste de Mongolia ó norte do Vietnam. Hai unha poboación illada na península de Kamchatka e outra pequena poboación protexida pola súa escaseza, no noroeste da illa xaponesa de Kyūshū. En Norteamérica viven na parte oeste do subcontinente, de Alasca a California.

Sistemática[editar | editar a fonte]

Crese, en xeral, que o xénero Pica é orixinario de Eurasia e que se espallou por América no Plistoceno tardío, posiblemente atravesando o estreito de Bering. Aínda así, a aparición en Texas dun fósil semellante á especie Pica pica podería facer atrasar ó Plioceno a data da súa aparición en América.

Sistemática interna[editar | editar a fonte]

As subespecies diferéncianse polo tamaño, o peso, o tamaño e debuxo das plumas das ás, e a coloración da zona baixa do lombo. Tamén hai algunhas diferenzas esqueléticas e da pigmentación das plumas da cola que poden ter reflexos azuis, violetas, púrpuras, verdes, da cor do cobre ou da do latón. As variedades máis escuras son as de máis ó sur; as máis claras as do nordeste de Eurasia. A parte inferior do lombo é a que amosa máis claramente esta característica. En xeral as formas do sur son meirandes e coas plumas da cola máis curtas cás do norte.

Suponse que a diferenciación en variedades co bico marelo ou negro foi anterior á diferenciación interna das razas de peteiro negro.

Subespecies euroasiáticas[editar | editar a fonte]

  • Pica p. pica é a forma normativa.
  • P. p. galliae ten a parte inferior do lombo máis escura ca P. p. germanica e cas pegas escandinavas. Viven en Francia, Bélxica e Renania-Palatinado. En Suíza foi exterminada en 1915.
  • P. p. melanotos, coa parte baixa do lombo negra. A cola ten reflexos verde-amarelos. Vive na Península Ibérica.
  • P. p. mauritanica, a variedade máis pequena e escura. As ás teñen reflexos verde escuros e purpúreos. A raíz da cola é sempre negra. Detrás dos ollos teñen unha zona sen plumas de cor azul cobalto. É propia do noroeste de África, Marrocos, Alxeria e Tunicia). Algúns científicos considérana unha especie separada.
  • P. p. germanica, a menor é de ás máis curtas que a forma tipo. Vive nunha área dende Turinxia ata Baixa Lusacia. Os máis dos ornitólogos non a consideran unha subespecie separada.
  • P. p. fennorum, as ás son máis longas (nos machos 190–221 mm) que na subespecie tipo. O nacemento da cola é gris, máis claro que na P. p. pica. Vive no nordeste de Escandinavia, Finlandia e o norte da Rusia europea.
  • P. p. bactriana, máis clara. A cola ten reflexos da cor do bronce, nunca azuis. Habita as zonas media e leste dos territorios da antiga Unión Soviética: as cuncas do Volga e o Don e o leste de Ucraína. Tamén á beira do mar de Azov ata Astracán, no norte do Cáucaso, en Transcaucasia no Transcaspio e no oeste de Turquestán. Tamén nas estepas centrais de Kirguizia, Semipalatinsk, Afganistán e Beluchistán.
  • P. p. asirensis, de lombo negro, e plumas dos “brazos” azuis escuras. As puntas das plumas internas son grises. Viven nos montes Asir. A súa presenza na Arabia do sur non foi probada. Algúns científicos considérana unha especie á parte.
  • P. p. hemileucoptera, meirande que a P. p. bactriana e con plumas dos “brazos” máis verdosas. A cola ten reflexos amarelados e averdegados. As puntas das plumas das "mans" non teñen mancha distal negra. Vive na Siberia central, Altai, montaña Saian, noroeste de Mongolia, leste de Turkestan, oeste do Tian-Xan e Talas Alatau.
  • P. p. leucoptera, meirande que a anterior e con máis branco aínda nas ás. A parte baixa do lombo é branca. Habita ó sur do lago Baikal, no nordeste de Mongolia e noroeste de Manchuria.
  • P. p. jankowskii ten a cola gris con tons azuis. O azul das plumas rémixes secundarias é máis puro e con menos ton violeta que na subespecie P. p. sericea. A súa área de distribución está no leste de Manchuria e Sidemo
  • P. p. kamtschatica, a variedade máis clara e con reflexos máis verdes. As plumas das mans (rémixes primarias) son completamente brancas na cara interna e na primeira delas hai unha mancha branca. Rémixes e cola teñen reflexos verdes. Vive na rexión de Anadyr e na península de Kamchatka.
  • P. p. japonica, caracterizada polos reflexos violetas das plumas cobertoiras e rémixes. O peteiro e curto e gordo. Vive na illa de Kyūshū no Xapón.
  • P. p. sericea, de cola máis curta que a forma típica. Ás e cola teñen reflexos de cor violeta-purpúrea. A parte inferior do lombo é gris. Vive na rexión do Amur, Corea, leste da China, Alan-xan, norte de Ningsia, Kansu, Annam, Taiwán e Hainan.
  • P. p. bottanensis, a pega meirande e coa cola relativamente máis curta. A parte inferior do lombo é negra. Vive en Bután, Sikkim e a rexión do Tíbet leste.

A análise do ADN amosa que a subespecie P. p. sericea está xeneticamente moi afastada das formas euroasiáticas e podería ser unha especie diferente.

Subespecies americanas[editar | editar a fonte]

  • P. (p.) hudsonia (Pega de bico negro), en Alasca e a parte oeste da Norteamérica central. Semellante á especie europea Pica nuttalli.
  • P. (p.) nuttallii ten o peteiro amarelo e é máis pequena que a P. p. hudsonia. A súa área de distribución está en California.

A pega de bico amarelo Pica (pica) nuttallii é hoxe considerada unha especie separada e estudos recentes de ADN probarían que a variedade Pica (pica) hudsonia está xeneticamente máis preto de P. (p.) nuttallii que das variedades europeas, e sería unha especie distinta.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Vive tanto nas montañas (ata os 2 500 m de altura) coma en terras baixas. As subespecies P. p. asirensis, P. p. bottanensis, P. p. hemileucoptera son casos excepcionais: P. p. bottanensis, por exemplo, cría ata os 4 500 m e busca alimento ata os 5 500 m.

Habita sobre todo en zonas abertas con prados, mato, sebes e grupos de árbores illadas. Tamén nas beiras dos bosques, preto de zonas acuáticas e pantanos. É raro que apareza en bosques ou zonas de cultivo sen árbores. Evita tamén, en xeral, zonas moi costentas, vales moi estreitos e fondos e áreas onde as nevadas son frecuentes, coa excepción das subespecies citadas máis arriba. Calcúlase que máis da metade da poboación europea cría preto de zonas habitadas, de onde pasa con frecuencia ás cidades, nas que ocupa parques, cemiterios e xardíns. Por contra, antes era unha ave típica da paisaxe agraria.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Pega comendo nun coello morto

Come tanto alimento animal como vexetal. Consome insectos e as súas larvas, arácnidos, vermes e caracois. Captura tamén vertebrados de ata o talle dun rato, incluídos lagartos, anfibios, paxaros pequenos e as súas crías e mamíferos. Tamén ovos doutros paxaros. Tamén come animais mortos e, especialmente no outono, froitas, sementes e cogomelos. Expulsa as partes indixeribles en forma de egagrópilas.

Buscan a mantenza as máis das veces no chan. Cando cazan insectos, arañas ou animais pequenos páranse para mirar e despois corren ou saltan detrás da presa, que cachan co peteiro. Se están entre vexetación alta, camiña sen parar buscando comida. Levanta do chan plantas e pedras pequenas para procurar presas e tamén arrincan bagas. Sobre todo en América, comen tamén os parasitos de ovellas e vacas. Ás veces mesmo capturan peixes.

Os insectos son tragados enteiros, aínda que as nespras son esmagadas co bico antes de seren comidas. Os animais meirandes son suxeitados coas patas contra o chan e sacudidos co bico contra un obxecto duro. Cando capturan paxariños desplúmanos antes de comelos.

Acumulan comida en pequenos depósitos, que, en xeral, baleiran en poucos días. Cambian a localización das súas despensas frecuentemente para evitar que as poidan atopar outras aves. A acumulación de alimentos é máis notable no outono. Agachan a comida nun furado pequeno que cavan co bico no chan, e despois cóbrena con terra e plantas. Estas reservas poden ser moi importantes no inverno.

As pegas de zonas urbanas obteñen a metade da súa mantenza das moreas do lixo e de restos da alimentación humana e poden utilizar lugares axeitados nos tellados para gardar o alimento.

Hábitos de vida[editar | editar a fonte]

As pegas son activas desde unha media hora antes do amencer, aínda que a hora varía coa época do ano. Cara á posta de sol vanse achegando cada vez máis cara ó seu lugar de descanso. As pegas que están criando viven xuntas no seu territorio, mentres que as que non crían forman bandos que, no inverno, van dunha ducia a centos de exemplares.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Pica pica pica

As pegas maduran sexualmente no seu primeiro outono de vida, época na que forma bandadas con outras pegas que non están a criar. Na primavera seguinte só menos da metade dos machos e ó redor do 50% das femias crían.

Aparellamento e construción do niño[editar | editar a fonte]

Niño de pega

Forman parellas que duran toda a vida. Se un dos membros da parella morre, é substituído en xeral rapidamente por unha ave de primeiro ano. As parellas adoitan separarse despois de varias crías sen éxito. Nos outonos as futuras parellas van pasando cada vez máis tempo xuntas ata que se senten vinculadas. Aínda así seguen a buscar comida por separado.

A inspección do lugar de construción do futuro niño dura de outubro a xaneiro (en Centroeuropa ata febreiro). Os sitios preferidos para face-los niños son as pólas superiores de árbores altas, entre os 12 e os 30 metros de altura que son de difícil acceso e son un bo punto de observación, ou zonas máis baixa, entre 3 e 4 metros do chan, entre maleza ou sebes mestas e con espiñas.

O niño[editar | editar a fonte]

O niño é esférico. Mide entre 35 e 75 cm de ancho. Está feito de poliñas e cotelos, secos e entrecruzados. Moitos niños teñen dúas entradas.

Nomes comúns noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Alemán: Elster
  • Búlgaro: Svraka (Сврака)
  • Catalán: Garça
  • Español: Urraca
  • Francés: Pie (bavarde)
  • Inglés: (European) Magpie
  • Portugués: Pega-rabuda ou pega-rabilonga
  • Ruso: (Obyknovennaia) soroka (Обыкновенная сорока)

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia é moi común, e está espallada por toda a comunidade autónoma, pero é máis escasa nas zonas montañosas a partir dos 1 300-1 400 m de altitude.[9]

As pegas na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Corvos, pegas e choias,
dou ó demo estas tres xoias.

—Popular[10]
  • ¡Dios queira que non atopes/ nunca pra ti mans abertas,/ e que, mal morto de fame,/ te coman os cans e as pegas!.
  • Non hai pega sen mancha negra.


Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de Vulnerábel baixo o criterio do tamaño da área de distribución, a extensión e calidade do hábitat e o tamaño da poboación, a que a tendencia de poboación parece ser estable e, polo tanto, a especie non se aproxima aos limiares de Vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación e aínda que o tamaño da poboación non se cuantificou debe ser extraordinariamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de Vulnerábel, cualifica o status da especie como LC (Pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2017): Pica pica na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 12 de febreiro de 2022.
  2. Definición de rabuda no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega Arquivado 29 de decembro de 2015 en Wayback Machine.
  3. Definición de pega rabilonga no Dicionario da RAG
  4. Prior, H.; Schwarz, A. & Güntürkün, O. (2008): "Mirror-induced behavior in the Magpie (Pica pica): evidence of self-recognition". PLOS Biology 6 (8): e202. (Texto completo)
  5. Emery, N. J. & Clayton, N. S. (2004): "Comparing the complex cognition of birds and primates". En Rogers, L. J. & Kaplan, G. T., eds. Comparative vertebrate cognition: are primates superior to non-primates?. New York: Kluwer Academic. ISBN 978-0-306-47727-0, pp. 9 e 3–56.
  6. Gesner, Conrad (1555): Historiæ animalium liber III qui est de auium natura. Adiecti sunt ab initio indices alphabetici decem super nominibus auium in totidem linguis diuersis: & ante illos enumeratio auium eo ordiné quo in hoc volumine continentur. Zurich: Froschauer. pp. 666–672.
  7. Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae. pp. 106–107.
  8. 8,0 8,1 8,2 Pica pica (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 12 de febreiro de 2022.
  9. Penas Patiño, et al. 1991, p. 282.
  10. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha da pega rabilonga. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 117. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]