Zonula adhaerens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non se debe confundir con Zonula occludens ou Macula adhaerens.
Principais interaccións das proteínas estruturais nas unións adherentes baseadas na cadherina. Os filamentos de actina están asociados con unións adherentes ademais doutras varias proteínas de unión á actina como a vinculina. O dominio de cabeza da vinculina asóciase coa E-cadherina por medio de cateninas α-, β - e γ. O dominio de cola da vinculina únese a lípidos de membrana e a filamentos de actina.

Unha zonula adhaerens (tamén escrito zonula adherens) tamén chamada unión adherente ou desmosoma en banda[1] é un conxunto de complexos proteicos que aparecen nas unións entre as células dos tecidos epiteliais. A cara citoplasmática destas unións está unida ao citoesqueleto de actina. Están situadas xeralmente nunha posición máis basal ca as unións herméticas. Aparecen xeralmente como bandas que rodean a célula.

Unha unión celular parecida que se chama fascia adhaerens aparece en células non epiteliais, como as células musculares cardíacas. É estruturalmente igual, pero aparece formando patróns con forma de fita que non rodean por completo a célula.

Cómpre distinguir entre zonula adhaerens (desmosoma en banda), macula adhaerens (desmosoma puntual), e hemidesmosoma, consultando os artigos correspondentes.

Compoñentes proteicos[editar | editar a fonte]

As zonula adhaerens están compostas polas seguintes proteínas:

  • Cadherinas. Son unha familia de proteínas transmembrana que forman homodímeros dun modo dependente do calcio con outras moléculas de cadherina de células adxacentes.
  • p120 (ás veces chamada delta catenina). Únese á rexión xustamembranal da cadherina.
  • β-catenina ou gamma-catenina (placoglobina). Únese á rexión da cadherina para a unión da catenina.
  • α-catenina. Únese á cadherina indirectamente por medio da β-catenina ou da placoglobina e une o citoesqueleto de actina da célula coa cadherina.[2]

Modelos[editar | editar a fonte]

Pensouse durante moito anos que as unións adherentes compartían a característica de unir as células veciñas conectando os seus filamentos de actina.

O modelo aceptado era que as unións adherentes servían como unha ponte que conectaba os citoesqueletos de actina das células veciñas por medio dunha interacción directa. Porén, os investigadores non puideron illar o complexo cuaternario cadherina-βcatenina-αcatenina-actina in vitro. Datos recentes (2005) demostraron que a actina asociada á membrana é varias veces menos estable comparada cos compoñentes do complexo da unión adherente.[3][4]

Ademais, os autores encontraron que a α-catenina monomérica se une preferentemente ao complexo de unión da cadherina por medio da β-catenina. A α-catenina dimérica únese preferentemente á actina e suprime a ramificación da actina mediada polo complexo Arp2/3, actuando así como un interruptor molecular que regula a polimerización da actina.

As unións adherentes poden servir como módulos regulatorios para manter o anel contráctil de actina co cal están asociados nos estudos microscópicos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://219.221.200.61/ywwy/zbsw%28E%29/edetail4.htm
  2. Ferreri DM, Vincent PA (2008). "Signaling to and through the Endothelial Adherens Junction". Cell Junctions: Adhesion, Development, and Disease. Wiley VCH. ISBN 978-3-527-31882-7. 
  3. Yamada S, Pokutta S, Drees F, Weis W, Nelson W (2005). "Deconstructing the cadherin-catenin-actin complex.". Cell 123 (5): 889–901. DOI:10.1016/j.cell.2005.09.020. PMID 16325582. 
  4. Drees F, Pokutta S, Yamada S, Nelson W, Weis W (2005). "Alpha-catenin is a molecular switch that binds E-cadherin-beta-catenin and regulates actin-filament assembly.". Cell 123 (5): 903–15. DOI:10.1016/j.cell.2005.09.021. PMID 16325583. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]