Zona de desenvolvemento próximo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A zona de desenvolvemento próximo (зона ближайшего развития), ZDP, é un concepto definido por Lev Vigotski que tenta dar luz sobre como nos convertemos no que somos, que forzas guían as distintas traxectorias de desenvolvemento que cada un de nós seguimos, que elementos definen os graos de liberdade de acción en cada etapa da nosa vida e cales son os principios organizadores da nosa experiencia.

Consiste no conxunto de posibilidades alcanzables para a nosa mellora de xeito inmediato. É na ZDP na que xorden efecto pleno as axudas do educador, aumentando así o que se pode chamar o desenvolvemento propio do individuo, que se incrementa ó ir englobando ditas zonas. Neste sentido, pódese dicir que é a diferenza entre o que o /a aprendiz pode chegar a facer con axuda e sen axuda.

Vygotski expuxo que se un neno segue o exemplo do adulto de xeito gradual desenvolve a habilidade de facer tarefas de forma segura sen axuda ou asistencia. A definición de Vygotski da ZDP é presentada a miúdo como a distancia entre o nivel de desenvolvemento real cando é determinada a situación do problema, independentemente de que sexa ou non solucionada, e o nivel de desenvolvemento potencial cando o problema é solucionado baixo orientación dun adulto ou en colaboración con pares máis capaces. Deste xeito, Vygotski, entre outros reputados profesionais, cre que a función da educación é proporcionar ós nenos experiencias na súa ZPD, animando o seu desenvolvemento e avanzando así na súa aprendizaxe individual.

Orixe[editar | editar a fonte]

O concepto da zona de desenvolvemento próximo foi orixinalmente ideado por Vygotski para argumentar contra o uso de test académicos baseados en probas de coñecementos como un medio para medir a intelixencia dos alumnos. Vygotski argumenta que en troques de examinar o que un estudante sabe para determinar a intelixencia, é mellor analizar a súa capacidade de resolver problemas de forma independente e a súa capacidade para resolver problemas coa asistencia dun adulto.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O concepto de ZDP foi ampliado, modificado e transformado en novos conceptos a partir da concepción orixinal de Vygotski.

O concepto de estada está profundamente relacionado coa ZDP, aínda que Vygotski non mencionara nunca o termo. No seu canto a estada educativa foi desenvolvida por Ann Brown e outros teóricos como unha aplicación sociocultural da ZDP de Vygotski para contextos educativos. A estada educativa é un proceso mediante o cal un profesor ou máis pares competentes dá auxilio ao alumno que o necesita na súa ZDP durante un proceso de desenvolvemento, sendo eliminado con posterioridade ó volverse innecesario, tal e como ocorre cando unha estada é eliminada dun edificio despois de ser necesaria para a súa construción. Segundo a especialista en educación Nancy Balaban, "Estada refírese á forma na que o adulto orienta ó neno que está a aprender a través de preguntas específicas e interaccións positivas." Varios programas de ensino foron desenvolvidos a partir da noción de ZDP interpretada deste xeito, incluíndo o ensino recíproco e a avaliación dinámica.

A ZDP foi implementada como un concepto mensurable no programa de lectura Accelerated Reader. Os desenvolvedores de Accelerated Reader descríbeno como "o nivel de dificultade [do libro] que non é nin moi duro nin moi doado, e é o nivel no que ocorre a aprendizaxe ideal". O programa "Star reading" suxire pola súa parte un nivel de ZDP que pode ser determinado a partir doutras probas normalizadas. Os que desenvolven o programa informático alegan que os estudantes nin deben ler libros moi doados para evitar o aburrimento, nin moi difíciles, para evitar a frustración. Este nivel de dificultade do libro axuda a mellorar as habilidades de lectura do vocabulario e outros.

Aínda que as ideas de ZDP de Vygotski foron orixinalmente utilizadas só para a habilidade de resolver problemas, Roland Tharp e Ronald Gallimore apuntaron que pode ser ampliada para análise doutros ámbitos de competencias e habilidades. Estas zonas especializadas de desenvolvemento inclúen zonas culturais, zonas individuais e as zonas orientadas a habilidades concretas. Respecto destas zonas orientadas a habilidades, é común entre os investigadores crer que é así como se produce o desenvolvemento da primeira infancia, na que os nenos aprenden seu idioma nativo e as habilidades motoras en xeral, sendo colocados na zona de desenvolvemento próximo.

A traverso do seu traballo con grupos de colaboración de adultos, Kimberly Lebak e Ron Tinsley (2009) identificaron a "Zona de capacidade reflexiva". Esta zona parte dos atributos teóricos da ZDP, pero é unha definición máis específica da construción útil para describir e comprender a forma na que a capacidade dun adulto para a reflexión se pode ampliar cando colabora con outros adultos con obxectivos semellantes durante un período prolongado de tempo. Tinsley e Lebak descubriron que cando os adultos compartiron os seus comentarios, análises e avaliacións do traballo nun contorno de traballo colaborativo o seu potencial de reflexión crítica ampliouse; medrou a zona de expansión da capacidade reflexiva, así como a confianza e a comprensión mutua entre os pares.

A zona da capacidade reflexiva está construída a través da interacción entre os participantes nunha actividade común e expándese cando é mediada por interaccións positivas cos outros participantes, exactamente na mesma liña que a ZDP, como Gordon Wells (1999) describiu.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]