Zits

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Zits é unha tira cómica escrita por Jerry Scott e ilustrada por Jim Borgman, que relata a vida de Jeremy Duncan, un adolescente de quince anos no seu primeiro curso na High School. A tira fixo o seu debut en xullo de 1997 en, aproximadamente, 200 periódicos, e desde entón pasou a ser moi popular a nivel mundial, recibindo varios premios.

A tira desenvólvese nun típico suburbio estadounidense e os diferentes lugares (casa, colexio, tendas) onde Jeremy trata de equilibrar a súa vida pasando o tempo cos seus amigos (sobre todo co seu mellor amigo, Héctor García), intentado analizar a súa torpe relación coa súa noiva periódica (xúntanse e sepáranse con inusitada rapidez), loitando cos deberes, ensaiando para ser un futuro deus do Rock, e tolerando aos seus ridículos pais (segundo o seu punto de vista). A tira destaca por ter unha variedade de personaxes principais ben definidos e estruturados, que complementan a dura vida do adolescente Jeremy.

Orixe e traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1996, Jerry Scott xa era coñecido pola tira cómica Baby Blues, pero era consciente de que a súa profesión como debuxante independente dependía en exceso do seguinte chiste que puidera publicar. Un amigo suxeriulle que creara unha nova tira, pero esta vez protagonizada por un adolescente, ao que Scott accedeu. Pero unha vez iniciado o traballo tivo que recoñecer que os personaxes eran demasiado parecidos ás súas anteriores creacións.

Jim Borgman, até entón debuxante de tiras de carácter político no The Cincinatti Enquirer (polas que gañou un Pulitzer) e amigo de Scott decidiu axudarlle coa tira cando este último lle explicou o seu problema. Segundo Borgman, concibiron a idea principal da tira mentres volvían dunha convención de cómics. No paso dos meses, a través do teléfono e o uso do fax (Scott vive en California, Borgman en Ohio), foron desenvolvendo os personaxes que finalmente se converterían nos Duncan.

King Features Syndicate, que xa distribuía Baby Blues e as tiras de Borgman, iniciou a serie de Zits (literalmente acné en inglés) en 1997.

A influencia de Calvin e Hobbes[editar | editar a fonte]

Calquera aficionado á lectura de Calvin and Hobbes nota as evidentes semellanzas de estilo entre Zits e a tira de Bill Watterson, xa que tanto Watterson como Borgman estudaron no Kenyon College (unha Universidade de Arte en Ohio). Watterson, catro anos máis novo, substituíu a Borgman como debuxante do periódico da universidade unha vez que este último se graduou.

Esta influencia de Calvin e Hobbes pódese ver, por exemplo, no uso dunha páxina enteira nas tiras dominicais, en vez do formato establecido da tira diaria: Watterson está acreditado como o primeiro debuxante moderno en recuperar este formato, co que as súas tiras se achegaron máis ás dos anos 20 e 30. Zits segue estritamente este estilo, adoptando un debuxo dinámico e cheo de detalles.

Pero aparte da clara influencia que debe a Watterson, Zits tamén é notable por incluír unha variedade de personaxes multiculturais (afroamericanos, asiáticos, latinos) e incluso unha relación de parella interracial, pouco común nas tiras cómicas.

Personaxes principais[editar | editar a fonte]

Jeremy Duncan[editar | editar a fonte]

Jeremy recibe o seu nome dun dos membros do dúo musical Chad and Jeremy (Chad é o nome do irmán de Jeremy na tira). Jeremy Michael Duncan é un intelixente adolescente de quince anos, que cursa o seu primeiro ano de educación secundaria e que aspira a triunfar como roqueiro. Pasa a maior parte do tempo co seu mellor amigo, Héctor García, e intentando levar a súa complicada relación coa súa, por momentos, noiva Sara Toomey. Cando non está no instituto ou cos seus amigos, Jeremy soporta a vergoña e as queixas dos seus pais, Walt e Connie Duncan.

Acostuma vestir unha arrugada camisa de cor morada, vaqueiros azuis e tenis de tamaño desproporcionado. Pasa parte do seu tempo intentando amañar unha vella furgoneta VW Type 2 de 1962 xunto a Héctor, coa que pensan percorrer Estados Unidos cando cumpran os dezaseis. Jeremy é tamén o líder e cantante da súa propia banda de música, usando o seu garaxe para os ensaios. A banda cambia constantemente de nome. Nun concurso de bandas foi onde Jeremy e Sara se deron o seu primeiro bico, e empezaron a súa relación, que desde entón se viu salpicada de discusións, rupturas e reconciliacións.

Connie Duncan[editar | editar a fonte]

Connie é a nai de Jeremy. Ten 43 anos e traballa como psicóloga infantil, aínda que desde o nacemento de Jeremy só traballa a tempo parcial, e a súa profesión raramente se menciona excepto nas primeiras tiras. É tamén aspirante a escritora, e traballa no seu libro, que se titularía "Comprenda o seu adolescente". As constantes interrupcións de Jeremy provocan que nin acabara o primeiro capítulo.

A pesar de que o seu rol inicial, e habitual, é de ama de casa, Connie actúa como a garante da disciplina na casa. A miúdo vésea espertando a Jeremy para que vaia ao colexio, reprendéndoo por non obedecer e levándoo en coche a calquera sitio. A pesar de que Jeremy apenas comparte cousas cos seus pais, Connie sempre está disposta a escoitar as súas inquedanzas e problemas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Zits en www.kingfeatures.com