Zapata de bico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zapata de bico
(Deania calcea)
Debuxo de Deania calcea
Debuxo de Deania calcea
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Superorde: Selachimorpha
Orde: Squaliformes
Familia: Centrophoridae
Xénero: Deania
Especie: D. calcea
Nome binomial
Deania calcea
(Lowe, 1839)
Distribución de Deania calcea

Distribución de Deania calcea
Zapata de bico (Deania calcea).

A zapata de bico ou zapata paxariño,[1] Deania calcea, é unha especie de pequeno tiburón do xénero Deania que se encontra nas costas do océano Pacífico ao redor de Honshu, Xapón, no sur de Australia, Nova Zelandia e Chile, e no océano Atlántico, desde Islandia até o cabo da Boa Esperanza (Sudáfrica).

De corpo alongado, ten un fociño moi longo e estreito, dúas aletas dorsais longas e baixas, con espiñas acanaladas e pequenas aletas pectoris, carecendo de aleta anal.

Vive a profundidades de entre 73 e 1.450 m. É ovovivíparo, cun máximo de doce crías por camada. Aliméntase de peixes óseos e camaróns.

Descrición[editar | editar a fonte]

As principais características da zapata de bico son:[2]

  • Corpo alongado, que alcanza lonxitudes de de 70 a 90 cm nos machos e de 70 a 110 nas femias.
  • Fociño moi longo, estreito e aplanado, a xeito de espátula.
  • Dentes diferentes. Os do maxilar superior son máis pequenos que os do inferior, en forma de lámina cunha punta vertical; os da mandíbula, máis grandes, son tamén máis anchos e cunha punta que varía entre a posición vertical e a oblicua.
  • Dúas aletas dorsais, con espiñas acanaladas, a primeira moi longa e baixa, coa orixe á altura das pectorais; segunda máis curta e alta e coa espiña máis longa que a da primeira. aletas pectorias pouco desenvolvidas. Carece de aleta anal.
  • Carece de quillas no pedúnculo caudal.
  • Coloración gris apardazada no dorso e abrancazada no ventre.

Historia natural[editar | editar a fonte]

A zapata de bico é unha especie común, pero pouco coñecida por habitar en augas profundas (tense rexistrado entre os 73 e os 1.450 m de profundidade) e sempre preto do fondo. Aliméntase sobre todo de peixes óseos de fondo e camaróns. É ovoviviparo, con camadas de entre 6 e 12 crías que miden ao nacer uns 30 cm.[2]

En Galicia[editar | editar a fonte]

A especie aparece rexistrada en augas galegas por Solórzano et al., 1988,[3] pero nin este autor, na súa Guía dos peixes de Galicia,[4] nin Rodríguez Villanueva et al., 1992)[2] lle dan nome galego nigún, pero sí o fan Lahuerta e Vázquez,[5] que lle adxudican o de zapata de bico e, como sinónimo, zapata paxariño.[6]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A IUCN cualifica o estado de conservación desta especie como LC (Pouco preocupante).[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Así denominada por Lahuerta e Vázquez (2000).
  2. 2,0 2,1 2,2 Rodríguez Villanueva et al. (19992, p. 74.
  3. Solórzano (1988), p. 14.
  4. Rodrígez Solórzano et al. (1983), p. 45.
  5. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 190.
  6. Os nomes da especie son, en inglés, birdbeard dogfish (peixe can bico de paxaro"); en castelán, tollo pajarito; en francés, squale savate ("escualo zapatilla"), e en portugués, sapata' (este último, segundo os autores citados).
  7. Deania calcea na Lista Vermella da IUCN. Versión 2012.2 (en inglés) Consultada o 13/12/2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zapata de bico Modificar a ligazón no Wikidata
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Zapata de bico

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
  • Moreno, Juan A. (2004): Guía de los tiburones de aguas ibéricas, Atlántico nororiental y Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 978-84-282-1367-7.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Enlaces externos[editar | editar a fonte]