Zënzar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zënzar

Información
Orixe Meirama, Cerceda, Galiza Flag of Galicia.svg
Período 1987 - actualidade
Xénero(s) punk rock
Selo(s) discográfico(s)
Membros Xosé Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira, X. A. Tabeaio, Manolo García
Antigos membros M. Silveira
Web oficial

Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama, Cerceda e formada durante o outono do ano 1987.

[editar] Historia

Fórmase no outono de 1987 co nome de Mördor. Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego. O seu primeiro concerto foi no Nadal de 1988 no pub Non sei sendo un sexteto. Mantiveron esa formación ata o ano 1991 cando saíron da banda o teclista Manuel Jesús e o guitarrista Luis. Destes primeiros anos destaca unha gravación en Meirama de 1990, a única que teñen como sexteto, e onde están as súas primeiras cancións e algunhas versións de bandas como Ilegales ou Nacha Pop.

A finais de 1992 gravan a súa primeira maqueta, Contos e lendas de terra adentro, con cinco temas. En 1993 dúas das súas canción aparecen no disco recompilatorio Rock na Costa da Morte, xunto con outras cinco bandas. A mediados de 1993 mudan o nome para Zënzar, debido a motivos legais.

En 1995 aparece a súa segunda maqueta, Fascinados polo prohibido, oito cancións coas que definen máis o son que os fará coñecidos. Nesa época realizan concertos ao lado de bandas xa consolidadas no panorama do rock estatal, como Extremoduro, Platero y tú, Boikot, Manolo Kabezabolo ou Barón Rojo.

No ano 1997, a banda edita o seu primeiro álbum, Disparados ó futuro, con 12 temas gravados nos estudios Fussión de Vigo. Despois da saída do disco realizan unha xira de presentación do mesmo que os levará a facer concertos durante dous anos, entre elas as actuacións nas primeiras edicións dos festivais Alen Galicia na Illa de Arousa, e Santi Rock en Santiago de Compostela. Ese ano tamén aparecen dous temas seus nos recompilatorios Bambán Vol. II e Oito anos de sequestros.

Durante a xira incorpórase a Zënzar o guitarrista Mario Grela. Despois dunha etapa de menor actividade, na primavera do 2001 aparece o seu segundo álbum, baixo o título Todo vai ben, con 13 temas, todos eles en galego. Dous dos temas inclúen as colaboracións do gaiteiro dos Papaqueixos, Xan, e de Rómulo Sanjurjo, acordeonista dos Diplomáticos de Monte Alto. Após o lanzamento a banda embárcase nunha xira de presentación duns 40 concertos por Galicia. Rematada a xira no ano 2002, a banda entra no estudio Bonham da Coruña para gravar oito temas dun novo disco, Rockanrol, que saíu á vente en xuño dese ano.

Despois do lanzamento a banda entra nun período de menor actividade, pero fan o seu primeiro concerto en Madrid e dúas actuacións logo do afundimento do Prestige en Malpica e Cerceda.

A finais do ano 2004 comezan a traballar no que sería o seu seguinte álbum, pero pouco despois o guitarrista M. Silveira abandona a banda.. No 2006 entran no estudio de Xabier Abreu en Nigrán para gravaren Sigue... e dálle. O disco, que inclúe un DVD, foi presentado o 30 de xuño dese ano na sala Nunca Máis de Ordes. Ese mesmo ano incorpórase Paco Cerdeira como segunda guitarra, despois de colaborar na gravación do álbum. "A Tribu" foi o seguinte traballo, no que colaboran voces coma a de María X Silvar "SES", Vituco Neira (RuxeRuxe), Martin (Machina), Gende Beat ou Xurxo Souto. Tamén músicos convidados que pasan a acompañalos en algúns concertos de presentación deste traballo.

No 2011 editan un DVD titulado "ZËNZAR ao Vivo" que conta con 14 temas nos que aparecen todas as colaboracións antes mencionadas. O ano 2012 será cando presenten o seu 7º traballo en cd-dvd, un disco aínda sen titulo e que os levara por distintos escenarios de Galiza.

[editar] Discografía

  • Mördor en directo (1990; aínda co nome de Mördor).
  • Contos e lendas de terra adentro (1992; maqueta).
  • Fascinados polo prohibido (1995; maqueta).
  • Disparados ó futuro (1997).
  • Todo vai ben (2001).
  • Rockanrol (2001).
  • Sigue... e dálle (2006).
  • A "tribu" (2009).
  • "ZËNZAR ao vivo" (2011) DVD

[editar] Recompilacións

  • Rock na Costa da Morte (1993), cos temas "No teu rostro" e "O home bala".
  • Bambán Vol. II (1997), co tema "Podes ser ti".
  • Oito anos de sequestros' (1997), cun tema.
  • Mixtura (2002), cos temas "Falo en nome da terra" e "Crus de marijuana".
  • Con dignidade (2003), co tema "Marea negra".
  • Música pola liberdade dos pobos 2 (2006). Achegan un tema.
  • A Per Loca (2006), co tema "O Padriño".
  • 120 capadores (2007), co tema "Non chas quero".
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas