Xurado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Debuxo dun xurado en Connecticut nun xuízo de 1971.

O xurado é un mecanismo das Administracións de Xustiza para involucrar os cidadáns na toma de decisións dun Tribunal. Habitualmente, ós xurados correspóndelles ditamina-la culpabilidade ou inocencia do ou dos acusados, aínda que en certos sistemas tamén se lles atribúe a potestade sobre a pena correspondente ó reo.

Xustificación[editar | editar a fonte]

A xustificación deste mecanismo xurídico atópase no feito de que, dende a separación de poderes, os cidadáns participan no Poder Lexislativo ou no Executivo vía sufraxio ou vía referendo; porén, non teñen outra forma de participaren no Poder Xudicial fóra do xurado.

Así mesmo, o feito de que os xurisperitos tendan a cometer erros nos fallos de sentenzas debido a que se afectan unicamente a tecnicismos tamén é un xustificante adecuado para a existencia da institución do xurado.

Sistemas de Xurado[editar | editar a fonte]

"O xurado", cadro de 1861 de John Morgan.

En Europa existen tres sistemas de xurado: o puro ou anglosaxón; un sistema de xurado mixto, implantado en Austria e Bélxica; e o escabinado, ou tribunal de xuíces e legos, en países do noso contorno como Francia, Alemaña, Grecia e Portugal.

Sistema puro ou anglosaxón[editar | editar a fonte]

A este tipo de xurados correspóndelles ditaminar, nun veredicto sen motivar, a inocencia ou culpabilidade do acusado. Está instaurado na High Court británica e noutros tribunais británicos. Este modelo de xurado é tamén coñecido a través do cinema xudicial americano, o cal garda unha gran similitude co xurado reinstaurado en Rusia.

A doutrina xurídica coñece este sistema de xurado polo nome de xurado popular.

Sistema mixto[editar | editar a fonte]

Neste tipo de xurados, os integrantes deliberan sós, sen xuíces, sobre a inocencia ou culpabilidade do acusado. Se o veredicto é de absolución, decrétase esta e libérase ó reo. Non obstante, se é de condena, e a diferenza do xurado popular, os xurados teñen que se reunir cos xuíces para decidiren a extensión das penas.

Xurado escabinado ou tribunal de escabinos[editar | editar a fonte]

Esta clase de xurado está integrado por xuíces e cidadáns legos en dereito, que deliberan conxuntamente todo o obxecto do xuízo. Salvo en Alemaña, onde os maxistrados son maioría, a relación é dun maxistrado por cada tres cidadáns. Os xuíces escoitan o que din os cidadáns pero para condenar precísase unha maioría reforzada, de entre 7 e 9 votos de culpabilidade.

Este sistema, segundo Gimeno Sendra -catedrático de Dereito procesual-, está deseñado para que xuíces e cidadáns teñan que discutir e convencerse e o relator facer unha sentenza motivada.

Sistema español[editar | editar a fonte]

A Lei Orgánica do Tribunal do Xurado de 1995 reintrodúceo en España, en cumprimento do mandato do artigo 125 da Constitución, case 20 anos despois de promulgarse esta. É un sistema anglosaxón reformado no que nove cidadáns votan sobre os feitos. Pero han de facelo a través dunha resolución motivada, respondendo ás cuestións que formula o maxistrado-presidente. Despois, na votación sobre a culpabilidade, requírense sete votos para establecer a culpabilidade e cinco para a inculpabilidade.

Proposta do CXPX[editar | editar a fonte]

O sector conservador do Consello Xeral do Poder Xudicial propuxo que cando tras un segundo xuízo con xurado non se chegue a un veredicto, en vez de ditarse sentenza absolutoria como establece o artigo 65 da lei, se celebre un novo xuízo por un tribunal de maxistrados profesionais. Os defensores do actual modelo opinan que unha absolución, despois de dous xuízos nos que non se obteñen sete votos de culpabilidade nin cinco de inocencia, non supón un "fracaso" do xurado, senón que é plenamente coherente coa institución: "A imposibilidade do veredicto de culpabilidade é un veredicto en si mesmo", alegan.