Xulia Drusila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Drusila.

Xulia Drusila en latin Iulia Drusilla, (Abitarvium (Xermania), (16 de setembro de 16 - 10 de xuño de 38), filla de Xermánico e Agripina a maior, irmá de Calígula.

Desde cativa estivo rodeada de intrigas familiares, como as que remataron coa vida do seu pai e irmáns maiores. Acompañaría á súa nai Agripina a Maior no seu exilio na illa de Pandataria do mesmo xeito que o resto das súas irmás.

No ano 34, xa en Roma, contraeu matrimonio con Lucio Casio Longino, de quen se divorciou no 37 por intercesión do seu irmán Calígula. Para entón xa corrían os rumores que dicían que se convertera na amante favorita do seu irmán o emperador Calígula.

Posteriormente Drusila volveu casar, esta vez con Marco Emilio Lépido, o seu curmán materno, fillo de Julia Vipsania. De Lépido tamén se dicía que era amante de Macron, e que se casou con Drusila por petición deste, para preservala só para o seu protector o emperador.

Cando estivo a piques de morrer debido a unha enfermidade, Drusila foi proclamada Augusta e tamén foi nomeada como a herdeira de Calígula.

Morte misteriosa[editar | editar a fonte]

O seu falecemento talvez se debera a unha febre. Con todo, dicíase entre os moitos rumores acerca da súa incerta morte que estaría embarazada do seu irmán e que este a asasinou.

Tras o seu falecemento no ano 38, Calígula ficou gravemente aflixido e organizou magníficos funerais en honra á súa amada irmá, decretando que no tempo que durase o loito a Drusila, estaría prohibido rirse e manter prácticas sexuais, entre outras extravagancias que non sentaron nada ben ao pobo de Roma.

Ademais deificou á súa irmá erguéndoa ao status de deusa co nome de Pantea e como tal se lle adicou culto do mesmo xeito que sacerdotes.

En memoria á súa querida irmá a quen tanto amaba, Calígula poría por nome Xulia Drusila á única filla que tivo coa súa última esposa Milonia Cesonia.

Drusila no cinema[editar | editar a fonte]

O amor incestuoso que mantivo co seu irmán foi levado á pantalla grande por Tinto Brass na película Calígula de 1979 onde Teresa Ann Savoy encarnou a Drusila.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ela foi citada en libros como:

  • A vida dos 12 Césares, de Suetonio.
  • Eu Claudio, de Robert Graves, posteriormente convertida en miniserie de 13 episodios.
  • Memorias de Agripina, de Pierre Grimal.
  • Calígula o deus cruel, de Siegfried Obermier.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xulia Drusila