Xosemaría Pérez Parallé
Xosé María Pérez Parallé, que asinaba con frecuencia como Xosemaría Pérez Parallé, nado en Ferrol o 4 de agosto de 1909 e finado en Fene o 1 de novembro de 1987, foi un mestre e escritor galego.
Índice |
Traxectoria [editar]
A súa actividade cultural comeza en Santiago de Compostela, cidade na que realizará estudos universitarios de Dereito, Filosofía e Letras e Maxisterio, colaborando tamén en diversos xornais e participando dalgunhas iniciativas como a fundación da revista Abrente, xunto con Filgueira Valverde e outros escritores.
Regresa a Ferrol, onde participa da publicación republicana Renovación, así como nas actividades do Centro Obreiro de Cultura. Parelalamente comeza a desenvolver un intenso traballo poético que en gran parte permanece inédito até despois do seu pasamento, a pesar de recibir algúns premios puntuais, como un diploma no Certamen del Trabajo de 1935. A chegada da Guerra Civil vai truncar a meirande parte das súas actividades públicas. O autor limítase ao seu traballo como mestre no Centro de Enseñanza General de Ferrol. Co tempo estabelecerase na parroquia de Barallobre, no concello de Fene, próximo a Ferrol, terra na que pasou boa parte da súa vida e coa que estabeleceu unha fonda ligazón persoal, polo que foi denominado popularmente como o poeta do Penedo, lugar desta parroquia onde residiu.
No anos sesenta fíxose cargo dos labores de dinamización cultural do Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene, mentres segue a recibir premios nacionais e internacionais: entre eles o de 1964 da Radio-Televisión Francesa a dous poemas do seu libro Cartafol da saudade, ou a mención nos Xogos Florais de Pamplona de 1975. Faleceu en 1987. Nese mesmo ano, o Círculo Mercantil creou, na súa honra, o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Dende entón ten recibido multitude de homenaxes. En Ferrol foi nomeado Fillo predilecto da cidade e deuselle o seu nome a unha rúa do seu barrio natal, Canido. En Fene, ademais de apoiar o premio literario, o concello puxo o seu nome á Biblioteca Municipal, e tamén lle adicou un banco na Praza do Camiñante Descoñecido, dedicas aos máis destacados autores galegos. Frecuentemente organízanse tamén homenaxes á súa persoa por parte das asociacións culturais de Fene, así como unha forte reivindicación para que sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Popularidade [editar]
A pesar de ser un autor que deixou boa parte da súa obra inédita e outra en edicións pequenas e mal distribuídas, Pérez Parallé gozou de sona na súa comarca. O seu estilo poético era sinxelo e pretendía estar próximo ás clases populares, empregando frecuentemente formas da literatura oral, fuxindo do eruditismo e tendo a Celso Emilio Ferreiro como un dos referentes. Considerábase a si mesmo, máis un segrel ca un poeta. Ademais disto, o autor colaborou frecuentemente en iniciativas culturais: foi letrista das rondallas de Ferrol, así como do certame de música infantil Cantareliña, creando composicións populares como a dun esconxuro da Queimada.
Obra [editar]
Existen dificultades, debido ao seu espallamento, de dar conta precisa de toda a obra escrita do autor. Algunhas edicións destacadas son:
- Poemas e cantigas, 1995 (póstuma)
- Cartafol da saudade, 1963
- Mariñanas: Retábulo betanceiro, Hispania, Xuvia, 1961
- Esconxuro da queimada, Xuvia, 1973
- Esteiro, saga romancera dun barrio perdido, 1975
- Dorna romeira, Fene, 1985
- Chanteiro: poemario sinxelo, Centro Cultural Outeiro, 1990 (póstuma)
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Llorca Freire, Guillermo: Ferroláns, Edicións Embora, 1996