Xosé Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosé Gómez González»)
Xosé Gómez
Nacemento3 de abril de 1932
Lugar de nacementoLalín
Falecemento8 de xaneiro de 2008
Lugar de falecementoLugo
SoterradoCatedral de Lugo
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónprofesor universitario, Sacerdote católico de rito romano e bispo católico
editar datos en Wikidata ]

Xosé Hixinio Gómez González, coñecido como frei Xosé Gómez, nado en Lalín o 3 de abril de 1932 e finado en Lugo o 8 de xaneiro de 2008, foi un prelado galego e bispo de Lugo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun avogado que ocupou o posto de secretario de varios concellos do interior galego, estudou a escola en Lalín e Cea, e a secundaria no colexio dos franciscanos de Herbón e logo en Ponteareas. Ingresou na orde franciscana en 1948. Estudou filosofía e teoloxía nos colexios desta orde en Ponteareas e Santiago, e ordenouse como crego católico en Santiago o 24 de xuño de 1956.

Proseguiu estudos de teoloxía en Roma, onde se licenciou primeiro na especialidade de Teoloxía Moral e logo na de Dereito canónico e na de Dereito romano, pola que ademais se doutorou (1961) cun traballo sobre os elementos esenciais do matrimonio romano. De volta a Galicia, traballou como docente en distintos colexios e universidades, e colaborou con distintos xornais. Ademais, dentro da orde franciscana, ocupou os cargos de vicerreitor e logo reitor do colexio de Compostela, para pasar despois a ser viceprovincial e finalmente prefecto da provincia de Santiago.

O 28 de xuño de 1980 accedeu ao cargo de bispo de Lugo na catedral desa cidade. Facía o número 100 no catálogo episcopal da diocese. Logo de 28 anos á fronte do seu posto, e enfermo de cancro, foi relevado a finais de 2007 por Alfonso Carrasco Rouco. Faleceu días despois e foi soterrado na catedral luguesa.[1]

Foi nomeado fillo adoptivo de Lugo en 2007.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A nosa voz Arquivado 06 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. Revista informativa da Diocese de Lugo.