Xoana de Habsburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xoana de Habsburgo
Princesa de Portugal
Cónxuxe Xoán Manuel, Príncipe de Portugal
Descendencia
Sebastián de Portugal
Casa Casa de Habsburgo
Pai Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico
Nai Sabela de Portugal
Nacemento 24 de Xuño de 1535
Falecemento 9 de Xullo de 1573

Xoana de Habsburgo, nada en Madrid o 27 de xuño de 1536 e finada en El Escorial o 7 de setembro de 1573, foi arquiduquesa de Austria e Princesa consorte de Portugal, cuarta filla do casamento do emperador Carlos V con Sabela de Portugal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O 11 de xaneiro de 1552, con dezaseis anos, casou en Toro co herdeiro do trono de Portugal, o Príncipe Xoán Manuel, o cal contaba soamente quince anos. Deste matrimonio naceu o futuro rei Sebastián I de Portugal.

Enviuvou a principios de 1554, e deu a luz ao fillo poucos días despois, confiando a educación do fillo, con só tres meses, á súa sogra Catarina de Austria (que era tamén súa tía). Unha vez en Castela asumiu o cargo de rexente desa coroa durante a ausencia de Carlos V, así como o seu irmán, Filipe II, que se atopaba de viaxe polos Países Baixos e por Inglaterra, onde viría a casar con María Tudor.

Enérxica, soubo rodearse de persoas da súa confianza, moitas das cales de orixe portuguesa, que partiran para Castela no séquito da súa nai, a emperatriz Sabela de Portugal (como o futuro Príncipe de Eboli, Rui Gomes da Silva, o cal viría a ser unha das figuras cumes, a par da infanta, do "partido ebolista", un dos principais grupos que se digladiaram na corte de Filipe II - por oposición ao dos albistas, ligados a Fernando Álvarez de Toledo y Pimentel, o Duque de Alba - o cal se caracterizou pola súa tolerancia e conciliación, sobre todo en termos relixiosos). Desa forma, a súa rexencia caracterízase polo aparente triunfo da facción máis moderada dentro da corte de Filipe II.

En 1557 ou 1559, por impulso do confesor, San Francisco de Borxa fundou en Madrid o mosteiro de Santa Clara coñecido como convento das Descalzas Reales de la Orden de Santa Clara, onde se encerrou máis tarde, e fundou en Alcalá o Real Colexio de Santo Agostiño. Xoana tiña aínda amizade con Santo Ignacio de Loyola. Din que entrou na Orde, -a única muller que xamais o fixo -, como "xesuita secreta".

En 1559, retírase da política activa, aínda que continúe a ser unha das mentoras da facción ebolista. A súa desaparición, en 1573, pronto seguido polo do príncipe de Eboli, ditou o fin da relativa tolerancia que até entón tiña vivido. O seu sepulcro, obra de Pompeo Leoni, que traballaba no Escorial, está no convento das Descalzas (Madrid).