Xoán Piñeiro Nogueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Autorretrato en bronce de Xoán Piñeiro, en Vigo.

Xoán Piñeiro Nogueira, nado no Hío en 1920 e falecido no Porriño en 1980, foi un escultor galego.

Índice

[editar] Traxectoria

De orixe campesiña e mariñeira, foi durante ata a mocidade un modesto pastor, aínda que xa daquela tallaba as súas primeras figuras a punta de navalla nas pólas dos carballos e castiñeiros.

A Deputación Provincial concedeulle unha bolsa para realizar estudos na Escola de San Fernando de Madrid, o que fixo con gran esforzo, por ter unha formación escolar moi escasa. Trasladouse despois a Santander para traballar nun obradoiro de imaxinaría do escultor José Capuz, mestre que lle aprendeu o oficio. O primeiro galardón acadouno na exposición de bolseiros de Escultura, en 1950, despois do éxito obtido no salón de outono madrileño, e de obter outra bolsa do concello de Cangas.

Residiu en Madrid, onde traballaba e expuña. En 1953 acodeu á Bienal Hispanoamericana de Barcelona. Rompeu coa vida madrileña e regresa a Galicia para establecer en 1972 o seu obradoiro en Goián, parroquia natal da súa muller, moitas veces modelo do artista e curmá do pintor Xavier Pousa, discípulo do mestre Antonio Fernández, co que o escultor trabou amizade inmediatamente.

Fachada de S. Xosé Obreiro, Vigo.

Empezou a realizar monumentos públicos que lle deron prestixio, como o de José Calvo Sotelo en Tui, ó que seguiron o do arcebispo Lago, tamén en Tui, o de José Millán-Astray na Coruña e o dos mariñeiros en Vigo. Frustrouse o seu proxecto de homenaxe a Martín Codax, pola incomprensión dun alcalde vigués que non entendeu a imaxinación do artista, que fai arte relixiosa para as igrexas de San Xosé obreiro e dos Apóstoles, en Vigo.

Prodigáronse as súas exposicións. Á inicial escultura realista, con forma amarrada e clásica, sucédea un mundo de formas curvas, con ocos nos que se combinan a pedra co bronce. Foi habitual nas mostras colectivas. Alternou a súa vida entre Vigo e Goián, e o seu afán por volver ó obradoiro, por traballar, por sentirse a gusto no seu medio de creación, costoulle a vida. Tras asistir a unha homenaxe íntima que un grupo de artistas lle rendíu ó escultor galego Reinaldo, Piñeiro decidiu, de madrugada, ir a Goián a traballar. Pouco despois do mencer, o domingo 21 de decembro de 1980 o seu Land Rover volcou no cruce de Porriño cara Tui, morrendo o artista.

Desde entón as exposicións da súa escultura, que coidan a súa viúva e as súas fillas, repetíronse en numerosas cidades, sempre en calidade de homenaxe a un mestre morto prematuramente.

Obra de Cuqui Piñeiro, filla de Xoán Piñeiro, en Pontevedra.

María Cruz Piñeiro Álvarez, filla do artista, continúa coa labor do seu pai no seu antigo obradoiro familiar de Goián, hoxe reconvertido en fundición artística.

A obra de Xoán Piñeiro atópase en varios museos galegos e españois, nalgúns de África e en coleccións institucionais.

Empezou as súas tarefas con influencias da escultura de postguerra, desde Clará a Capuz e desde Macías a Peanes. Tallaba con pedra -mármore, granito-, tarefa na que exerceu maxisterio cerca de Maxín Picallo Durán e outros escultores novos. Recorda a Victorio Macho nas obras de dobleces acusadas, de grandes arestas e angulosidades. Tras ver a obra de Henry Moore e as súas curvas e os seus ocos, ideou un novo sentido de volume, de concepto abstractivo, con espirais, formas de identificación vexetal ou relacionables coas fachadas de Gaudí e Jorge Oteiza. A textura invita a unha contemplación morosa. Parece que domina a mitoloxía precolombina.

[editar] Fundación Xoán Piñeiro

A Fundación Xoán Piñeiro foi presentada o 16 de marzo de 1999.

Adicou especial atención a pór en marcha o compromiso do Patronato da Fundación coa incorporación dos concellos de Tomiño, Cangas e Vigo a través dos seus representantes máximos, pola vinculación que o artista tivo con estas tres localidades e precisamente para romper co factor localista en relación co lugar onde se localiza a Fundación.

Seguidamente iniciouse o traballo de ampliación dos seus fondos coa donación de obras orixinais de artistas, con pezas singulares, que precisamente son as que lle dan o contido que a Fundación establece nas súas fins.

O 9 de decembro tivo lugar a inauguración pública dunha praza en Vigo co nome de Xoán Piñeiro, a colocación dun relieve feito polo artista Manolo Buciños e unha réplica do autorretrato de Xoán Piñeiro, ambas pezas doadas pola Fundación.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Alonso Eliseo: Xoan Piñeiro. A Guarda, 1981
  • Pablos, Francisco: Xoan Piñeiro. Pontevedra, Deputación provincial, 1982.
  • Pablos, Francisco: Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
  • 20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Deputación provincial, 1989.
  • Recordo de Xoan Piñeiro. (Colectivo). Vigo. Delegación Local de Cultura, 1982.
  • Xoan Piñeiro Nogueira. A Coruña, Concello (s.a.)
  • Chamoso Lamas. Manuel: «Arte» en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
  • Sobrino Manzanares, Maria Luisa: Historia de Galicia. Vol. II. Barcelona, Edit. Planeta. 1980.
  • Plaza Molina, Gabriel: «Arte» en Galicia. A Coruña, Edic. do Castro, 1981.

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas