Xoán Damasceno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Icona que representa a Xoán Damasceno.

Xoán Damasceno, nado en Damasco en 676 e finado en Xerusalén en 749, é un dos autores que máis influíu na filosofía bizantina e na teoloxía ortodoxa grega. Loitou contra a iconoclastia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sucedeu ao seu pai como oficial administrativo do califa de Damasco. No 730, desafiou ao emperador bizantino León III na súa defensa das iconas, seguindo a espiritualidade dos monxes ortodoxos e en contra dos teólogos imperiais.

Tras repartir todos os seus bens entre os necesitados, retirouse a un mosteiro en Mar Sabas, preto de Xerusalén, onde pasou o resto da súa vida estudando,escribindo e predicando (foi coñecido como o Chrisorrhoas o manancial de ouro). Alí foi ordenado presbítero no ano 735, e alí permanece enterrado.

Pensamento[editar | editar a fonte]

No seu Discurso sobre as sagradas imaxes defende que Deus é o creador da materia, e lonxe de ser esta algo negativo, é o medio a través do cal o home é salvado da morte e da escravitude do pecado, mediante o misterio da encarnación e a resurrección da carne. Deus mesmo se fixo materia en Xesús de Nazaret. As iconas non se adoran senón que se veneran. O que as palabras ensinan ao o oído, as imaxes ensínano aos ollos. As imaxes son o catecismo dos que non len.

Na súa Fonte do Coñecemento fai unha interpretación cristiá de Porfirio e da metafísica e a lóxica de Aristóteles. Así mesmo, vai expoñendo as diversas herexías e refutándoas consonte o establecido pola fe ortodoxa. Recolle e ordena sistematicamente as ideas de Basilio o Grande, Gregorio de Nisa e Gregorio Nacianceno, os denominados Pais da Capadocia, e o fai cunha reformulación aristotélica que en Occidente se recollerá e será decisiva para o nacemento da escolástica.

Para Xoán Damasceno todo o que hai no mundo é mudable, polo que non ten fundamento en si mesmo, de maneira que tivo que ser creado. É preciso un ser increado que dea fundamento, continuidade e meta a todo o existente, este é Deus. Vese aquí un anticipo das famosas vías de Tomé de Aquino. A Beleza, a Harmonía e o Cosmos son incompatibles coa casualidade e o caos, do que se deriva a existencia dun primeiro principio ordenador. Aínda que deste xeito se pode chegar a concluír a existencia de Deus, a súa esencia é incognoscible. Por iso o camiño máis acertado para falar de Deus é o negativo, pois cada atributo positivo é máis desigual ca igual a Deus.

En canto ao home, entende, como Platón e Plotino, que ten unha alma inmortal dotada de libre albedrío, pero a completude do ser humano supón corporeidade de aí a necesidade da resurrección dos mortos como culminación das arelas do home.

Nos Paralelos sagrados, fai unha serie de exhortacións morais nas que salientan a necesidade da humildade para abrirse á acción de Deus (Graza) e acadar a fonte e o cumio de todas as virtudes: o agape (o amor).

No Octoechos, recompila e revisa himnos e poemas.

Nunha obra menor Sobre os dragóns e as pantasmas, combate as supersticións, para el é a razón a que debe explicar os fenómenos naturais. A superstición é froito da ignorancia.

Influencia[editar | editar a fonte]

A Igrexa Ortodoxa considérao unha das súas grandes autoridades doutrinais. Os seus escritos tiveron unha influencia determinante na aceptación da veneración ás iconas no Segundo Concilio de Nicea. No século XII, Burgundio de Pisa traduciu parte da súa obra ao latín, o que favoreceu a súa expansión por Occidente. A Igrexa Católica teno oficialmente como un dos seus doutores dende 1883. A súa festa celébrase o 4 de decembro.