Xoán Casiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xoán Casiano
Pai da Igrexa
Nado arredor do 360 en Escitia Menor
Finado 435 en Marsella, Francia
Venerado en Igrexa Católica, Igrexa Ortodoxa, Comuñón Anglicana
Festividade 29 de febreiro (igrexas orientais e episcopaliana de EEUU), 23 de xullo (igrexas occidentais)


Xoán Casiano ou Cassiano, nado en Escitia Menor entre os anos 360 e 365 e finado en Marsella en 435, foi un sacerdote, asceta e Pai da Igrexa.

Traxectoria [editar]

Descoñécese o seu lugar de nacemento, probablemente Escitia Menor, na desembocadura do Danubio, aínda que é seguro que se formou en Belén e viviu durante sete anos como eremita no deserto de Exipto. Posteriormente recibiu o diaconado en Constantinopla de mans de san Xoán Crisóstomo, e foi ordenado sacerdote en Roma polo papa Inocencio I.

Cara ó 415 fundou a Abadía de San Víctor de Marsella, formada por dous mosteiros, un masculino e outro feminino, para os que redactou os seus escritos máis importantes: as Institutiones, nas que expón as obrigas do monxe e examina os vicios contra os que ten que estar prevido; e as súas vinte e catro Collationes, onde, en forma de diálogos con monxes famosos da antigüidade —como un complemento ás Institutiones— trata diversos aspectos da vida monacal, alaba a vida eremítica e indica que a vida ascética é a mellor vía para loitar contra o pecado.

Os seus escritos teolóxicos influíron nas doutrinas semipelaxianas.

Posteridade [editar]

San Bieito de Nursia recomendou ós seus monxes a lectura dos escritos de Xoán Casiano, e empregounos como fundamento para a súa regra, onde en certas pasaxes repítese palabra a palabra citas de Casiano e a mesma regra afirma que debe ser prolongada polas Conferencias dos Padres e as súas Institucións de Casiano.

Os monxes de Occidente apréciano como un dos principais mestres da vida monástica e consideran bo que lles teñan permitido beneficiarse da experiencia dos primeiros monxes de Oriente.

Despois do seu pasamento, o segundo Concilio de Orange, en 529, condenou o semipelaxianismo e deu unha formulación teolóxica da graza tal como preconizaba Santo Agostiño. O concilio pronunciouse contra os que, como Xoán Casiano de Marsella, Vicente de Lerins e Fausto de Riez, daban un papel máis importante ó libre albedrío.

Isto probablemente explica porqué Xoán Casiano non foi elevado a santo da Igrexa Católica Romana, aínda que si se venera localmente. Algunhas localidades preto de Lérins levan o seu nome. Porén os seus escritos foron lidos amplamente nos mosteiros de Occidente.

Polo contrario, si figura no calendario de santos da Igrexa ortodoxa onde é moi estimado polos seus escritos e a súa posición sobre a graza, onde os ortodoxos se recoñecen, mellor que nas de Agostiño de Hipona. Así é como moitos monxes e bispos ortodoxos levan o seu nome.

Bibliografía [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría:
  • San Juan Casiano: Instituciones. Tradución en castelán por L. e P. Sansegundo, Ed. Rialp, col. Neblí n. 15, Madrid, 1957.
  • San Juan Casiano: Colaciones. Tradución en castelán por L. e P. Sansegundo, Ed. Rialp, col. Neblí nn. 19 e 20, Madrid, 1958 e 1962.