Xiardíase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Para as características do protozoo vexa Giardia intestinalis.
Ciclo biolóxico das Giardia.

A xiardíase ou lamblíase [1] é unha enfermidade parasitaria provocada por un protozoo flaxelado, Giardia intestinalis (sin. Giardia lamblia ou Giardia duodenalis), presente nos alimentos ou na auga de consumo, contaminada por augas residuais humanas.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

O axente causal da enfermidade é un protozoo de 10-20 micras de longo por 6-10 de ancho, dunha forma que lembra á dunha cometa. Está dotado de varios flaxelos que permiten un movemento activo na auga.

Na súa forma vexetativa, trofozoíto, localízase na superficie da mucosa duodenal e xexunal, adherido ás vilosidades intestinais, onde se alimenta por osmose. Cando é expulsado coas feces convértese en quistes como forma de resistencia fronte á desecación. Estes quistes contaminan a auga e os alimentos, forma na que se produce o contaxio dun novo hóspede. Ó chegar ó intestino disólvese a parede do quiste e libérase un individuo tertranucleado que se divide inmediatamente por partición lonxitudinal en dous trofozoitos binucleados, pechándose así o ciclo.

Cadro clínico[editar | editar a fonte]

Normalmente é unha enfermidade asintomática, que pode manifestarse con longas fases de enterite crónica interrompidas de cando en vez por crises diarreicas agudas.

Nos casos máis graves pode presentarse unha síndrome de malabsorción, pola destrución masiva das células epiteliais do intestino delgado. Ó non ser quen de absorber ou dixerir certas moléculas, aparece unha malabsorción de lípidos, glícidos e proteínas. Pode aparecer esteatorrea (feces graxas e abundantes) e, posteriormente, deficiencias proteínicas e vitamínicas (sobre todo vitaminas liposolubles).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O Diccionario de termos médicos, 2002, tamén acepta a forma giardíase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]