Xeocrítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A xeocrítica é un método de análise literaria e mais tamén unha teoría literaria que concentra o seu interese no estudo do espazo xeográfico. O nome débese a Bertrand Westphal quen no ano 2000 publicou o libro La géocritique mode d'emploi onde se insire o texto Pour une approche géocritique des textes que constitúe o manifesto fundacional da xeocrítica, aínda que estudos que abordaban temáticas relacionadas existen desde moito antes. No ano 2007 Westphal afondou no tema no libro La Géocritique. Réel, fiction, espace dándolle carta de natureza [1] e como director do equipo de investigación da Universidade de Limoges, Espaces Humains et Interactions Culturelles (EHIC) constituído no ano 2000, colaborou na publicación de diversos proxectos xeocríticos.

Teoría[editar | editar a fonte]

A xeocrítica susténtase en tres premisas teóricas: a espazo-temporalidade, a transgresividade e a referencialidade. A idea que o espazo e o tempo forman un conxunto continuo débese á física moderna, o seu transplante ao dominio da teoría literaria permite propoñer un método de análise literaria interdisciplinaria. A análise non se centra xa que logo só en datos temporais, como a vida do autor, a historia do texto, que constitúe a crítica textual, ou da trama, que estuda a narrotoloxía, senón tamén sobre os datos espaciais, de aí a súa afinidade coa xeografía e con certos conceptos filosóficos como a deterritorialización. Na liña dos traballos de Michel Foucault, Henri Lefebvre e Mikhail Bakhtin recoñécese que as representacións do espazo caracterízanse pola transgresión xeral e consciente das normas establecidas, establecendo novas relacións entre as xentes, os lugares e os obxectos, e polo tanto xeocrítica ha ser multifocal, diferenciándose asi da imagoloxía, xeralmente centrada na visión que o autor ten sobre un ou varios territorios procurando pola contra as intereacións entre os espazos humanos e a literatura. A xeocrítica asume a referencialidade literaria entre o mundo e o texto, isto é entre o referente e a súa representación. Cuestionar a súa natureza e espazo permite á xeocrítica propoñer un estudo da ficción en literatura que reflicte tamén a teoría dos mundos posibles. A teoría do terceiro espazo, creado polo xeógrafo norteamericano Edward Soja permite postular un termo medio entre o espazo xeográfico e as súas diversas representacións.

Ademais de textos literarios a xeocrítica pódese aplicar a textos non literarios, como folletos turísticos, guías de viaxes ou mesmo publicidade [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La géocritique au confluent du savoir et de l’imaginaire. Laurence Dahan-Gaida, editorial de épistémocritique, vol. 9, 2011
  2. Robert T. Tally Jr (2012)Spatiality. Routledge, p. 143

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]