Xarrete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Músculos da perna dun cabalo. Co número 6, o xarrete.

O xarrete[1] é a parte carnosa da perna dun animal cuadrúpede situada debaixo da sofraxe, ou sexa, a parte superior das polpas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Xarrete deriva do francés jarret, e este do francés dialectal jarre e do provenzal antigo garra, e ambos os termos do galo *garra (en galés, garr; en bretón gâr).[2]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Desde un punto de vista gastronómico, o xarrete de tenreira é un corte de carne moi apreciado en Galicia, tradicionalmente como ingrediente dos cocidos. A dicir de Álvaro Cunqueiro, o xarrete e a faldra son as mellores carnes de vitela para un cocido.[3] E para outro sibarita, Jorge Víctor Sueiro, o xarrete de tenreira é o primeiro dos ingredientes do seu cocido preferido.[4]

A día de hoxe tamén é unha peza moi solicitada para estufar ou guisar, e como tal aparece nas cartas dos mellores restaurantes e nas mesas de moitos galegos.

Sueiro achega unha receita para o xarrete guisado tomada da Casa Vilas, restaurante lendario de Santiago, na que se pon o xarrete en adobo con viño branco, allo e sal entre 6 e 8 horas. Despois dóuranse nunha ola, cun pouco de aceite, a carne e unhas cebolas pequenas. Unha vez que están douradas, engádese o adobo, tápase e déixase ferver lentamente. Cando está medio feita a carne, engádenselle patacas cortadas en anacos e métese a ola no forno até que as patacas estean feitas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xarrete.
  2. jarrete no DRAE.
  3. Cunqueiro, A. (1973), p. 41.
  4. Sueiro, Jorge-Víctor (1981), p. 151.
  5. Sueiro, Jorge-Víctor (1981), pp. 237-238.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]