Xardíns Tívoli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe antiga do Tívoli.

O Tívoli é un parque de atraccións de Copenhaguen, Dinamarca. Atópase situado no centro da cidade, emprazado entre as rúas Vesterbrogade, H.C. Andersens Boulevard, Tietgensgade e Bernstorffsgade. Conta cunha extensión de 82,717 m²[1] e recibe máis de 4 millóns de visitantes cada ano, o que o situa como o terceiro parque de atraccións máis visitado de toda Europa.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque foi fundado polo arquitecto danés George Carstensen (1812-1857), quen convenceu ao rei Christian VIII (1786-1848) para que lle permitise construír un parque de atraccións, argumentando que “Cando a xente se divirte, esquece a política[2]. O rei outorgoulle unha licenza por cinco anos para estabelecer o Tívoli fóra do distrito de Vesterport (actual barrio de Vesterbro).

Afoutado tras as súas viaxes por Europa, Carstensen pretendía deseñar un recinto cunha gran variedade de atraccións tal que restaurantes, teatros, quioscos,... e asemade que estes estivesen inspirando polo estilo romántico, en referencia á tendencia británica da época de utilizar enfeites naturais, coma son os xardíns.

Finalmente, o 15 de agosto de 1843, o Tívoli abriu por vez primeira as súas portas ao público baixo o nome de Tivoli & Vauxhall (inspirado nas denominacións respectivas do Jardin de Tivoli parisiense e dos Vauxhall Gardens de Londres). Na segunda metade do S.XIX, a extensión do Tívoli veuse modificada como consecuencia do derrubamento das murallas de Copenhaguen. O parque, que até entón lindaba con estas murallas, incorporou ao seu recinto a parte correspondente ao foso da cidade, orixinándose así o lago, que hoxe en día se estende paralelo a H.C. Andersens Boulevard.

O 24 de xuño de 1944, como consecuencia da Segunda Guerra Mundial, o Tívoli foi bombardeado presumibelmente por un grupo pertencente aos nazis[3], o Schalburg korp, causando unha gran desfeita no parque. A sala de concertos orixinal ardeu por completo a consecuencia do incendio e non se deu rematado a súa reconstrución até 1956. Hoxe en día non se conserva ningún dos edificios orixinais de madeira construídos por Carstensen no S.XIX.

O Parque[editar | editar a fonte]

As entradas[editar | editar a fonte]

Entrada principal.
Entrada pola parte da Gliptoteca.

O Tívoli conta con tres entradas para o acceso ao recinto.

A entrada máis antiga é a Entrada Principal, localizada en Vesterbrogade. A entrada orixinal era unha porta de madeira que despois foi substituída por unha porta de estilo oriental. A presente porta data de 1890 e foi deseñada por Richardt Bergmann e Emil Blichfeldt. Esta entrada foi restaurada no ano 1993 utilizando unha serie de materiais - tellas e ladrillos- específicamente feitos para ese propósito.

A entrada da Gliptoteca, situada na rúa Tietgensgade, é de estilo chinés e foi construída no 1907 polo arquitecto Knud Arne-Petersen. No ano 1998 esta entrada foi reconstruída para incorporar un sistema electrónico para a compostaxe dos tíckets.

A entrada da Estación, en Bernstorffsgade, foi tamén deseñada por Knud Arne-Petersen no 1912, seguindo un estilo xaponés. A escaleira deste entrada baixa até o parque, que se atopa a menor altura que a rúa Bernstorffsgade. A entrada actual data de 1966.

Instalacións[editar | editar a fonte]

Fragata St. George III no Lago.

O Tívoli é un parque coidadosamente deseñado para acoller un gran número de visitantes cada ano e para lles ofrecer diversas posibilidades de entretemento. Isto ademais téntase facer preservando asemade os elementos antigos e a aparencia de parque. Deste xeito, ao camiñar polos Xardíns de Tívoli pódense observar dúas zonas ben diferenciadas: unha delas é a que abrangue os diferentes xardíns cos bancos, os escenarios de música, o Teatro Pantomima, etc. até chegar á sala de concertos; a segunda zona destínase aos paseos.

Existen, por outra banda, dous puntos onde o espazo torna máis aberto. O primeiro deles é o escenario ao aire libre, que se atopa no centro do parque, onde teñen lugar actuacións de todo tipo de artistas, ben de música ou ben de danza, e onde tamén se celebran acontecementos especiais como poden ser os triunfos deportivos de equipos dinamarqueses. O outro punto é o lago, antigo foso da cidade, ateigado de pequenas barcas, e que conta con algunha fragata ancorada, coma o caso da Fragata St. George III, construída en 1993 e que alberga un restaurante.

Puntos de interese[editar | editar a fonte]

Teatro Pantomima.
  • Teatro Pantomima

O Teatro Pantomima é o edificio máis antigo do parque e data de 1874. Trátase dun teatro ao aire libre no que se representan actuacións todos os días durante os meses de verán, tanto de ballet coma de música en vivo. A música abrangue a compositores coma Strauss, Mozart, Gounod e H.C. Lumbye (antigo compositor do Tívoli). As melodías selecciónanse de xeito que acaian ao papel e os movementos de cada un dos personaxes. O aspecto do teatro, en cores vivos, corresponde a un deseño de influencia chinesa.

  • Sala de Concertos (Concert Hall)
Sala de Concertos.

Foi construída en 1956 e deseñada por Hans Hansen e Frits Schlegel, converténdose na meirande e máis moderna sala de concertos da época no norte de Europa. Foi restaurada en 2006 para mellorar a acústica e as instalacións para o público (actualmente conta con 2000 butacas). Accédese polo edificio circular de cristal anexo. Fronte á sala de concertos, atópase unha fonte que imita un grande adobío floral. Todo tipo de concertos, dende música clásica a rock, teñen lugar nesta sala.

  • Teatro de Cristal (Cristal Hall)

O orixinal estivo en funcionamento coma sala de concertos entre 1862 e 1902. Posteriormente, foi queimado no ataque ao parque de 1944 e reconstruído en 1946 polos arquitectos Poul e Simon P. Henningsen. Hoxe en día alberga concertos e obras de teatro de carácter nacional e internacional, pasando por música rock, jazz, variedades e teatro para nenos.

  • O Acuario

Situado na planta baixa da Sala de Concertos, trátase do máis longo acuario de auga salgada de Europa[4], con máis de 1600 peixes, quenllas e raias nun arrefice tropical de 30 metros de lonxitude.

  • O Pagode Chino
O pagode chino.

Foi construído no ano 1900 polo arquitecto Knud Arne-Petersen e está situado ao cabo do lago (con respecto á entrada por Vesterbrogade). Está enfeitado con arredor de 1.500 lámpadas, converténdoo así nunha das atraccións máis fotografadas do parque. Con algo máis de 20 metros de altura conta con catro andeis dos que soamente os dous inferiores son accesíbeis ao público. Acolle un restaurante chinés no que é posíbel degustar comida cantonesa e algúns pratos típicos dinamarqueses.

  • A Garda dos Rapaces (Tivoli Boys Guard)

Foi creada no 1844 como unha garda honorífica dos edificios máis emblemáticos do parque en ocasións festivas. Ao correr dos anos, fóronse creando numerosas divisións que están presentes durante cada un dos seus desfiles, que teñen lugar varias veces á semana durante todos os períodos de apertura do Tívoli. O seu uniforme é semellante ó da Garda Real, e instaurouse no ano 1872. A Garda está composta por uns cen rapaces con idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos. Orixinariamente, os rapaces da Garda recibían como pagamento a comida e cervexa. Hoxe en día, o salario vén sendo a propia educación musical que reciben durante o tempo de pertenza á Garda, así coma as viaxes e eventos culturais (coma conferencias e exhibicións) aos que son invitados a participaren.

Atraccións[editar | editar a fonte]

Dæmonen.

O Tívoli conta con 30 atraccións, das cales 5 abren soamente na temporada de Nadal. Entre todas elas destacan o Himmelskibet (inaugurado en 2006), que con 80 metros de altura é o carrusel máis alto do mundo e ofrece aos visitantes unha fantástica vista de Copenhaguen; e a montaña rusa Daemonen (inaugurada en 2004), con 28 metros de alto e unha velocidade de 77 quilómetros por hora nos 146 segundos que dura unha volta.

Restaurantes[editar | editar a fonte]

Edificio do NIMB.

En todo o parque existen 38 locais entre restaurantes, bares, cafés e locais de comida rápida nos que se poden degustar unha gran variedade de menús conforme as preferencias e os prezos.

Entre os restaurantes cabe salientar o Café Ketchup e o Divan 2, que son os dous máis antigos do parque, e que no seu inicio foron salóns de té que ofrecían distintos tipos de licores, cafés, tés e chocolates; o The Paul que se adica á cociña moderna europea e conta no seu haber cunha estrela Michelín; e finalmente o NIMB, localizado nun edificio con vistas aos xardíns, que se caracteriza pola elaboración das comida diante dos propios comensais.

Cando visitalo?[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente o Tívoli abría durante o verán, dende primeiros de abril até finais de setembro. Dende 1994, o parque abre tamén polo Nadal durante un mes, até o día 23 de decembro, tempo no que se pode aproveitar para visitar as tendas de agasallos específicos desas datas. No 2006, o Tívoli abriu por vez primeira para celebrar a festividade de Halloween, e debido á exitosa afluencia de xente, repetiuse a celebración en 2007 e 2008.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

O parque Tívoli á noite
  • O Tívoli ten a montaña rusa máis antiga do mundo, que data de 1914 (en substitución da montaña rusa inicial, que se construíu no 1843).
  • O Tívoli tivo os seus primeiros coches patrulla en 1926, sendo os primeiros de toda Escandinavia.
  • O 15 de agosto de 1943 o Tívoli celebrou o seu primeiro centenario batendo o récord de visitantes nun só día, que foron 112.802[5].
  • O Tívoli é o primeiro parque de atraccións do mundo que traballa con enerxía eólica. Ten os seus propios muíños de vento que aprovisionarán de enerxía o parque en 2009.
  • O Tívoli naceu coma unha Sociedade Anónima na que a maioría dos seus accionistas eran os mestres artesáns que axudaron a construír os seus edificios. Hoxe en día a empresa Tivoli A/S pertence nun 57,2% a Københavns Fondsbørs, Chr. Augustinus' Fabrikker e Skandinavisk Tobakskompagni; Danske Bank posúe un 5,1% e o restante 37,7% pertence a uns 17.000 accionistas minoritarios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1]
  2. ISBN:84-03-50165-X
  3. [2]
  4. [3]
  5. [4]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]