Xainismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Xainita")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Bandeira xainista.
Símbolo do Xainismo.

O xainismo ou xinismo é unha das relixións máis antigas da India, xuntamente co hinduísmo e o budismo, compartindo con este último a ausencia da necesidade de Deus como creador ou figura central. Considérase que a súa orixe antecede o Brahmanismo, aínda que sexa máis probábel que xurdira na súa forma actual o século V a.C., en resultado da acción relixiosa do Mahavira.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista durante algún tempo polos investigadores occidentais como unha seita do hinduísmo ou unha herexía do budismo, debido á repartición de elementos comúns con estas relixións, o xainismo é con todo un fenómeno orixinal. Ao contrario do budismo, o xainismo nunca tivo un espírito misionario, permanecendo na India, onde os xainas constitúen hoxe cerca de catro millóns de crentes. Pequenas comunidades xainas existen tamén na América do Norte e na Europa, en resultado de movementos migratórios.

A palabra xainismo ten as súas orixes no verbo sánscrito jin que significa "conquistador". Os seus adeptos deben combater, a través dunha serie de estaxios, as paixóns de modo a alcanzar a liberación do mundo.

Súa visión básica é dualista. A materia e a mónada vital ou jiva son de natureza distinguida, e durante súa vida o ser vivente (sexa humano ou animal) tinxe súa mónada como resultado de súas accións. Para se purificar, esta relixión propón un extremo ascetismo e o colocar en práctica da doutrina da non-violencia ou ahimsa.

Orixes[editar | editar a fonte]

Estatua do Bahubali, alvo de homenaxe cada doce anos polos xainas.

Segundos os historiadores da relixión, o xainismo estabeleceuse na India a mediados do primeiro milenio a.C.. O seu fundador foi o Mahavira, existindo dúas propostas para o período en que viviu: 599 a.C. - 527 a.C (data tradicional apuntada polo xainismo) ou 540 a.C - 470 a.C. (segundo os académicos). Naceu preto de Patna, naquilo que é hoxe o estado do Bihar. Foi un contemporáneo do Buda, pregando na mesma rexión xeográfica, aínda que non conste que os dous mestres se teñan algunha vez encontrado. Pertencía á casta dos guerreiros (kshatriya), casou, viviu no luxo até que ao redor dos trinta anos tornouse un mendigo errante.

Entregouse a longos procesos ascéticos até obter a iluminación, consagrando os restantes trinta ou corenta anos da súa vida a pregar a súa doutrina. Faleceu en Pavapuri, no Bihar, que é desde entón un dos principais locais de peregrinación xaina.

De acordo cos xainas, a súa relixión é eterna, sendo a doutrina revelada ao longo de varias eras polos Tirthankaras, palabra que significa "facedores de vao", ou sexa, alguén que ensinou o camiño. Os Tirthankaras foron almas nacidas como seres humanos que alcanzaran a liberación (moksha) do ciclo dos renacementos a través da renuncia e que transmitiron as súas ensinanzas aos homes. Na presente era existiron 24 Tirthankaras. O último deses Tirthankaras foi o Mahavira, que os xainas non consideran como o fundador do xainismo, mais antes aquel que lle deu a súa forma actual. O 23º Tirthankara foi Parshva, que os historiadores[Cómpre referencia] consideran probabelmente unha figura histórica que viviu cerca de tres séculos antes do Mahavira. Os xainas cren que Parshva pregou os 4 grandes principios do xainismo, a saber: non-violencia (ahimsa), evitar a mentira, non se apropiar do que non foi dado e non se apegar á posesións materiais; o Mahavira engadiu o principio da castidade.


Doutrinas[editar | editar a fonte]

Cúpula interior do templo de Ranakpur.

A relixión xainista ten unha cosmoloxía e crenzas elaboradas; ateigadas de nomes, categorías, clases, xerarquías, graos, ordes, entre outros.

Ateísmo: o mundo é eterno e carece de principio. Non existe unha divindade persoal, e todas as posibles divindades (as almas dos perfectos arhat (divindades humanas), por exemplo) non son emanación nin manifestación de ningunha divindade apofática nin de ningunha Unidade (o Todo ou Absoluto), conceptos e realidades que son igualmente negadas e rexeitadas no xainismo xunto coa dun deus creador.

Pananimismo: toda a realidade é vida. Para o xainismo o universo é unha totalidade vivente; todo ser posúe un alma, máis ou menos complexa, diáfana ou pesada. Desde a terra ou o vento, aos insectos ou os mamíferos, todos os seres reflicten o universo e son dignos de respecto. O maior pecado para o xainismo é causar dano a un ser vivo, aínda que tamén hai que evitar danar á terra ou ás almas da auga ou do ar.

En coherencia co anterior, os xainistas practican a non violencia, o xaxún e a mortificación do propio corpo. A través destas actividades esperan descargar a súa alma do peso da materia kármica e evitar posteriores reencarnacións.

A relixión xainista presenta unha perspectiva igualitaria das almas, sen importar as diferenzas nas forma física: humanos, animais, e organismos viventes microscópicos. Os humanos son os únicos posuidores dos seis sentidos: vista, oído, gusto, olfacto, tacto e pensamento; polo tanto dos humanos espérase que actúen con responsabilidade cara a toda a vida sendo compasivos, sen egoísmo, sen medo, racionais e misericordiosos.

Desde o punto de vista epistemolóxico, o xainismo é relativista, defende que o coñecemento do mundo só pode ser aproximado e que, co tempo, até a súa propia relixión acabará por desaparecer.

A comunidade xainista distingue entre monxes e segrares. Os monxes sométense a unha disciplina ascética superior á dos laicos, aínda que non exercen o monopolio da relixión. Viven nun jina-sadman (mosteiro xainista). Un jina-rshi (asceta xainista) asume catro votos: a non violencia, a sinceridade, a rectitude e a renuncia ás cousas e ás persoas.

Código de conduta[editar | editar a fonte]

Os catorce soños propicios da nai de Jina (páxina dun kalpa sutra ou "libro de rituais" dispersado; ca. 1465)

Os jina-kalpa son as ordenanzas practicadas polos jinas (opostas a aquelas dos sthaviras). Consiste en cinco votos:

  • ahimsa (non violencia)
  • satya (veracidade)
  • asteya (non roubar),
  • brahmacharya (castidade) e
  • aparigraha (desapego do material).

A relixión xainista pon moita atención no aparigraha, o desapego das cousas materiais a través do control dun mesmo, penitencia, abstención da indulxencia, limitación voluntaria das necesidades e consecuente diminución da agresividade.


Vexetarianismo[editar | editar a fonte]

O vexetarianismo é un modo de vida para un xainista, tendo a súa orixe no concepto de jīva dāya (compaixón polos seres vivos) e o a-himsá (a non violencia). A práctica do vexetarianismo é vista como un instrumento para a práctica da non violencia e a coexistencia pacífica e cooperativa.

Os xainistas son vexetarianos estritos (dieta vegana) que consomen soamente seres sen sentidos (sen sistema nervioso), principalmente do reino vexetal. Aínda que a dieta xainista implica o aniquilamento das plantas, isto vese como a forma de sobrevivir que causa o mínimo de violencia cara aos seres vivos (moitas formas vexetais como froitas ou raíces son mellor vistas polo Xainismo por comportar simplemente a extracción dunha parte da planta e non a súa total destrución).

O tempo[editar | editar a fonte]

Os xainas consideran que o tempo é infinito e cíclico. É visto como unha gran roda dividida en dúas partes idénticas: unha realiza un movemento ascendente (Utsarpini), mentres que a outra un movemento descendente (Avasarpini). Cada unha destas partes divídese en seis eras (ara). Durante o período ascendente os seres humanos progresan ao nivel do saber, estatura e felicidade, mentres que o período descendente caracterízase pola degradación Segundo os xainas, vivimos actualmente nun período de movemento descendente, nunha era de infelicidade (Dukham Kal), que comezou hai 2500 anos e que durará 21 mil anos.

O universo e os cinco mundos[editar | editar a fonte]

Segundo o xainismo, o universo divídese en cinco mundos, sendo cada un deles habitado por determinado tipo de seres. O universo é eterno, non sendo creado por ningún ser superior.

No cume do universo está a morada suprema (siddhashila), que é o local onde habitan as almas que alcanzaran a liberación (estas almas son denominadas Siddhas). Abaixo encóntranse trinta ceos, habitados por seres celestiais, algúns dos cales camiñan para a morada suprema.

O mundo medio (madhyaloka) inclúe varios continentes separados por mar. No centro deste mundo encóntrase o continente Jambudvipa, considerado o único continente no cal as almas poden alcanzar a liberación. Os seres humanos habitan este continente, ben como un segundo continente ao lado deste e parte do terceiro continente.

O mundo inferior (adholoka) consiste en sete infernos, onde os seres son atormentados por demos e onde se atormentan uns aos outros. Abaixo do sétimo inferno encóntrase a base do universo (nigoda), habitada por moitas formas inferiores de vida.

Karma[editar | editar a fonte]

Á semellanza do hinduísmo e do budismo, o xainismo partilla da crenza no karma, aínda que dunha forma diferente. O karma no xainismo non é só un proceso en que determinadas accións producen reaccións, mais tamén unha substancia física que se agrega a unha alma. As partículas de karma existen no universo e asócianse a unha alma debido ás accións desa alma (por exemplo, cando unha alma mente, rouba ou mata esta provoca a agregación de karma na súa alma). A cantidade e calidade destas partículas determinan a existencia que a alma terá, a súa felicidade ou infelicidade. Só é posíbel a unha alma alcanzar a liberación cando desta se retiraren todas as partículas de karma.

O proceso que permite a liberación das partículas de karma dunha alma denomínase nirjara e inclúe prácticas como o xaxún, o retiro para locais illados, a mortificación do corpo e a meditación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliográfía[editar | editar a fonte]

  • Wendy Doniger (edición a cargo de) (1999). Merriam-Webster's encyclopedia of world religions. ISBN 0-87779-044-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]