Xaime Illa Couto
Xaime Illa Couto, tamén coñecido como Xaime Isla Couto, nado en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 1915, é un intelectual e economista galego.
[editar] Traxectoria
Naceu na praza de San Miguel, fronte a San Martiño Pinario, fillo dunha familia humilde. De pequeno trasládase a Vigo onde realizará a maior parte da súa carreira. Participou no Seminario de Estudos Galegos, de onde lle vén a preocupación económica, xa que foi encargado por Xosé Filgueira Valverde para preparar sistematicamente o traballo do Departamento de estudos económicos, xurídicos e sociais do Seminario. Tamén participou na creación da Federación de Mocedades Galeguistas xunto a Francisco Fernández del Riego.
Xa no Franquismo foi un dos promotores da Editorial Galaxia en 1950, da que na actualidade é presidente do Consello de Administración. Tamén das revistas Grial e Economía de Galicia. Durante o franquismo fundou unha editorial católica e galeguista: a SEPT
É un dos fundadores do Partido Popular Galego, un partido nacionalista de centro de inspiración demócratacristiá que na transición política española procurou gañar ás clases medias e a sectores intelectuais á causa do galeguismo e á construción dun Estado federal.
O 31 de decembro de 1987 xunto con Cristina Novoa Pedreira, Manuel Isla Couto e Celso Isla Couto constitúen a Fundación Isla Couto en lembranza do seu irmán Ramiro Isla Couto.
Ingresou na Real Academia Galega o 29 de xaneiro de 1999, máis dunha década despois de que fose proposto por Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Isidro Parga Pondal. Foi galardoado coa medalla Castelao outorgada pola Xunta de Galicia en 1987 e co Premio Trasalba en 1992.