Xaén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Xaén - Jaén")
Xaén
Bandera Jaén.svg Escudo de la ciudad de Jaén.svg
Situación xeográfica
Xaén en España
Xaén
Xaén
Xaén en Provincia de Xaén
Xaén
Xaén
País España
Comunidade Autónoma Andalucía
Provincia Xaén
Comarca Xaén
Xeografía
Altitude 573 msnm
Superficie 424,30 km²
Poboación
Poboación 120.021 hab. (INE 2009)
Densidade 282,87 hab./km²
Xentilicio xienense[1]
Información
Código postal 23001 - 23009
Alcalde José Enrique Fernández de Moya (PP)
Páxina web www.aytojaen.es

Xaén[1] (en castelán: Jaén) é a capital da provincia de Xaén, situada ao sur de España e no nordeste da Comunidade Autónoma de Andalucía. Ten unha poboación de 116.540 habitantes (2005, fonte INE), o que supón aproximadamente unha sexta parte da poboación de toda a provincia. Baixo o lema de Capital Mundial do Aceite de Oliva, a actividade económica da cidade, con todo, está baseada no sector servizos, a administración, a industria agrícola, a construción e un incipiente turismo cultural.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes de Xaén remóntanse á etapa calcolítica, destacando o filón de Marroquís Baixos, unha macroaldea organizada en círculos concéntricos, cun sistema de valados e foxos de auga en cada un dos círculos, e unha superficie que oscila entre as 30 hectáreas seguras e as 100 probables.

Durante a etapa protohistórica destaca o oppidum ibérico de Puente Tablas, desmantelado polos romanos debido ao seu apoio a Cartago durante a Segunda Guerra Púnica. Outro núcleo ibérico estableceuse na aba do Cerro de Santa Catalina, dando lugar máis adiante ao núcleo romano de Aurgi.

Trala etapa romana e visigoda, Aurgi pasou a ser sometida durante a invasión árabe, durante a cal recibiu o nome de Yayyan, "cruzamento de caravanas". A vitoria dos cristiáns na Batalla das Navas de Tolosa (1212) supuxo a apertura do val do Guadalquivir para os exércitos cristiáns. Desta forma, a cidade foi reconquistada polo Reino de Castela baixo o reinado de Fernando III o Santo, no ano 1246, co nome de Iahen, que daría lugar ao topónimo actual.

Cultura[editar | editar a fonte]

Dentro do patrimonio histórico da cidade sobresaen a Catedral de Xaén , baixo a advocación da nosa Señora da Asunción, (onde se conserva o Santo Rostro), o Castelo de Santa Catalina, o Pazo de Villardompardo cos Baños Árabes e o Museo Internacional de Arte Naïf, a Capela de San Andrés ou o Museo Provincial de Xaén, cunha importante colección de restos arqueolóxicos iberos, como os importantes conxuntos escultóricos procedentes de Cerrillo Branco (Porcuna) ou do santuario heroico de El Pajarillo (Huelma). Na zona de expansión Norte da cidade sitúase o amentado asentamento calcolítico de Marroquís Baixos.

Dentro do mesmo municipio e a escasos minutos da capital, merece igual mención o conxunto arqueolóxico de Otíñar en plena Serra de Xaén, no cal destacan unha vintena de abrigos con pinturas rupestres, un dolmen e muralla da Idade do Bronce, unha fortaleza medieval e unha aldea do século XIX hoxe abandonada, a de Santa Cristina.

Festas[editar | editar a fonte]

Entrada ao recinto de A Vestida na Feira de San Lucas.

En outubro celébrase a Feira de San Lucas, cuxo día grande é o 18 de outubro. Esta feira adoita ter unha grande actividade, sendo costume as corridas taurinas, concertos de artistas de fama nacional, así como acudir ao recinto de A Vestida para montar nas atraccións ou bailar nas casetas. Ao ser unha das últimas feiras do ano en España, a afluencia de xente doutros municipios e das provincias limítrofes é bastante notable, malia ter fama de ser unha feira que atrae ás primeiras choivas do outono.

O 25 de novembro celébrase o día de Santa Catalina, patroa da cidade xunto a San Eufrasio, cunha romaría ás abas do castelo.

A véspera do 17 de xaneiro celébranse fogueiras en honor a San Antón, nas cales á parte para comer e bailar, cántanse melenchóns. Esa mesma noite celébrase a Carreira Urbana de San Antón, de fama internacional, na cal os corredores participan animados por tódolos xienenses, que portan fachos, especialmente no tramo final, á súa chegada á Avenida de Andalucía.

A Semana Santa de Xaén é unha das máis atractivas de Andalucía, con procesións tan recoñecidas como a de O noso Pai Xesús Nazareno, máis coñecida como A noite do Avó.

Durante o mes de maio, e con carácter bianual, na institución feiral, celébrase Expoliva, a Feira Internacional do Aceite de Oliva e Industrias Afines, referente a nivel mundial.

No mes de xuño teñen lugar as festas en honor á Virxe da Capela, co-patroa da cidade. Amais de concertos e festexos taurinos, un grande atractivo destas festas é a celebración do concurso nacional Lagarto Rock.

Lendas[editar | editar a fonte]

Xaén é unha cidade referida en gran número de lendas. Sen ningunha dúbida, a máis coñecida é a lenda do Lagarto da Madalena (máis coñecido fóra da provincia como o lagarto de Xaén), un animal que atemorizaba aos pastores a finais do século XV comendo as súas ovellas.

Sobre o Castelo de Santa Catalina tamén versan varias lendas, a maioría relacionadas con pantasmas. Quizabes a máis coñecida delas sexa a da amante do Condestable Iranzo, en cuxa habitación seguen escoitando ruídos e queixumes, e que se di que se interpón cando alguén intenta retratar ao seu amado.

A catedral tamén posúe varias lendas. Unha das máis famosas fala dun neno duns seis ou sete anos, con roupa de fai medio século, que aparece brincando nos instantes previos á pechadura do templo. Personaxes notables como o ex-bispo de Xaén, Santiago García Aracil, afirman ter visto este neno.

Con respecto á Virxe da Capela e a Igrexa de San Ildefonso tamén existen lendas, algunhas relacionadas coa anterior do lagarto, cuxa pel supostamente foi exposta en dita igrexa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xienense.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]