William Caxton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaWilliam Caxton

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 1422 Editar o valor em Wikidata
Kent Editar o valor em Wikidata
Mortec. marzo de 1492 Editar o valor em Wikidata (69/70 anos)
Londres Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaIgreja de Santa Margarida (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Inglaterra Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlingüista , editor , diplomático , escritor , tradutor , impresor Editar o valor em Wikidata
LinguaInglés medio Editar o valor em Wikidata
Obra

WikiTree: Caxton-3 Find a Grave: 7073 Editar o valor em Wikidata
Caxton amosando a súa primeira impresión ao rei Eduardo IV e raíña Sabela en Westminster.

William Caxton, nado en Kent entre 1415 e 1422 e finado cara a marzo de 1492, foi un mercador, diplomático, impresor e escritor inglés. Caxton introduciu a primeira imprenta en Inglaterra, e foi o primeiro impresor do país, así como o primeiro vendedor de libros inglés (os seus compañeiros en Londres eran alemáns, neerlandeses ou franceses). Imprimiu e editou máis de cen libros, a maioría traducións de obras francesas. Algunhas das máis importantes obras impresas por Caxton foron A morte de Arturo, de Thomas Malory, e os Contos de Canterbury, de Geoffrey Chaucer.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Divisa de William Caxton.

Sábese que Caxton naceu na campiña de Kent entre 1415 e 1422, e foi a Londres a traballar. En 1438 sitúaselle como aprendiz de comerciante de teas, no obradoiro de Robert Large, quen sería alcalde de Londres ao ano seguinte. Large morreu en 1441, e en 1446 Caxton marchou a Bruxas, centro principal do comercio europeo do téxtil.[1] En Bruxas, Caxton progresou no comercio téxtil e destacou entre os seus compatriotas afincados no continente. Obtivo en 1463 o cargo de Gobernador do gremio inglés de comerciantes pacotilleros[2] nos Países Baixos. Cara 1470, Caxton atópase ao servizo de Margarida de York, duquesa de Borgoña e irmá do rei de Inglaterra Eduardo IV. É probable que Caxton fose o asesor financeiro da duquesa.

Como impresor[editar | editar a fonte]

Caxton comezou a interesarse na literatura a finais da década de 1460. En marzo de 1469, Caxton comezou a traducir o libro Recuyell of the Historyes of Troye, de Raoul Le Fèvre. Caxton abandonou a tarefa, desanimado polo seu pobre dominio do francés; pero renovouna a petición da duquesa Margarida, rematando a tradución en 1471.

En Bruxas[editar | editar a fonte]

Facsímile da primeira páxina de Godefrey of Boloyne, impresa por Caxton en Londres, 1481. O prólogo, ao comezo da páxina, di Here begynneth the boke Intituled Eracles, and also Godefrey of Boloyne, the whiche speketh of the Conquest of the holy lande of Jherusalem. O espazo baleiro foi pola inserción manual dunha letra T iluminada.

Caxton mudou de residencia varias veces entre Flandres, os Países Baixos e Alemaña. Cando residía en Colonia, entre 1470 e 1472, Caxton entrou en contacto coa nacente industria da impresión, e aprendeu a arte de imprimir. Segundo o propio Caxton, decidiuse por aprender a imprimir para evitar o cansazo que sufrían os seus ollos e a súa man co arduo traballo da tradución.[3]

Axiña mercou unha imprenta con dous xogos de tipos móbiles,[4] e en 1474 volveu a Bruxas a establecer un taller de impresión. Alí, asociouse con Colard Mansion, un soado copista e ilustrador de códices. O primeiro libro impreso por Caxton, ao ano seguinte, foi a tradución que el mesmo realizou, do libro Recuyell of the Historyes of Troye.[5] Na mesma cidade, Caxton publicou outro cinco libros, incluíndo a mesma obra de Le Fèvre en francés. Dos cinco, soamente un deles era en inglés, The game and playe of the chesse, publicado o 31 de marzo de 1475. Este libro era unha tradución de dúas versións francesas de De ludo scaccorum, obra do dominico Xacobe de Cessolis, de ao redor do ano 1300.

En Londres[editar | editar a fonte]

Ao volver ao seu país en 1476, Caxton estableceu unha imprenta nos terreos da Abadía de Westminster. A partir de entón, a súa única ocupación foi a de imprimir e editar libros, moitas veces escribindo os prólogos ou epílogos dos mesmos. A súa primeira impresión en Inglaterra foi, aparentemente, unha Indulxencia outorgada polo abade de Abingdon.

A impresión está datada o 13 de decembro de 1476.[6] Ao ano seguinte, Caxton publicou Dites or Sayengis of the Philosophres (Ditos dos filósofos, o 18 de novembro), escrito polo cuñado do rei, Anthony Woodville, Conde de Rivers; quen fixera a tradución do francés de Guilliaugme de Tignonville. Os Ditos dos filósofos pasaron por ser o primeiro documento impreso por Caxton en Inglaterra, até o descubrimento da Indulxencia de 1476. Ese mesmo ano, Caxton imprimiu tamén unha tradución do francés Histoire de Jason, de Raoul Le Fèvre.

A primeira edición de Caxton de Os contos de Canterbury, apareceu en 1478. A edición representaba o traballo máis extenso de Caxton até o momento, pois constaba de 374 folios. Cinco anos máis tarde, reeditaría a obra, engadíndolle máis de vinte xilografías e cun texto revisado. Aínda en 1478, Caxton imprimiu outra obra de Chaucer, a versión deste último de Deconsolatione philosophiae, de Boecio.

O libro máis voluminoso que Caxton editou foi A lenda dourada, en 1483. O libro, de 600.000 palabras e 448 folios impresos a dobre columna; era unha tradución que o propio Caxton fixo do texto de Xacobe de Vórtice. A tradución foi feita a partir dunha versión francesa de Jean de Vignay, tomándose Caxto a liberdade de engadir as vidas de 25 santos que non estaban incluídas na devandita versión. A obra está xenerosamente ilustrada, 19 das súas xilografías ocupan unha páxina enteira.

A morte de Arturo foi publicada por Caxton o derradeiro día de xullo de 1485. O autor, Sir Thomas Malory, morrera catorce anos antes, e Caxton organizou a voluminosa obra da maneira que mellor lle pareceu, dividíndoa en 21 Libros e 507 capítulos.[7] Ademais, Caxton fixo unha revisión completa do texto, engadindo rúbricas que describían a acción, ao principio e final de cada capítulo.

Na súa imprenta, Caxton produciu romances cabaleirescos, traballos de autores clásicos, e historias romanas e inglesas. Os libros que Caxton imprimía eran favorecidos polas clases altas do reino, polo cal o apoio financeiro que Caxton recibía da aristocracia e a nobreza era importante, aínda que non era indispensable.

Caxton morreu en 1492, un ano despois cá súa dona Maude. Foi soterrado en St. Margaret, en Westminster. No ano 2002, a compañía dos medios BBC incluíuno na lista dos 100 máis grandes cidadáns británicos de todos os tempos.[8]

Caxton e a lingua inglesa[editar | editar a fonte]

Catro quintas partes do material que Caxton imprimiu, están en idioma inglés. Con todo, este idioma estaba nun proceso importante de transformación na época de Caxton; e moitos dos textos que Caxton recibía para impresión, estaban escritos nunha ampla variedade de estilos e dialectos. Como Caxton non era un escritor propiamente dito, senón máis ben un técnico, a miúdo enfrontouse a dilemas de homoxeneización da linguaxe nos libros que imprimiu. O alsaciano Wynkyn de Worde, o seu sucesor na imprenta, tivo que enfrontar os mesmos problemas.

Polo traballo realizado con estes textos, atribúeselle a William Caxton gran parte do crédito por ter estandarizado a lingua inglesa; pois Caxton homoxeneizou os textos que orixinalmente estaban escritos nos moitos dialectos rexionais, e contribuíu á expansión do vocabulario a través da impresión. Caxton comparte este crédito co seu compañeiro contemporáneo Richard Pynson, quen era un estilista máis completo e tivo un maior impacto na homoxeneización da linguaxe.

Edicións selectas[editar | editar a fonte]

  • Game and playe of the chesse, de Xacobe de Cessolis, impreso en 1475 e 1482
  • Canterbury tales, de Geoffrey Chaucer, impreso en 1478 e 1483
  • The mirror of the world, tradución de Caxton do orixinal Speculum majuas de Vincent de Beauvais, impreso en 1481
  • De senectute, De amicitia, de Cicerón, impreso en 1481 (versión inglesa de John Tiptoft)
  • Polycronicon, de Ranulph Higden, impreso en 1482 (tradución de John Trevisa)
  • The golden legend, de Xacobe de Vórtice. Tradución de Caxton a partir dunha versión francesa de Jean de Vignay, impreso en 1483
  • Confessio amantis, de John Gower, impreso en 1483
  • Booke of the subtle storyes and fables of Aesop, de Esopo, impreso en 1484 (tradución de Caxton do texto francés de Julien Macho)
  • The booke of the order of chivalry, de Ramon Llull, impreso en 1484 (tradución de Caxton a partir dunha versión francesa)
  • La mort d'Arthur, de Sir Thomas Malory, impreso en 1485
  • Faytes of arms and chivalry, de Cristina de Pizán, impreso en 1489
  • The booke of Eneydos, adaptación da obra de Virxilio, impreso en 1490

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Naquel entón, a cidade de Bruxas estaba gobernada pola casa de Borgoña.
  2. A pacotilla son os bens que os mariñeiros podían embarcar pola súa conta, sen ter que pagar frete por iso.
  3. Comentario de Caxton no epílogo ao Libro III do Recuyell of the Historyes of Troye.
  4. De 160 e 217 matrices.
  5. Cambridge History of English and American Literature recoñéceo como o primeiro libro impreso en inglés.
  6. Este documento foi achado en 1928 por A. W. Pollard.
  7. Esta división sería revisada case cinco séculos despois, tras o achado doutra versión da obra chamada o Manuscrito de Winchester
  8. Lista da BBC (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cuenca, Luis Alberto de. William Caxton, el impresor de Malory. Epílogo a La muerte de Arturo, Ed. Siruela, Madrid, 1999. ISBN 84-7844-485-8.
  • Gómez Soliño, José S. William Caxton y la estandarización de la lengua inglesa en el siglo XV. Revista canaria de estudos ingleses, 10, 1985, pp. 95–118. ISSN 0211-5913.
  • Lienhard, John H. How Invention Begins: Echoes of Old Voices in the Rise of New Machines. Oxford University Press, Oxford, 2006. ISBN 0-19-530599-X pp. 165–168
  • Ward, A., et al. (eds.). The Cambridge History of English and American Literature. Putnam's and Sons, Nova York, 1907-1921. Vol II, Capítulo 14. ISBN 1-58734-073-9 (en inglés).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]