Wilhelm Meyer-Lübke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Wilhelm Meyer-Lübke
Nacemento30 de xaneiro de 1861
Lugar de nacementoDübendorf
Falecemento4 de outubro de 1936
Lugar de falecementoBonn
SoterradoBerlín
NacionalidadeSuíza
Alma máterRheinische Friedrich-Wilhelms-Universität Bonn e Universidade de Zúric
Ocupaciónlingüista, profesor universitario, filólogo e romanista
Premioshonorary doctorate of the University of Graz e Corresponding Fellow of the Medieval Academy of America
editar datos en Wikidata ]

Wilhelm Meyer-Lübke, nado en Dübendorf o 30 de xaneiro de 1861 e finado en Bonn o 4 de outubro de 1936, foi un lingüista neogramático e romanista de orixe suíza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Discípulo do pai da romanística científica, Friedrich Diez. Foi profesor das universidades de Jena, Viena e Bonn. Seguiu a teoría de Gustav Gröber, adaptando o método comparatista da investigación das indoeuropeo ás linguas románicas, no estudo das cales introduciu principios de sistematización.

Criticismo sobre a actuación do substrato[editar | editar a fonte]

Mantivo un grande escepticismo cara a actuación do substrato nas explicacións dos cambios fonéticos. Observou que non se sabía abondo das linguas prerromanas: (osco e umbro na Italia central e meridional; galo, na Italia setentrional e na mesma Galia; ibero, en Hispania); non se sabía nada con certeza da lingua dos sardos e moi pouco da lingua prerromana da Dacia ou do Véneto. Unha das influencias de substrato céltico admitida naquela altura, era a mutación de [u] en [ü]. Esta mudanza obsérvase en francés, occitano, piemontés, lígur, lombardo, en parte dos dialectos da Emilia, en romanche e retorrománico engadinés, ademais de en galés, holandés, os dialectos alemáns de Alsacia, de parte de Brisgobia e do Vallese. Todas estas zonas foran habitadas polos celtas, mais a coincidencia entre a isoglosa e a área celta é menos precisa do que semella. Mais aínda admitindo a identidade da isoglosa moderna con área antigamente ocupada polos celtas, habería que demostrar que a isoglosa é antiga e que a coincidencia remonta efectivamente á época na que os celtas aprenderan latín. Ademais demostrouse que o fenómeno en occitano é posterior á época medieval, e parece fenómeno tardío tamén noutras zonas periféricas da Galorromania, desde Savoia até Normandía. A área actual da mudanza u>ü é resultado dunha expansión efectuada a partir dun núcleo orixinario pequeno, e mesmo se estendeu até o vasco de Iparralde.

De todos os fenómenos atribuídos á influencia do substrato céltico, os que resultaban máis seguros para Meyer-Lübke eran o paso de -CT- a -it- e a nasalización das vogais. A influxo osco-umbro, Meyer-Lübke atribuía dous fenómenos seguros: a sonorización das oclusivas xordas despois de nasal, e máis a asimilación -ND- > -nn-. Na Península Ibérica estudou o cambio do F- inicial que non desaparece diante do -r- nin diante do ditongo castelán ue procedente de O. En conclusión, Meyer-Lübke consideraba que antes de avanzar a hipótese da influencia do substrato deberían de cumprirse tres operacións preliminares:

  1. Comprobar as condicións de vida real da poboación da zona onde aparece o fenómeno, ou ben das relacións exactas que mantiñan romanos e autóctonos.
  2. Comprobar a antigüidade do fenómeno na zona afectada.
  3. Analizar rigorosamente as diversas realizacións articulatorias de sons aparentemente idénticos.

A clasificación do catalán[editar | editar a fonte]

Seguindo ao seu mestre Friedrich Diez, en 1890 asignou á lingua catalá o status de dialecto do occitano (denominado daquela provenzal) na súa obra Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das Linguas Románicas), na que afirma: "Ao leste a transición se produce paulatinamente co catalán no Rosellón: Esta última variedade (parlen), que non é máis que un dialecto provenzal...." (p. 14). Porén, abandonou esta opinión en 1925, e emprega de maneira xeral o nome de "lingua catalá", mais afirmando as concordancias co occitano de todo o conxunto idiomático de Cataluña, o País Valenciano e as Baleares. Este cambio foi fundamental para o recoñecemento do catalán como unha lingua independente.

No seu estudo monográfico sobre do catalán (Das Katalanische) (1925), Meyer-Lübke comparou este idioma co castelán e o occitano e tirou a conclusión de que o catalán era unha lingua do grupo galorrománico. Con esta opinión comezou unha polémica sobre a subagrupación románica do catalán, xusto logo do seu recoñecemento como lingua independente, e sobre todo pola coincidencia cronolóxica da obra de Meyer-Lübke coa edición de Orígenes del español de Ramón Menéndez Pidal (1926), obra na que este filólogo español desenvolvía a tese da clasificación do catalán como lingua iberorrománica.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Die Schicksale des lateinischen Neutrums im Romanischen (A cuestión do neutro latino na Romania) (Halle, 1883).
  • Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das linguas románicas) (Estrasburg, 1890-1902), 4 vols.
  • Italienische Grammatik (Leipzig, 1890).
  • Historische Grammatik der französischen Sprachen (1898).
  • Romanische Syntax (Leipzig, 1899).
  • Einführung in das Studium der romanischen Sprachwissenschaft (Introdución ao estudo da lingüística románica (Heidelberg, 1901).
  • Die Aussprache des Altprovenzalischen U (A pronunciación do U en antigo provenzal), in Mélanges Wilmotte (París, 1909).
  • Romanisches etymologisches Wörterbuch (Dicionario etimolóxico das linguas románicas) (1911-1920), en trece entregas.
  • "Gedanken über die Anlage des von Mn. A. M. Alcover unternommenen Diccionari català-valencià-balear", Bolletí del Diccionari de la Llengua Catalana XIII (juliol-agost 1923), p. 72-94.
  • Das Katalanische. Seine Stellung zum Spanischen und Provenzalischen, sprachwissenchftlich und historisch dargestellt (O catalán. A súa situación perante o español e o provenzal) (Heidelberg, 1925).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Calaforra i Castellano, Guillem: Wilhelm Meyer-Lübke i Das Katalanische: introducció i traducció. Barcelona, Institut d’Estudis Catalans. ISBN 84-7283-403-4