Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michelangelo di Lodovico Buonarroti Simoni, nado o 6 de marzo de 1475 en Caprese Michelangelo, e finado o 18 de febreiro de 1564 en Roma, foi un escultor, arquitecto, pintor e poeta do Renacemento italiano, considerado un dos máis grandes artistas da historia, tanto polas súas esculturas coma polas súas pinturas e a súa obra arquitectónica. Desenvolveu o seu labor artístico ao longo de máis de setenta anos entre Florencia e Roma, que era onde vivían os seus grandes mecenas, a familia Medici de Florencia, e os diferentes papas romanos.

Foi o primeiro artista occidental do que se publicaron dúas biografías en vida: Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori, de Giorgio Vasari, publicada en 1550, onde foi o único artista vivo incluído, e a Vita de Michelangelo Buonarroti, escrita en 1553 por Ascanio Condivi, pintor e discípulo de Michelangelo, que recolle os datos facilitados polo mesmo Buonarroti Foi moi admirado polos seus contemporáneos, que o chamaban "o Divino".