Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia dos xudeus de Tesalónica é a historia da comunidade xudía, principalmente sefardí, que habitou a cidade grega de Tesalónica, tamén chamada Salónica, dende a súa chegada á cidade a finais do século XV ata a súa aniquilación case completa durante a Segunda Guerra Mundial. A comunidade xudía foi durante varios séculos maioritaria na cidade, o que converte a Tesalónica no único caso coñecido de cidade da Diáspora con predominio xudeu. Os xudeus están indisolublemente unidos á historia de Tesalónica, e a influencia da comunidade hebrea desta cidade, tanto na orde cultural como na económica, deixouse sentir en todo o mundo sefardí. Chegaron á cidade, procedentes de España, en 1492 por causa do decreto de expulsión dos xudeus. Durante o século XVI e baixo dominio otomán, a poboación xudía de Tesalónica viviu unha idade de ouro, seguida dun relativo declive ata mediados do XIX, época na cal emprendeu unha importante modernización, tanto económica coma cultural. A historia dos xudeus de Tesalónica tomou un rumbo tráxico no século XX, trala aplicación da solución final polo réxime nazi, que se traduciu na eliminación física da inmensa maioría dos membros da comunidade.