Voluta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Volutas en chapitel xónico.
Volutas en chapitel composto segundo Vignola.

Unha voluta (do latín voluta, de volvere, dar voltas) é un ornamento en forma de espiral, característico do capitel xónico[1][2]. Posteriormente foron incorporadas nos chapiteis das columnas das ordes corintias e compostas. Normalmente se encontran catro volutas nos chapiteis xónicos, oito nos chapiteis compostos e versións máis reducidas (ás veces chamadas helix) nos corintios.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Suxestionouse que este motivo decorativo estaba inspirado na curva dos cornos dos carneiros, na forma da cuncha dos cascarolos ou tal se derivaba da espiral natural do óvulo dunha especie común de trevos, nativos de Grecia. Alternativamente, pode ter, simplemente, unha orixe xeométrica.[4]

Introducida polos gregos e máis tarde teorizada polo arquitecto romano Vitruvio para os edificios e estruturas clásicas, a voluta non limitou a súa utilización á arquitectura, senón que se utilizou dende sempre nunha ampla variedade de formas de arte. Dende tempos antigos, esta decoración tense encontrado en deseños de mobles, ourivaría, e olaría. Por exemplo, existe un tipo de cratera denominada de volutas por mor da forma das súas asas. Tamén na Antiga Grecia, o peiteado dalgunhas mulleres da época lembra as volutas dos chapiteis xónicos.

Dado que o motivo ornamental despregábase na antigüidade clásica, pasou a ser tamén un elemento común noutras arquitecturas, directa ou indirectamente inspiradas naquela, como a renacentista, barroca ou neoclásica: nestes estilos, podería utilizarse en calquera estrutura onde se requirise algún elemento de transición entre as liñas horizontais e verticais[5] ou perpendiculares entre si.

Extremo do mastro en forma de voluta no violín.

A súa forma segue a ser común na construción de instrumentos de corda, que corresponde, normalmente, á terminación do mastro ou decoración do cavilleiro, coma nos violíns, violas ou contrabaixos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Definición no Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2014. Consultado o 27 de decembro de 2014. 
  2. Lajo, Rosina (1990). Léxico de Arte. Akal. p. 214. ISBN 84-7600-493-1. 
  3. "Volute". A Dictionary of Architecture and Landscape Architecture. James Stevens Curl. Oxford University Press 2006.
  4. "Volute". The Concise Oxford Dictionary of Archaeology. Timothy Darvill. Oxford University Press, 2002.
  5. '"Volute" in Koch, Wilfred, Baustilkunde, München , Orbis, 1994.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]