Volante de inercia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O veo de manivelas (vermello), pistóns (cinsento), e os cilindros (azul) encóntranse acoplados ao volante que transferirá a enerxía mecánica á caixa de velocidades.

O volante de inercia é un elemento que contribúe a prestar estabilidade ao sistema móbil dun motor de combustión interna. O volante é totalmente pasivo, unicamente achega ao sistema unha inercia adicional coa súa masa. Este volante continúa o seu movemento por inercia cando se baixa o par motor que o propulsa e oponse á aceleración cando este aumenta. Desta forma, o volante de inercia oponse á aceleración ou paradas brutais nun movemento rotativo. Así se conseguen reducir as flutuacións de velocidade.

Principio de funcionamento[editar | editar a fonte]

Estes elementos son necesarios, pois na maior parte das máquinas motrices o traballo producido pola expansión do vapor, pola explosión ou pola combustión das mesturas carburadas, é transmitido por un mecanismo biela-manivela a unha árbore animada de movemento continuo (por exemplo nunha locomotora de vapor ou o motor dun automóbil). As diferentes fases dos ciclos motores non teñen a mesma importancia en canto á produción de enerxía; ademais o mecanismo biela-manivela non garante un par constante.

Adoitan empregarse volantes de inercia en máquinas cíclicas para reducir as variacións da velocidade cando hai cambios no par motor ou no par solicitado ao motor (par da carga), dentro do ciclo.

Deseño[editar | editar a fonte]

Polo xeral o volante consiste nunha roda ou un disco, de fundición ou de aceiro, calado na árbore motora, e cuxas dimensións están calculadas de acordo coas características xerais do sistema do que forma parte.

Nos motores de avión, a mesma hélice fai ás veces de volante de inercia.

No automóbil[editar | editar a fonte]

O volante do motor é un dispositivo circular, de material pesado, unido á cambota dun motor, axudando a manterse en equilibrio conservando o sentido de rotación, e contribuíndo para a redución das vibracións no ciclo do motor.

É contra o volante do motor que o disco de embraiaxe fai presión e que, a través das súas superficies antiescorregantes (que aumentan o atrito) permiten ou desligan a transferencia da enerxía mecánica (rotación) para a caixa de velocidades.