Vixía de Herbeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°43′29″N 07°56′53″W / 43.72472°N 7.94806°W / 43.72472; -7.94806

Os cantís da Enseada de Cortes (Santo André de Teixido), preto de Vixía Herbeira.

Vixía Herbeira é un punto da costa galega, o punto máis alto da Serra da Capelada, onde se achan os cantís cunha maior cota sobre o nivel do mar da Europa continental, con 613 metros sobre o mesmo,[1] e o cuarto de maior altura de Europa (incluíndo as illas), tralos de Hornelen (860 m), Cabo Enniberg (754 m) e Croaghaun (668 m). Outros de altura semellante son Preikestolen (604 m), Slieve League (601 m) e Cabo Girão (580 m). Os cantís de Herbeira teñen un 80% de pendente.

Situación[editar | editar a fonte]

Atópanse entre os concellos de Cedeira e Cariño (provincia da Coruña), na estrada que une a vila de Cariño coa de Santo André de Teixido e Cedeira. Moi preto de Herbeira está o cabo Ortegal onde fican as rochas máis antigas da península Ibérica e as cuartas do mundo.[2]

No alto do beiril hai un vértice xeodésico e unha garita de vixilancia (Garita de Herbeira). A paisaxe é impoñente, ateigada de rochas que sobresaen entre unha mesta matogueira de uces e toxos na que pace gando vacún e cabalar.

Dende o alto do cantil divísase unha excelente panorámica do océano, da costa, e das puntas Tarroiba e Robaliceira, polo que se está a converter nun dos lugares máis turísticos do país. Na parte posterior instalouse unha central eólica para aproveitar a forza do vento na zona.

Garita de Herbeira[editar | editar a fonte]

Garita de Herbeira.

A garita de Herbeira é unha vella caseta no mesmo beiril do cantil, tipo alpendre, construída orixinariamente no século XVIII. O caseto actual data de 1805, e foi deseñado polos enxeñeiros da coroa de entón e construído polos veciños da comarca. Formaba parte dunha serie de construcións dedicadas á vixilancia costeira e marítima ao longo da costa, e que acollerían un pequeno destacamento militar.

A garita arrodéase dun pequeno valado de pedra. Os muros son de cachotaría de pedra de gra, cunha planta é rectangular de tan só uns 15 m². Só conta con catro ocos, a porta e tres xaneliñas. Ten tamén unha cheminea. A cuberta soluciónase coa mesma pedra formando unha bóveda. No ano 2003 a garita e a súa contorna foron restauradas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mirador de Vixía de Herbeira. Fotopanorama. Consultado o 21 de xullo de 2011.
  2. "Ortegal era el centro de la Tierra", artigo en El País, 3 de setembro de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]