Viticultura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vides en espaller no verán.
Espalleres polo inverno.
Poda das viñas en Tasmania.
Videiras en socalcos na Ribeira Sacra, elaborados principalmente coa variante de uva mencía, e godello. Este cultivo data da época da Gallaecia romana.
Viñedos de albariño (D.O. Rías Baixas) en Castrelo, Cambados.

A viticultura (do latín vitis, "vide") é a arte e a ciencia que estuda as técnicas e o sistema de cultivo da vide, para usar as súas uvas na produción de viño ou outros produtos (bagazo, uva de mesa, etc). É unha rama da ciencia da fruticultura.

Proceso vitícola e manexo do cultivo[editar | editar a fonte]

Propagación das videiras[editar | editar a fonte]

As videiras poden propagarse por sementes, escallo, porbaixas ou por enxerto de puga ou de xema. As sementes úsanse principalmente para a produción de novas variedades. Na escala comercial os máis usados son os esgallos. No caso daqueles cultivares de difícil enraizamento úsanse porbaixas.

  • Por semente: a semente da videira xermola sen dificultade. Con semenete de Vitis vinifera os mellores resultados obtéñense despois dun período con estratificación húmida a 4 ou 5 °C por unhas doce semanas antes da sementeira.
  • Por esgallo: a maioría das variedades de vide inician facilmente por esgallos de pau duro. O material para esgallos débese apañar durante o período de repouso. Cómpre usar bacelos ben desenvolvidos do ano, polo xeral de 0,82 a 1,2 cm de diámetro e de 30-40 cm de longo. Unha estación de desenvolvemento no viveiro é de abondo para producir plantas de tamaño axeitado para transplante de viñedos. Polo xeral non se usan substancias promotoras do enraizamento.
  • Por porbaixa: úsase a porbaixa aérea ou a porbaixa simple, de trincheira ou de montículo.
  • Por enxerto: o enxerto de banco úsase con pouca frecuencia (enxerto de raíz); as pilas exértanse, xa for polo método de lingüeta en esgallos desxemados, os cuales pueden estar enraizados ou sen enraizar. Isto faise a finais do inverno o principios de primavera, de material previamente colectado en estado latente tanto da puga coma do padrón. Na vide, a presenza de ar no xogo do enxerto é esencial para unha cicatrización axeitada. Despois de realizarmos o enxerto, estes teñen que se manter por 3 ou 4 semanas en area mollada a unha temperatura de arredor de 24 °C. O enxerto de puga ou gaita e o enxerto de xema ou de gomo sobre padróns úsase ocasionalmente para aumentar a vida das cepas, o vigor das plantas e os rendementos.

Onde hai organismos do solo prexudiciais como a filoxera e os nemátodos das raíces, e débense cultivar variedades de especies susceptíbeis como a Vitis vinifera, é necesario enxertar de puga ou de xema as variedades desexadas sobre un padrón resistente.

    • Enxerto en verde: é un procedemento rápido e simple para propagar Vitis vinifera sobre padróns resistentes. Unha puga de madeira verde cunha soa xema ou gromo enxértase durante a estación de crecemento activo sobre pólas novas que saen xa sexa dun esgallo enraizado do ano, xa for dun esgallo a mediados da súa primeira estación de enraizamento. Para realizalo úsase un enxerto de fenda.
    • Enxerto de xema: é un bo método para establecer variedades de vide sobre padróns resistentes no outono. Realízase sobre esgallos espetados no viñedo durante o inverno ou pola primavera anterior. Un xeito de enxerto é o de enxerto de estela ou á mallorquina. Os gomos enxértanse no padrón preto do chan e se cobren cuns 10 a 25 cm de terra ben húmida e desfeita. Cómpre clarificar que neste caso o enxerto ide escudo non se usa por mor a que o gromo é moi grande.

Labores culturais do viñedo[editar | editar a fonte]

O seu propósito é facilitar a distribución da auga de rega, controlar malezas, etc. Os labores están en intima relación cos momentos de rega, polo tanto coas épocas de maior necesidade de humidade, como son o comezo da vexetación da planta.

As regas poden facerse por diferentes técnicas de regadío: rego ou por alagamento (rega a manta. O sistema de rega por rego cómpre de distintos traballos de arega: polo outono, é un labor fondo que acoeira terra ao pé da planta, abeirándoa así das xeadas dos meses máis fríos do ano, e realizar calellas para a vendima; a principios de primavera, o labor superficial é producir un suco achegado ao pé da planta e un bordo sobre a calella permitindo así a rega; a fins da primavera, o labor superficial que se dá no intre da floración é o de acoeirar terra ás plantas e tapar o rego, o que agora fica no medio e medio da calella. Nesta época do ano, as regas son máis necesarias por mor ao crecemento dos acios; nos meses de verán, por mor das maiores esixencias de auga dadas por un aumento da evapotranspiración, os sucos realízanse ao pé da planta. Diminúese paseniño a cantidade de regas para aumentar a cantidade de azucres nos bagos. Entre finais do verán e inicios do outono, realízase a colleita, polo que se suspenden todas as actividades culturais.

Fertilización[editar | editar a fonte]

Antes da implantación, cómpre coñecermos os cultivos antecesores, xa que algúns teñen necesidades semellantes á vide, tales coma o trevo, a alforfa ou o trigo. Os principais fertilizantes que se necesitan no cultivo da vide son:

  • Ácido fosfórico: durante o período vexetativo, este cultivo ten baixa necesidade deste nutriente (fósforo).
  • Potasio: é un nutriente clave para a vide, afectando a calidade do produto por ser o responsábel do enriquecemento en frutosa (azucres) das bagas. Ao igual que o fósforo este nutriente debe ser aplicado en profundidade.
  • Calcio e magnesio: o primeiro só é utilizado para elevar o pH en solos acedos, mentres que o magnesio xeralmente está en niveis suficientes en todos os solos.

Se durante o período anterior realizouse un bo manexo dos nutrientes non será necesario ningún tipo de aporte neste momento, agás de nutrientes coma azote. Mentres que naqueles solos pobres e non adubos durante a plantación será aconsellábel a aplicación de NPK (azote, fósforo, potasio) en forma conxunta.

Nesta etapa, o comportamento do viñedo e as análises químicas tanto de colleita como de solo poderían estar orientandas ao vitivinicultor na escolla dos nutrientes a aplicar. Poderíase dicir que, sen chegar até as carencias, canto máis diminúe o vigor dunha cepa (sen unha restrición hídrica excesiva), máis rico é o viño, isto na medida en que a diminución do vigor ou vizo é imputábel á restrición da alimentación nitroxenada.

Sistemas de condución[editar | editar a fonte]

Normalmente existen dous tipos de sistemas condutores do crecemento da vide: o parral, de orixe española, e o francés (moi común en Galiza) en espaller.

  • Parra: polo xeral, constrúese o parral a unha altura total arredor dos 2m e cunha distancia entre poste perimetrais e os seus respectivos mortos de entre 0,75 a 2 m, dependendo da zona. Este sistema presenta deficiencias na iluminación e ventilación do froito, exposición a ataques de enfermidades e dificultade nos labores. No terreo debe disporse unha avenida perimetral de 5 a 10 m de ancho; dentro desta márcanse despois as bandas internas onde fican demarcados os cuarteis do parral. Estas rúas terán un mínimo de 4 m. O largo dos cuarteis para asegurar un bo aproveitamento da rega depende da textura do solo: cómpre non superar os 80 cm nos solos areentos e poderá estenderse até 15 dm. nos solos arxilosos. En canto ao longo dos cuarteis estímase que non debe sobrepasar 1 km sen atravesaren unha rúa. A madeira a empregar debe ser dura e resistente, xa que debe durar toda a vida útil do parral (arredor de 40 anos).
  • No espaller: neste caso e a diferenza do parral, primeiro colócanse as plantas e o ano a seguir faise o aramado. As distancia entre ringleiras e entre plantas está dada polo sistema de poda usado. Nos extremos de cada espaller fican as cabeceiras que teñen 2,5 m. de longo e se enterran cunha inclinación de 45 a 60 graos a 1,2 m., os esteos interiores do espaller son os espaldera son as rodrigas ou arxóns que teñen 2,5 m. de longo e que van soterradas verticalmente a 0,7 ou 0,8 m. O primeiro arxón colócase a 3,6 m. da cabeceira ficando nese espazo tres plantas, as demais teñen unha separación de 7,2 m. contendo 6 plantas.

Axentes adversos ao cultivo da vide[editar | editar a fonte]

Fenómenos meteorolóxicos[editar | editar a fonte]

Os accidentes climáticos, as xeadas, a sarabia e o vento, poden causar danos moi graves á acción vitivinícola. No caso do carouxo ou xeadas outonizas, se a temperatura baixa a -2 ou -3 °C, as follas desecan parcialmente, mais os acios fican intactos. Cando a temperatura diminúe máis de -6 °C, non só se produce o enxugado das follas, senón que, en caso de que as uvas estean maduras prodúcese a perda de auga destas por alteración das membranas, alimentando a concentración de azucres, soamente servindo éste para viños licorosos. Se, pola contra, os bagos están maduros en forma incompleta no intre da xeada, prodúcese unha cor tinta arroibada nestas, alterándose o sabor dos viños elaborados. Ante xeadas de inverno, a resistencia das cepeiras ás baixas temperaturas (entre -15 a -20 graos centígrados) depende de distintos factores: as cepas, a etapa de crecemento no que se atope a planta no intre de se producir a xeada, e as condicións que acompañan a xeada: con ou sen folerpa (nevaradas). Os danos que se producen pódense situar en gomos, bacelos e talos. Por último, as xeadas de primavera son polo xeral producidas por ventos polares que producen un descenso xoto da temperatura.

No caso da sarabia e o pedrazo, pódese afirmar que os sitios preferidos por estes fenómenos varían co estado vexetativo da planta e o tamaño da pedra. Os danos máis comúns son o crebado de follas e caída de flores ou pequenas bagas. Tamén nalgúns casos poden producirse feridas en bacelos principalmente cando as pedras son relativamente grandes. Como prevención poden realizarse mallas antisarabia sempre e cando o custo destas estea xustificado pola calidade da cepa e a frecuencia deste fenómeno na zona (non moi común en Galiza). As feridas do bacelo poden tratarse con frecuencia para evitar a entrada de fungos.

Finalmente, a acción directa dos ventos produce crebado de pólas, despego de bacelos na base e caídas das follas. Ademais, o vento contribúe ao espallamento de doenzas e pragas. Para aquelas culturas máis sensíbeis, un xeito de previr estes danos é dispor os espalleres na mesma dirección dos ventos predominantes. Tamén se utilizan na meirande parte dos casos cortaventos ou cortinas forestais.

Métodos de loita contra as xeadas[editar | editar a fonte]

Existen dous métodos para combater as xeadas, unha é a prevención e outra a loita activa.

  • Prevención
    • Elixir cepeiras con desborramento serodio para coutadas expostas.
    • Podas serodias, o que contribuirá a delongar o desborramento.
    • Non instalar viñas en fondais e caivancas expostas ás xeadas.
  • Loita activa
    • Reducir o arrefriamento do ar: quéntase o ar directamente queimando combustíbel, para isto empréganse quentadores. Cabe clarificar que cómpre empregar gran cantidade de estufas pequenas e ben repartidas pola plantación antes que poucas estufas grandes xa que estas provocan a formación dunha columna de ar quente que se escapa cara as altas camadas da atmosfera.
    • Manter os órganos da planta a unha temperatura superior á dos danos: faise por medio de barreiras de plástico ou fume que homoxeneizan as camadas, minimizando a diminución da temperatura a nivel das plantas. Tamén para limitar o arrefriamento do vexetal realízanse regas por aspersión, o que mantén as follas e xemas cubertas de xeo, ficando estas a cero graos centígrados.

Parásitos e enfermidades[editar | editar a fonte]

Nematoda, praga que se enraíza nas vides.

Un dos recorrentes problemas que ameazan a produción vitivinícola (non en Galiza), é a presenza de filoxera, un áfido que prospera en solos arxilosos, duros e escasos de auga, provocando viñedos totalmente devastados. A presenza deste insecto se controla por dúas vías: enxertando sobre padróns de especies de Vitis híbridas americanas resistentes á filoxera; ou ben hibridando Vitis vinifera con especies americanas resistentes, tratando de obter híbridos produtores resistentes chamados produtores directos. Até o momento o máis positivo é o enxerto sobre híbridos americanos xa que ningún dos produtores directos usados brindou un produto de calidade. Ademais, a utilización dos produtores directos existentes significa unha diminución da calidade dos viños.

Por outra banda, os fungos poden aniñar nos restos de vellas raíces e dar lugar a infeccións e danos nos esgallos novos. En todos os viñedos están presentes tamén as viroses. O vehículo de transmisión das viroses aos novos esgallos constitúeno as vellas raíces, que poden ficar no terreo perfectamente vivas durante máis dun ano e unha vez mortas deixan residuos daniños durante bastantes anos, especialmente os nemátodos (sobre todo o Xiphynema index) que parasitan as raíces. Os nematodos por si sos xa representan un feito negativo, porque atacan a raizame das plantas cando aínda é nova e pouco desenvolvida. Unha boa práctica é a fumigación do terreo. Esta é de obriga para as instalacións de material de propagación, sexa a que for a presenza de nematodos ou virose. Úsanse fumigantes de tipo e fórmula diversa (dicloropropano-dicloropropeno ou dibromometano), en forma líquida ou granular. Algúns teñen só acción nematicida, outros actúan tamén sobre as plantas, ante todo matando as vellas raíces da videira e tamén coma funxicidas. A eficacia nematicida dos tratamentos non é completa; unha pequena porcentaxe de nematodos consegue fuxir e se reproduce; porén, o seu número é moi reducido durante os primeiros anos de desenvolvemento da vide. O curto elevado destes tratamentos e o feito de que obrigan a retrasar a plantación en primavera, e ás veces no outono, fan que estean pouco difundidos.

Algúns parasitos coma o mildio ou a peronospora, danse infalibelmente. A rapidez de desenvolvemento da infección depende da temperatura, da humidade e da virulencia do fungo, os consorcios antimildio fixan a data dos tratamentos con base nunha recolleita sistemática e a tempo destas informacións. No caso da loita contra a couza do acio (Lobesia botrana ), a recolleita de datos consiste no emprego de trampas de feromonas. Polo número de avelaíñas apañadas nas trallos pódese deducir o momento oportuno da intervención, así coma o grao de perigosidade do parasito. Neste caso o obxectivo da información non é só fixar o intre da intervención, senón tamén intervir soamente en casos de necesidade. En efecto, son de temer os efectos colaterais ou secundarios do tratamento insecticida. Moitos insecticidas en realidade favorecen a multiplicación de ácaros ou cicadélidos, xa sexa pola desaparición dos seus parasitos e depredadores, xa for pola fitotoxicidade que determinaría nas plantas unha composición de zumes celulares apta para o parasito (trofobiose). Estes efectos colaterais son, nos máis dos casos, de suma importancia, aínda no caso de produtos anticriptogámicos. Por exemplo, a substitución con produtos orgánicos de síntese dos tradicionais produtos de cobre determinou unha maior incidencia da podremia cinsenta ou botrite (Botrytis cinerea).

As pragas e enfermidades que máis incidencia teñen na vide son: Peronospora, oídio (Erysiphe necator (ou Uncinula necator) causa a borralla, cinza ou oídio da viña, moi común en Galiza.[1]), a botrite (Botrytis cinerea), a araña vermella e outras arañas, os tortrícidos (Tortrix) e carricantas. Algúns parasitos presentes no agro, coma o mildio e o oídio, poden deteriorar os acios; o máis perigoso é a podremia cinsenta (Botrytis Cinerea), porque pode seguir desenvolvéndose despois, incluso a temperaturas moi baixas, ou infectar durante a conservación partidas inicialmente sas. Os parasitos que poden facer a súa aparición durante o período de conservación son fungos do xénero Penicillium (mofos verdeazulados) ou Alternaria, Cladosporium e outras (podremia negra). No caso da podremia cinsenta é importante a loita preventiva; partidas que foran xa atacadas non poden ser destinadas a unha longa conservación. Durante o período de mantemento o método máis eficaz e usado con maior frecuencia é o anhídrido sulfuroso, subministrado por vía gasosa ou coma metabisulfito.

Evolución da actividade vitivinícola a nivel mundial[editar | editar a fonte]

Durante a década dos 70, a produción vitivinícola mundial foi en crecimiento (chegándose a cultivar 10 millóns 200 mil hectáreas). A partir da década dos 80 prodúcese un retroceso da superficie implantada por mor do exceso de viño no mercado mundial (aproximadamente de 300 millóns de hectolitros, de los cales 60 millóns son excedente) e a consecuente erradicación de viñedos (-21%), chegándose en 1999 a unha superficie total de 8 millóns 62 mil hectáreas. Os destinos da produción mundial de uva son:

Os principais países produtores mundiais de viño son: Francia, Chile, Italia, España, Estados Unidos (California), Arxentina, Alemaña, Australia, Suráfrica e Portugal. En Galiza a produción é tamén importante.

Os principais países importadores de viño son (nesta orde) Alemaña, Reino Unido, Francia, Estados Unidos, Rusia, Países Baixos, Bélxica, Canadá, Suíza, Dinamarca, e actualmente, estanse a incorporar se ben é certo non coma grandes importadores de viño, senón que coma fortes consumidores de viño, China, Corea do Sur e Taiwán. Por exemplo, neste último país non existe produción local de viños de uva, porén cabe mencionar que si existe unha ampla e prestixiada produción de viño de arroz con contidos alcólicos que varían entre 7 e 8 graos e que constitúe a principal bebida nas comidas, seguido pola cervexa, producida localmente ou importada.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Darriet P, Pons M, Henry R, et al. (May 2002). "Impact odorants contributing to the fungus type aroma from grape berries contaminated by powdery mildew (Uncinula necator); incidence of enzymatic activities of the yeast Saccharomyces cerevisiae". J. Agric. Food Chem. 50 (11): 3277–82. DOI:10.1021/jf011527d. PMID 12009998.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]