Victoria Kent

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Victoria Kent Siano, nada en Málaga o 3 de marzo de 1898 e finada en Nova York en 1987, foi unha avogada e política.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, José Kent Román, foi un comerciante de tecidos, e a súa nai, María Siano González, unha humilde ama de casa. Viviu en Málaga ata 1917, ano en que marchou a Madrid a estudar o Bacharelato no Instituto Cardenal Cisneros, apoiada pola súa nai e polos contactos que trabara o seu pai. Á súa chegada á capital instálase na Residencia de Señoritas. En 1920 ingresa na Facultade de Dereito da Universidade Central (actual Universidade Complutense de Madrid), onde cursa a carreira como alumna non oficial ata a súa licenciatura en xuño de 1924.

Colexiouse en xaneiro de 1925 e, aínda que non tiña demasiado interese en exercer a profesión ante os tribunais, non tardou en ter a súa primeira intervención como avogada defensora. Foi a primeira muller española que interveu como avogado ante os tribunais. Foi socia fundadora e vicepresidenta do "Lyceum Club", formado en Madrid (1926) para debater libremente tódolos problemas da condición feminina.

Fíxose famosa en 1930 defendendo ante o Tribunal Supremo de Guerra e Mariña a Álvaro de Albornoz, membro do Comité Revolucionario Republicano, detido e procesado xunto cos que despois formaron o Goberno provisional da República, a raíz da Sublevación de Jaca de decembro de 1930. Foi a primeira muller no mundo en intervir ante un consello de guerra, conseguindo a absolución do seu defendido. Afiliada ó Partido Republicano Radical Socialista, foi escollida en 1931 deputada das Cortes Constituíntes por Madrid e designada persoalmente polo Presidente da República Alcalá-Zamora Directora Xeral de Prisións, cargo que desempeñou co obxectivo de conseguir a rehabilitación dos presos, e que ocuparía ata 1934.

O seu mandato á fronte das prisións españolas foi moi significativo. Continuou co labor emprendido o século anterior pola precursora Concepción Arenal. De feito, unha vez que mandou retirar todos os grillóns e cadeas das prisións fixo modelar co metal obtido unha estatua de Concepción Arenal. Dedicouse intensamente á reforma das prisións españolas, baixo o criterio de que as sociedades estaban obrigadas a recuperar o delincuente como persoa activa, e que as prisións son o instrumento para iso. Seguindo estas directrices, ordenou a mellora da alimentación dos reclusos, permitiu a liberdade de culto nas prisións, estableceu os permisos por razóns familiares, pechou 114 centros penitenciarios por estar en pésimas condicións, ordeou construír a nova Prisión de Mulleres de Ventas, en Madrid, na que non existían celas de castigo, e creou o Corpo Feminino de Prisións, para as prisións de mulleres substituíndo ás relixiosas que desempeñaran esa misión con boa vontade pero sen os precisos coñecementos penitenciarios, e o Instituto de Estudos Penais, onde se organizaban cursos non só para o persoal de prisións, homes e mulleres, senón tamén para a preparación da xente nova interesada en seguir a carreira xudicial e para os xuíces que o desexasen.

Nomeouse Director do Instituto ó doutor don Luis Jiménez de Asúa, insigne penalista español, profesor de Dereito Penal da Universidade de Madrid, e autoridade internacional desa disciplina. Deste grande profesor foi Victoria Kent, anos antes, a primeira alumna, é dicir, o primeiro alumno do sexo feminino que asistiu ás súas clases.

Con motivo das discusións para conseguir o sufraxio feminino, posicionouse en contra de outorgar de forma inmediata o voto ás mulleres. A súa opinión era que a muller española carecía naquel momento da suficiente preparación social e política como para votar responsablemente, polo que, por influencia da Igrexa, o seu voto sería conservador, o que prexudicaría ós partidos de esquerdas. Sostivo unha polémica ó respecto con outra representante feminista nas cortes, Clara Campoamor. Isto acarreoulle certa impopularidade, non obtendo acta de deputada nas eleccións do 19 de novembro de 1933. Ó ano seguinte abandonou a Dirección Xeral de Prisións.

Nas eleccións do 16 de febreiro de 1936, Victoria Kent foi escollida deputada por Madrid, nas listas de Izquierda Republicana, que formaba parte do Fronte Popular. Durante a Guerra Civil española fíxose cargo da creación de refuxios para nenos e das garderías infantís. O goberno da República enviouna a Francia como Primeira Secretaria da embaixada republicana en París, para que se encargase das evacuacións dos nenos. Permaneceu en Francia ata o final da guerra, e cando rematou colaborou na saída dos refuxiados españois cara América. Sen embargo, non puido seguir o mesmo camiño e foi sorprendida pola invasión nazi. Ó ser ocupada París pola Wehrmacht o 14 de xuño de 1940, Victoria Kent refuxiouse na embaixada mexicana, onde permaneceu refuxiada durante un ano, ó estar o seu nome na lista negra entregada pola policía franquista ó goberno colaboracionista de Vichy. A Cruz Vermella proporcionoulle un apartamento preto do Bois de Boulogne, onde viviu ata a liberación cunha identidade falsa: a de Madame Duval. Neste tempo na capital francesa escribiu "Catro anos en París", romance autobiográfica narrada en terceira persoa cuxo protagonista, Plácido, é un alter ego da autora.

En 1948 marchou a México, onde deu clases de Dereito Penal na Universidade, fundando a Escola de Capacitación para o Persoal de Prisións, da que foi directora durante dous anos. Chamada pola ONU, en 1949 viaxou a Nova York para colaborar na Sección de Defensa Social, co encargo de estudar o lamentable estado das cadeas de Iberoamérica, cargo que abandonou pouco despois por ser excesivamente burocrático. En Nova York fundou e dirixiu a revista Ibérica desde 1954 a 1974, na que publicaba as noticias chegadas desde España para os exiliados republicanos en Estados Unidos. Aínda que viaxou a España en 1977, volveu a Nova York, onde pasou o resto dos seus días ata a súa morte en 1987.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Catro anos en París (1948).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Villena, Miguel Ángel, "Vitoria Kent, una pasión republicana", 2007, Barcelona, Debate