Vicerreinado de Nova España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Vicerreinado de Nueva España")
Vicerreinado de Nova España
Virreinato de Nueva España
1535 — 1821 Bandeira

de}}}

Bandeira

Capital Coat of arms of New Spain's Capital.svg Ciudad de México
Relixión Católica
Goberno Vicerreinado de España
Rei
 • 1516 - 1556 Carlos I
 • 1808 - 1833 [1] Fernando VII (de jure) [1]
Vicerrei
 • 15351550 Antonio de Mendoza y Pacheco
 • 18161821 Juan Ruiz de Apodaca
Historia
 • Conquista de México
 • Establecido 12 de outubro de 12 de outubro
 • Tratado de Adams-Onís 22 de febreiro de 22 de febreiro
 • Abolición do vicerreinado polo Trienio Liberal 31 de maio de 1820
 • Tratados de Córdoba da Provincia da Nova España 24 de agosto
 • Independencia de Centroamérica 15 de setembro de 1821
 • Consumación da independencia de México 27 de setembro de 1821
Superficie
 • 1790 7,000,000 km2
Poboación
 • 1790 est. 6,000,000 
     Densidade 0,9/km²
Moeda Real español
Máxima extensión do Vicerreinado de Nova España, coa incorporación da Luisiana (1764 - 1803). En verde claro o territorio non controlado de forma efectiva, pero reclamado como parte do vicerreinado.

O Vicerreinado de Nova España[2] foi unha entidade territorial integrante do Imperio español, establecida pola Coroa durante a etapa do seu dominio no Novo Mundo, entre os séculos XVI e XIX. Foi creada tras a conquista dos pobos indíxenas establecidos na zona meridional de América do Norte.

A conquista iniciouse en 1519 e propiamente non concluíu até moito despois, xa que o territorio da Nova España seguiu crecendo cara ao norte, a costa dos territorios dos pobos indíxenas do deserto, algúns dos cales nunca foron sometidos polos españois. A conquista da Nova España tivo un dos seus momentos máis importantes coa derrota de México-Tenochtitlan por parte das tropas de Hernán Cortés en 1521.

O Vicerreinado de Nova España foi creado oficialmente o 8 de marzo de 1535. O seu primeiro vicerrei foi Antonio de Mendoza y Pacheco, e a capital do vicerreinado foi a Ciudad de México establecida sobre a antiga Tenochtitlán.

Este Vicerreinado chegou a abarcar os territorios de España en Norteamérica, Centroamérica, Asia e Oceanía. A organización do territorio fíxose a partir das encomendas, que eran outorgadas preferentemente a aqueles conquistadores que participaron na conquista de México, e por iso os encomendeiros tiñan o poder absoluto e encargábanse de organizar o traballo dos seus habitantes nas súas respectivas demarcacións. Os recursos minerais achados baixo o solo da Nova España, con importantes centros mineiros como Guanajuato, San Luis Potosí e Hidalgo, constituíron unha da máis grandes fontes de riqueza para a coroa, utilizadas en Europa para financiar gastos de Estado, custes de guerras ou para acuñar moeda circulante. O vicerreinado tamén foi un dos principais puntos de occidentalización en América.

As principais actividades económicas do vicerreinado foron a minaría, a agricultura (millo, cacao e outros produtos orixinarios da antiga Mesoamérica), a gandaría (introducida polos europeos, que levaron a maior parte dos animais que se criaban) e o comercio (limitado unicamente ás posesións españolas, acto de mercantilismo). Outro elemento importante no desenvolvemento da Nova España foi o papel xogado pola Igrexa católica, que logrou un gran poder ao adquirir grandes propiedades e monopolizar a educación, os servizos de saúde e outras áreas da administración pública. O seu principal instrumento para vixiar a observancia da fe era a Inquisición española (oficialmente, o Tribunal do Santo Oficio da Inquisición), instituída en 1571.

Carlos III de España introduciu reformas na organización do vicerreinado en 1786, coñecidas como reformas borbónicas na Nova España, nas que creaba as intendencias, que permitiron limitar, en certa forma, as atribucións do vicerrei.

Desde principios do século XIX o vicerreinado caeu en crise, agravada pola Guerra da Independencia española, e a súa consecuencia directa no vicerreinado, a crise política de 1808, que acabou co goberno de José de Iturrigaray e máis adiante deu pé á Conxura de Valladolid e á conspiración de Querétaro. Esta última foi o antecedente directo da guerra de independencia mexicana, a que, ao concluír en 1821, desintegrou o vicerreinado e deu paso ao Imperio Mexicano, no que finalmente se coroaría Agustín de Iturbide.

O medio físico era variado, composto pola combinación de climas temperados (centro de México), áridos (norte) e fríos (serras Madre Oriental e Occidental).

Dous territorios diferenciados no vicerreinado[editar | editar a fonte]

A Nova España en 1800.
Non se inclúen os territorios insulares do Océano Pacífico: Filipinas, Marianas, Carolinas, Guam, etc).
A Nova España en 1819, despois do Tratado de Adams-Onís.
Non incluídos os territorios insulares do Océano Pacífico.

Capitanía Xeneral de Guatemala[editar | editar a fonte]

A Capitanía Xeneral de Guatemala, denominación administrativa do Reino de Guatemala, foi a segunda en importancia do vicerreinado e foi fundada por orde de Carlos I en 1536. Contra 1609, a Real Audiencia dictaminou que o vicerrei de Nova España non debería ser, en ningún caso, o gobernador de Guatemala. Isto supuxo un grande avance na autonomía da rexión. A primeira capital do reino foi Gracias a Dios, en Honduras, pero en 1549 foi trasladada ao que hoxe é Antigua Guatemala. En 1773 unha serie de terremotos provocaron o cambio da capital, polo que o novo emprazamento destinado para albergar a sede da Capitanía foi Nueva Guatemala de la Asunción. A promulgación da Constitución de Cádiz abre na Capitanía unha nova etapa de liberalismo, coa que se logrou aínda máis liberdade e independencia do resto de España.

En 1821 proclámase a independencia, e dous anos máis tarde as cinco provincias —Provincia de Ciudad Real de Chiapas, Provincia de Guatemala, Provincia de San Salvador, Provincia de Comayagua e Provincia de Nicaragua y Costa Rica— eríxense nas Provincias Unidas de Centroamérica, tras a caída de Agustín I como emperador de México. Porén, Chiapas incorpórase á nacente República mexicana, mentres que as outras provincias formaron os actuais países de Guatemala, Belize, El Salvador, Honduras, Nicaragua e Costa Rica.

Capitanía Xeneral de Iucatán[editar | editar a fonte]

Capitanía Xeneral de Iucatán.

A Capitanía Xeneral de Iucatán foi unha gobernación e capitanía xeneral (zona administrativa) pertencente a Castela creada en 1565 e que estaba baixo a dependencia directa do rei para asuntos militares e de goberno.

Porén, ao non contar cunha Real audiencia, debía acudir á Real audiencia de México, no Vicerreinado de Nova España para solucionar os asuntos xurídicos. O vicerrei da Nova España tamén podía nomear gobernadores interinos na provincia de Iucatán, mentres que o rei non nomeaba ao seu.

A "Provincia e Capitanía Xeneral de Iucatán" abarcaba os actuais territorios mexicanos de Estadi de Campeche, Quintana Roo, Tabasco, Iucatán, á vez que, nominalmente, lle correspondían os territorios do norte do Petén e o actual Belize.

Esta Capitanía Xeneral foi creada a partir das conquistas capitaneadas por Francisco de Montejo o Adelantado que, xunto co seu fillo e o seu sobriño, homónimos, dominaron os grupos maias que habitaban a península de Iucatán á súa chegada nos albores dp século XVI. Estes grupos, que presentaron aguerrida defensa do seu territorio, eran os descendentes dos que integraron a coalición de estados que se formara e disolvida tempo antes da chegada dos españois, e que se denominara Liga de Mayapán. A conquista de Iucatán foi a máis tardía das que finalmente integraron o vicerreinado da Nova España, toda vez que os últimos redutos maias non foron dominados integramente até o ano de 1697 —é dicir, máis de século e medio despois da conquista de México—, coa conquista de Tayasal.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

A conquista de México[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Conquista do Imperio Azteca.
Nacido contra 1485 en Medellín, Extremadura, Hernán Cortés chegou a México como aventureiro dirixindo a expedición enviada por Velázquez, seu cuñado. Considerado polos aztecas como o seu deus Quetzalcóatl, o conquistador foi sancionado por Pánfilo de Narváez, a quen derrotou en Veracruz. Fundador do Vicerreinato de Nova España, tivo un fillo coa Malinche (Malintzin), a súa intérprete indíxena, Martín Cortés, quen anos máis tarde levantaríase contra a Coroa. Morreu o 2 de decembro de 1547, na pobreza, despois de ser acusado de conspiración contra o rei.

Tras a conquista do reino nazarí de Granada en 1492, Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, unidos en matrimonio, financiaron a expedición de Cristóbal Colón, quen descubriu América o 12 de outubro.

Os españois continuaron explorando o Novo Mundo e, en 1517, Francisco Hernández de Córdoba chegou á costa de Iucatán. Despois de dous enfrontamentos cos maias, Hernández de Córdoba foi ferido e morreu ao seu regreso a Cuba.

En 1518 Juan de Grijalva chegou a Campeche e Tabasco. Neste último lugar entrevistouse co cacique ou gobernador maia Tabscoob e escoitou falar acerca dunha cidade poderosa, capital do imperio máis grande de Mesoamérica, a Gran Tenochtitlán, culminando a súa viaxe en Veracruz.

Mural que representa a Batalla de Centla, Tabasco, en 1519.

En 1519, e designado por Diego Velázquez de Cuéllar, gobernador de Cuba (chamada daquela Fernandina, en honor ao rei de Aragón), Hernán Cortés zarpou cun pequeno exército e chegou aos territorios que se descubriran en febreiro.

En marzo arribou a Tabasco, onde derrotou aos indíxenas na Batalla de Centla, fundando a vila de Santa María de la Victoria que sería a primeira poboación española na Nova España. Foi alí onde o agasallaron a Malintzin, que sería a súa gran tradutora e peza clave na conquista.

Continuou a súa viaxe e fundou a Villa Rica de la Veracruz en territorio azteca, primeira vila europea institucionalizada no Novo Mundo. O 8 de novembro, Cortés chegou a México-Tenochtitlán.[4]

Mural que representa a alianza entre Tlaxcala e o exército de Cortés, situado no interior do palacio de goberno do actual estado de Tlaxcala, México.
Campaña de Cortés, desde Veracruz até México-Tenochtitlán (1519-1521).

Varias premonicións en anos anteriores fixeron crer a Moctezuma Xocoyotzin, soberano azteca ou tlatoani, que a fin do seu imperio estaba cerca. Unha antiga profecía rezaba que Quetzalcóatl, fundador do imperio, volvería baixo a aparencia dun home branco e barbado. Por iso, ao ver a Cortés, creu que a profecía se cumpría e hospedouno no seu palacio, construído por Axayácatl. Os españois decidiron aproveitar a situación para obter riquezas e influencia dentro da corte azteca. Varios sectores da sociedade non se conformaron e decidiron facer ver a Moctezuma o seu erro, pero o tlatoani negouse a aceptar a súa culpa.

En xuño de 1520, un puñado de homes españois detiveron a Moctezuma e proclamaron a conquista, pero o pobo amotinouse. Cortés ordenou a Moctezuma que saíra a calmar aos seus súbditos que, en lugar de obedecer ao seu monarca, comezaron a apedrar. O emperador morreu poucos días despois. Cuitláhuac, irmán de Moctezuma e señor de Iztapalapa foi elixido tlatoani de Tenochtitlan e, en resposta á Matanza do Templo Maior,[5] decidiu lanzar ao pobo contra os españois o 30 de xuño. As estratexias indíxenas coa axuda dos tlatelolcas lograron botar da cidade aos conquistadores, que nesa acción perderon cerca de mil soldados e varios caudais de diñeiro e ouro. Dise que Cortés chorou derrotado ao pé dun ahuehuete, polo que se coñece este feito como Noite Triste.[6]

Durante o seu traxecto ao Gran Tenochtitlán, Cortés lograra as alianzas de pobos subxugados polos aztecas, como Tlaxcala e Chalco. Véndose derrotado, reuniu as súas forzas coas dos seus aliados e, en xaneiro de 1521, despois de máis de seis meses da súa derrota, Cortés comezou a marcha cara á cidade que o viu vencido na Noite Triste. Os aztecas estaban agora gobernados por Cuauhtémoc, pois Cuitláhuac falecera en novembro, vítima de varíola, enfermidade traída polos españois e para a cal non estaban preparados os nativos. En marzo, Cortés comezou o sitio da cidade, á que lle cortou a auga e os recursos básicos de sanidade, comunicación e comercio. A pesar das súas alianzas con Tetzcuco e Tlacopan, a cidade tivo que renderse o 13 de agosto, marcando así o inicio do dominio español.

Cuauhtémoc, líder azteca, intentou escapar en balsa polo lago de Texcoco, pero foi arrestado. Encarcerado en Coyoacán, queimáronlle os pés para que confesara a situación do seu tesouro. Como non confesou, levárono a unha expedición en Centroamérica, en 1525. As sospeitas de conspiración fixeron que o condenaran a morte, que foi executada na forca o 28 de febreiro de 1525.[7]

A fundación[editar | editar a fonte]

Tras as accións militares, sometida mediante as armas, a capital mexica e, en marcha ocupación do resto do Altiplano Central mexicano, Hernán Cortés ordenou a demolición de México-Tenochtitlán e a edificación nos seus restos da nova capital, dispoñendo que o alarife Alonso de Estrada deseñara un trazado ao estilo castelán. Os españois fixeron da cidade de México a capital dunha entidade que denominaron Nova España, que comprendía dentro dela a todos os señoríos aliados ou sometidos polas tropas de Cortés.

A primeira sociedade novohispana constituíuse en torno ao círculo superior de capitáns da expedición, con Hernán Cortés como capitán xeneral dos territorios recentemente conquistados, que organizaron máis expedicións para controlar territorios. O sistema económico occidental foi implantándose gradualmente, incluíndo prácticas agrícolas, comerciais e financeiras, aínda que moitas estruturas indíxenas continuaron practicamente intactas, como a mobilidade das mercadorías, as estruturas de tributación e algúns poderes locais.[8]

Os indíxenas, maioritarios sempre na sociedade, tras ser sometidos pola vía militar ou recoñecido o vasalaxe español, foron reunidos en vilas ou repúblicas de indios, que foron constituídas xa fora por facelos á usanza occidental en poboacións importantes e deixando aos mesmos gobernadores, o por congregacións, constituídas polas poboacións de varias vilas dispersas nunha soa, ou ben como traballadores nas primeiras encomendas e obrajes. Un punto esencial é que, a partir deste proceso, viviuse un colapso demográfico das sociedades indíxenas, morrendo centos deles a causa da explotación e as epidemias, que alcanzou un punto crítico á metade do século XVI.

As congregacións tiveron entre os seus fins a evanxelización dos indíxenas, un proceso que foi primordial na política española do século XVI e realizado polas principais ordes relixiosas.[9]

Os misioneiros católicos[editar | editar a fonte]

O Padre xesuíta Eusebio Francisco Kino.

No século XVI, os españois ao mando de Hernán Cortés conquistaron aos mexicas e fixéronse coas súas propiedades. O labor misioneiro da Igrexa Católica iniciouse coa chegada das ordes mendicantes: franciscanos, dominicos e agostiños, que evanxelizaron partindo do Altiplano Central cara a fóra, ás localidades máis poboadas, e creando novas onde eran dispersas. No transcurso da segunda década deste século, Cristóbal de Olid, Pedro de Alvarado e Nuño Beltrán de Guzmán apoderáronse de gran parte do territorio mexicano, salvo o norte do país, onde as tribos chichimecas perduraron até principios do século XVII, cando fueron case exterminadas. Nese mesmo século, o labor dos freires chegados á Nova España permitiu estender os núcleos poboacionais a Nuevo León, onde se fundaron Cerralvo, Cadereyta e Sabinas Hidalgo.[10]

Neste mesmo período, o labor dos franciscanos fixo posíbel a fundación de Paso del Norte, en 1682. Carlos de Sigüenza y Góngora, intelectual e xeógrafo mexicano, dedicuse a cartografar nas Nuevas Filipinas (Texas) e no porto de Panzacola (hoxe Pensacola), onde se edificou o forte de San Carlos para defender a localidade de ataques piratas.[11]

A Compañía de Xesús substituiu paulatinamente o labor dos franciscanos, pero ampliouna no aspecto cultural e educativo. Eusebio Francisco Kino, nacido en Trento, cuna do concilio da Contrarreforma, que adoptara o seu segundo nome en honor a Francisco de Asís, a quen admiraba, chegou á Nova España en 1682 e dedicouse a difundir o Cristianismo. Kino fundou misións en Sonora e Arizona, e a maior delas, Magdalena de Kino, no norte do territorio sonorense, leva o nome da súa nai. Morreu en 1711.

Estatua de Frei Junípero Serra na National Statuary Hall Collection.

Ademais de misioneiro, Kino foi tamén explorador, cartógrafo, xeógrafo e astrónomo. O seu traballo de fundación e coñecemento xeográfico quedou resumido na obra do tamén xesuíta Francisco Javier Alegre, Los apostólicos afanes, dedicada ao papa Bieito XIV, e que foi publicada en Roma en 1749.[12]

O labor de Kino inspirou a outros xesuítas para continuar a obra de fundación, xa entrado o século XVIII, coa fundación de San Antonio de Béjar e a baía do Espíritu Santo, ambas en Texas. Pero en 1767, Carlos III expulsou aos xesuítas dos seus dominios por atentaren contra as doutrinas da Igrexa e do rei, e as súas antigas misións pasaron a seren administradas polos dominicos, que as estenderon até Paraguai e Ecuador.

Junípero Serra, natural das illas Baleares, fundou en Alta California as misións de San Diego de Alcalá, San Carlos Borromeo de Carmelo, San Gabriel Arcángel, San Luis Obispo de Tolosa, San Francisco de Asís e San Juan Capistrano, entre outras.

O italiano Peri recibiu mandato de Pío VI para evanxelizar as terras de Chihuahua, onde fundou en 1798 a misión de San Luis Rey.

O labor de evanxelización e poboamento non se detivo até 1830, cando o Vicerreinado xa non existía e moitos dos países que o integraran xa lograran a súa independencia.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 En maio de 1808 producíronse as denominadas «Abdicacións de Baiona», proceso polo cual Carlos IV e Fernando VII cederon os seus dereitos ao Trono en favor de Napoleón Bonaparte quen, á súa vez, cedeullos ao seu irmán José. Nin o Consello de Castela nin as autoridades das posesións de ultramar recoñeceron como o seu soberano a José, declarando a Fernando como único rei lexítimo. A guerra contra as tropas francesas na Península e a falta dunha autoridade clara provocaron un baleiro que levaría ás posesións americanas cara á súa independencia.
  2. Ver entrada de «Portocarrero Lasso de Vega, Melchor». Diciopedia do século 21. 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1679. ISBN 9788482893600.
  3. Molina Solís, Juan Francisco (1896): Historia del Descubrimiento y Conquista de Yucatán. Mérida, Yucatán.
  4. "Exploradores y viajeros por España y el nuevo mundo". http://www.cervantesvirtual.com/portal/exploradores/pcuartonivel.jsp?conten=exploradores&pagina=viajeros2_franciscohernandez.jsp&tit3=1517,+Francisco+Hern%C3%A1ndez+de+C%C3%B3rdoba. Consultado o 18-03-2008.
  5. Esta matanza ocorreu poucos días despois do motín que depuxo a Moctezuma. Cortés debeu saír da metrópole, dado que un emisario de Velázquez, Pánfilo de Narváez, esperábao na costa veracruzana para combater con el pola súa desobediencia ao gobernador de Cuba. Alvarado aproveitou a ausencia do seu superior para ordenar o avance das súas tropas sobre una festa indíxena realizada no Templo Maior, morrendo no acto máis de cincocentas persoas, contando mulleres e nenos.
  6. "La conquista de la Nueva España." (HTML). http://www.artehistoria.jcyl.es/cronicas/contextos/11361.htm. Consultado o 17-03-2013.
  7. Ángel María Garibay. "La muerte de Cuauhtémoc" (HTML). http://redescolar.ilce.edu.mx/redescolar/efemerides/febrero/conme28.htm. Consultado o 5-08-2008.
  8. LOCKHART, James (1999). Los nahuas después de la Conquista.
  9. HASSIG, Ross (1985). Comercio, tributo y transportes. La economía política del Valle de México en el siglo XVI.
  10. Estudiantes de la Pontificia Universidad Católica de Chile (03). "El virreinato de Nueva España" (HTML). http://www.puc.cl/sw_educ/historia/america/html/1_2_1_1.html. Consultado o 01-09-2013.
  11. Ricard, Robert (1949). La Conquista Espiritual de México.
  12. "Vida y obra del padre Eusebio Francisco Kino." (HTML). http://www.mexicodesconocido.com.mx/notas/4202-Francisco-Eusebio-Kino. Consultado o 01-09-2013.
  13. Universidad de La Rioja. "Evangelización en la Nueva España" (HTML). http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=227089. Consultado o 17-03-2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]