Vicente de Paúl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vicente de Paúl nado en Aquitania no ano 1581 e finado en París o 27 de setembro de 1660, é o fundador da Congregación da Misión e das Fillas da Caridade, patrón das asociacións de Caridade.

reliquia

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia labrega, adicouse na súa infancia a pastorear ovellas e coidar porcos. Aos 14 anos foi enviado ao colexio da orde franciscana de Dax onde recibe o impacto da vida urbana e comeza a avergoñarse das súas orixes e do seu pai, segundo el mesmo confesou máis tarde. Salientando nos estudos, pretende asegurarse unha próspera carreira eclesiástica e comeza a estudar Teoloxía. En 1600 é ordenado sacerdote. En 1604 obtén o doutoramento en Teoloxía desexando acadar a dignidade do bispado.

Nun traxecto de Marsella a Narbona é capturado por piratas e vendido como escravo en Túnez. Non conseguiu a plena liberdade ata que regresou a París no ano 1608. Alí o amigo que o acolle acúsao de ladrón, imputación da que el non se defende. Exerce como párroco en Clichy la Garenne e o seu director espiritual, Bérulle, consegue que o nomeen preceptor da importante familia de Filipe Gondi, sobriño do arcebispo de París. Comeza unha vida palaciega e mol en Montmirail, Joigny, Folleville e na propia París. Porén, o contacto coa miseria material dos labregos imprime nel un xiro radical e abandona á familia dos Gondi.

Comeza a organizar axuda material ás familias campesiñas e crea as Confréries de Charité: irmandades para o exercicio da solidariedade cos desposuídos e marxinados. Para el a caridade é sinónimo de amor eficaz. Asemade, instálase como párroco en Chantillon-des-Dombes 1617. Conseguen, tras teimudos rogos, que volva como preceptor dos Gondi, pero agora xa non utilizará esa posición como escada social senón como base de influencia para a acción organizada a prol dos desfavorecidos. Comeza a poñer en marcha un carisma polifacético que ten como norte unha espiritualidade centrada na solidariedade: Os pobres son os nosos amos e señores. Os pobres xulgaranos. Considera que hai que darlle unha nova orientación ao sacerdocio: Hai dez mil sacerdotes en París, mentres que no campo os pobres sofren no medio dunha estarrecedora ignorancia. Non é lícito perderse en teorías, mentres moi preto hai nenos que necesitan para subsistir un vaso de leite. Comeza a concibir a Congregación da Misión cuxa casa nai será a leprosería de San Saint Lazare (daí o apelativo de Lazaristas), pero en Roma se lle nega por dúas veces a aprobación.

Francisco de Sales pídelle que se encargue da capelanía da Orde da Visitación, unha congregación de monxas que saen do convento e acoden a coidar enfermos, apestados e moribundos.

En 1619 é nomeado Capelán xeral de galeras. Vicente de Paúl fica estarrecido coa situación calamitosa dos galeotes, maltratados e explotados. Acode a visitalos e atendelos persoalmente de incógnito e obtén de Gondi un trato máis humano.

En 1618, comeza a Guerra dos Trinta Anos e a devastación asola Europa; Vicente de Paúl decide organizar a atención aos feridos, amputados, arruinados e esfameados pola guerra. Tras décadas de esforzos, en 1640 diríxese ao propio Cardeal Richelieu, o dominador da política francesa, esixindo o fin dos enfrontamentos bélicos.

En 1629, encoméndalle a Luisa de Marillac a organización do que será a orde das Fillas da Caridade, encargándolle que aprendan o coidado dos enfermos, que acollan aos bebés expostos e aos nenos abandonados, atendan aos presidiarios e aos tolos e aprendan a administrarse por si mesmas. Non terán hábito, nin velo, nin votos solemnes, o que lle puxo en contra a elementos da xerarquía eclesial. Vicente de Paúl, determinado na súa concepción novidosa e naquel momento escandalosa para un grupo de mulleres, expresou que terán por mosteiro as casas dos doentes, por cela, un cuarto alugado, por capela, a igrexa parroquial, por claustro, as rúas da cidade.

En 1633, chega por fin a aprobación de Roma á Congregación a Misión.

En 1649 emprende xestións urxentes ante a raíña Ana de Austria e o Cardeal Mazarino a fin de promover a paz.

En 1659 as súas misións están espalladas por Europa, o norte de África e Madagascar. Preocupado polos efectos nocivos do éxito, escribe as súas consideracións sobre a humildade como primeira cualidade do sacerdote en Misión.

En 1660 vese obrigado a gardar cama con chagas nas pernas e impelido a permanecer inmóbil. Así ata a súa morte en Saint-Lazare cos pobres que a súa congregación atendía.

Significación[editar | editar a fonte]

Foi canonizado polo Papa Clemente XII, o 16 de xuño de 1737. O Papa León XIII proclamouno patrón das asociacións de caridade. A súa celebración é o 27 de setembro, data do seu pasamento. O seu corpo incorrupto é venerado na igrexa de San Vicente de Paúl en París. As Conferencias de San Vicente de Paúl están hoxe en día presentes nos cinco continentes. As Fillas da Caridade son máis de 30.000 e contan con máis de 3.000 casas en todo o mundo onde coidan doentes, marxinados e nenos abandonados. Obtiveron o Premio Príncipe de Asturias no ano 2005.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vicente de Paúl Modificar a ligazón no Wikidata