Viño romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O viño romano é un viño tradicional galego de produción caseira destinada ao autoconsumo, manténdose afastado das canles habituais de comercialización.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un viño procedente dunha cepa do tipo hibridos de produción directa (HPD). En particular, a cepa que produce o viño romano procede do cruzamento no século XIX da autóctona Vitis vinifera e a importada dos Estados Unidos Vitis labrusca. O motivo do cruzamento foi a maior resistencia da Vitis labrusca á praga da filoxera que estaba a arruinar todas as cepas autóctonas.

Prodúcese maioritariamente no Arco Ártabro en altitudes de ata 400 metros. Tamén se pode encontrar no Ortegal, Bergantiños e Betanzos, aínda que en Betanzos perde terreo debido á presenza da indicación Viño da Terra de Betanzos que fai que os produtores prefiran o cultivo de cepas recoñecidas por esta.

Ten un sabor con moitos matices con predominio dun sabor como a fresa e froitas silvestres. A uva do romano consómese tamén como uva de mesa e o bagazo fai un bo augardente.

O nome de viño romano non ten unha orixe certa. Unha hipótese é a coincidencia dos nomes da cepa Vitis labrusca e un viño italiano coñecido como lambrusco. Outra teoría establece a relación polo sabor a fresa do viño romano e a existencia doutro viño italiano que se denomina de fragola (de fresa) precisamente polo seu sabor.

Os viños de HPD non están aínda suficientemente estudados e están oficialmente ignorados, mesmo chegouse a prohibir a súa plantación en España en 1955, ampliándose a prohibición en 1970 ás replantacións. Os motivos alegados foron o fomento da calidade e alusións a algúns efectos nocivos para a saúde que nunca foron probados cientificamente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]