Viño de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Viñas galegas

O Viño de Galicia inclúe o viño que se elabora nas provincias da Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Dentro de Galicia distínguense cinco denominacións de orixe: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. En anos recentes, o pais viu rexurdir a súa industria vinícola guiada polo aplauso internacional da rexión das Rías Baixas e dos seus viños albariño.[1]

Clima e xeografía[editar | editar a fonte]

Situada ao longo da costa Atlántica, Galicia ten un clima moi húmido cunha pluviosidade media de máis de 1.300 mm ao ano. As máis de 2.000 horas de insolación que recibe a rexión axuda á alta humidade da zona. A cadea montañosa Serra dos Ancares forma o límite con Castela e León ao leste e o río Miño forma parte da fronteira con Portugal ao sur. A proximidade da rexión con Portugal e o seu illamento co resto de España marcou a influencia no estilo de viños de Galicia, sendo moitos deles máis próximos aos viños portugueses que ao resto de viños españois.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Viñedos na Ribeira Sacra, Ourense

No século XIV, Galicia exportaba as súas vides a outros viñedos europeos. No século XIX, toda a rexión sufriu unha economía deprimida e moitos viñedos abandoáronse polo despoboamento ao emigrar os traballadores. Os traballadores da vendima galega foron en parte os que contribuíron co seu labor a desenvolver os viñedos en bancais da rexión do viño do Porto do Douro. Cando España entrou a formar parte da Unión Europea en 1986, comezaron a chegar fondos a Galicia que axudaron ao rexurdimento da industria vitivinícola.[1]

Viticultura e viños[editar | editar a fonte]

A rexión de Galicia demostrou un grande éxito na vendima de uvas e regularmente produce algunhas das maiores colleitas en Europa cunha media de 100 hectolitros por hectárea. A maioría dos viñedos da rexión atópanse na parte sur, nas provincias de Ourense e Pontevedra, aínda que hai algunhas significativas plantacións en Lugo, ao leste. As rexións máis próximas ao río Miño a miúdo producen viños de mestura de albariño, loureira e caíño branco. Máis cara ao interior, os viños brancos son unha mestura de torrontés e treixadura. Tamén hai viños brancos dominados pola uva godello. Os lixeiros viños tintos están producidos principalmente con uva mencía.[1]

Denominacións[editar | editar a fonte]

Denominacións de orixe de Galicia

Ribeiro

Artigo principal: Denominación de Orixe Ribeiro.

A denominación de orixe Ribeiro sitúase ao longo do río Miño e os seus afluentes. Por Orde do 2 de febreiro de 1976 aprobouse o regulamento da denominación de orixe Ribeiro e o seu consello regulador. Nos séculos XVI e XVII, o viño de Ribeiro a miúdo exportábase a Inglaterra e Italia, mais sufriu os mesmos danos cás Rías Baixas durante a praga de filoxera. Porén, os cultivadores foron máis rápidos á hora de quitar os híbridos de baixa calidade plantados e recuperar as nativas torrontés e lado. Estas variedades producen viños brancos frescos e aromáticos. A produción de tinto da zona céntrase na garnacha tintoreira que produce viños de cor escura pero corpo lixeiro.[2]

O ribeiro é un viño con carácter menos aristocrático có albariño, e combina mellor coa cociña galega máis popular; adóitase tomar en cuncas de louza branca ou barro. É un viño novo, lixeiro, con aromas afrutados e florais; un viño que agrada ao padal e aos sentidos, e que se consome case sen decatarse, coma se de auga se tratase.

Valdeorras

Foi recoñecida como denominación de orixe en 1977. Esta denominación de orixe é a que está máis ao leste das de Galicia, e está dominada pola tinta garnacha tintoreira e a branca palomino. Antes da epidemia de filoxera do século XIX, a vide godello local estaba moi plantada e só recentemente comezou a regresar á rexión. A uva mencía está tamén gañando terreo debido ao carácter afroitado e doado de beber dos tintos que produce.[2]

Rías Baixas

A rexión das Rías Baixas é a máis coñecida de Galicia e produce algúns dos viños brancos secos españois máis buscados, baseados na uva albariño. Aínda que o viño elaborábase xa antes nesta rexión, non se exportou a outras rexións de Europa até o século XVI e mantívose nun ritmo continuo ata que a praga de filoxera esnaquizou os viñedos da rexión. A comezos do século XX moitos dos viñedos da rexión replantáronse con vides híbridas e algunhas das plantacións da uva xerezana palomino que non era tan produtiva no clima máis frío das Rías Baixas. Nos anos 1970, os cultivadores volveron replantar variedades nativas como o albariño. Ao longo da rexión están permitidas doce variedades, incluíndo as uvas tintas mencía e espadeiro, pero albariño é responsable do 90% da produción rexional.[2] Obtivo o recoñecemento como denominación de orixe en 1988.

Os chans de viñedo da rexión baséanse no granito e idealmente están situados no clima marítimo húmido. Malia a reputación de altas colleitas doutras partes de Galicia, Rías Baixas mantén a produción das súas plantacións de albariño baixas, para producir un viño fragante e afroitado. Os viños teñen a miúdo un mínimo de contido de alcol de 12% e de cando en cando prodúcense nun estilo distinto ao seco.[2]

O albariño úsase especialmente para acompañar o marisco. A denominación de orixe Rías Baixas tamén inclúe, dentro da súa denominación, O Condado, Salnés e Soutomaior.

Monterrei

A denominación de orixe Monterrei atópase no límite meridional de Galicia na fronteira con Portugal. Constituíuse en 1996. A industria do viño alí está dominada actualmente pola produción de viño en masa.[3]

Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra obtivo o recoñecemento como denominación de orixe en 1996 e é a única rexión vinícola de Galicia dominada pola produción de viño tinto. A maior parte do viño producido alí faise con uva mencía cunha produción limitada de viño branco feita con godello e albariño.[4]

É un viño de marcado corpo e carácter, propio das Ribeiras do Sil e do Miño, zona coñecida como Ribeira Sacra. Os viñedos sitúanse nas escarpadas ladeiras dos canóns. É moi apreciado o Amandi, orixinario da parroquia de Santa María de Amandi (Sober), do que circula a lenda de que era aprezado polos césares e exportado a Roma para o seu consumo.

Viños da Terra[editar | editar a fonte]

Ademais do cinco denominacións de orixe recoñecidas en Galicia, a comunidade conta con tres indicacións xeográficas con dereito a mención Viño da Terra, que son: Betanzos, Val do Miño-Ourense e Barbanza e Iria

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 295-296 Oxford University Press 2006 ISBN 0198609906
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 575 Oxford University Press 2006 ISBN 0198609906
  3. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 451 Oxford University Press 2006 ISBN 0198609906
  4. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 723 Oxford University Press 2006 ISBN 0198609906

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]