Vespa velutina nigritorax

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vespa velutina nigritorax.

A Vespa velutina nigritorax, a avespa asiática, é un tipo de avespa orixinario de Asia. Procede da China, a India e Indonesia. Considérase especie invasora en Galicia.

Características[editar | editar a fonte]

A Vespa velutina nigritorax triplica en tamaño á abella europea, pois as mestras chegan a medir 40 mm, aínda que o resto dos individuos non pasan dos 30 mm. Distínguese da avespa autóctona, Vespa cabro, en que esta ten o tórax vermello e o abdome negro e amarelo, mentres que o abdome da Vespa velutina é negro ou marrón cunha franxa caudal amarela e a cabeza negra coa fronte laranxa. Os extremos das súas patas tamén son amarelos. A Vespa velutina nigritorax é depredador da Apis mellifera, a abella doméstica, á que mata por decapitación para alimentar con ela ás súas larvas. Tamén devoran as crías de abella dentro da colmea. Aniñan no alto das árbores en colonias de máis de mil individuos[1].

En Europa detectouse a presenza da Vespa velutina nigritorax tras a chegada dunha colonia nun barco mercante ó porto de Burdeos no ano 2005. A partir dese momento expandiuse por máis de 30 departamentos de Francia, con especial incidencia na rexión de Aquitania. En novembro de 2010 foi detectada a súa presenza en Guipúscoa[2] [3]. En Galicia detectouse por vez primeira en Burela en 2012, espallándose despois por outras zonas costeiras principalmente. A principios del 2013 déronse avisos en Lobios (Ourense), As Neves, Ponteareas e Lira (en Pontevedra). Ameaza a supervivencia das poboacións de abellas, polo que a Xunta puxo en marcha un programa de eliminación[4].

Na zona de orixe da Vespa velutina nigritorax a abella máis común, a Apis cerana, desenvolveu un método de defensa consistente en agruparse arrodeando ás avespas intrusas para elevar a temperatura do seu corpo ata matala. A abella europea non conta con ese método de defensa, pero polo que parece as abellas francesas están comezando a aplicalo.

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vespa velutina