Venus de Laussel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Réplica da Venus de Laussel

Venus de Laussel é o nome dado a un relevo de datación paleolítica, que representa a figura dunha muller espida, que porta na súa man dereita un corno. Procede do denominado "Grand Abri", sito na estación arqueolóxica de Laussel, na rexión de Dordoña (Dordogne), Francia, no val do río Vezére, nun lugar que miran para o mediodía. A figura é denominada tamén como a Muller do corno e a Dama da hasta.

Historia[editar | editar a fonte]

A Venus formaba parte dun conxunto con outras estatuas. Foi descuberta en 1908[1], polo doutor Gaston Lalanne, quen fixo arrincar parte do bloque pétreo no que se achaba esculpida. A peza foi trasladada ao Museo de Bordeos. Nas proximidades apareceron outras figuras en relevo. dúas femininas (a "Venus do peiteado en dameiro" e a desaparecida "Venus de Berlín") e mais o chamado cazador de Laussel. Había tamén unha dobre figura enigmática. Ademais obtéronse falos e vulvas. A impresión dos descubridores foi que todo o conxunto formaba parte dun santuario[2].

En 1952, o enxeñeiro H. Bessac descubríu, na entrada da caverna ou abrigo, dúas figuras femininas recostadas, que pasaran inadvertidas até entón, polo seu modelado, apenas insinuado</ref>Giedion, Sigfried, op. cit., páxs. 531-533.</ref>

Ilustración da Venus de Laussel

Datación[editar | editar a fonte]

Cóidase que pertence ao período perigordense superior do Paleolítico superior, aínda que é asignada tamén ao período auriñaciense.

Descrición[editar | editar a fonte]

A figura da muller mide 42 cm da altura. A figura sobresae sobre a rocha na que se esculpiu, porque se separou bastante material ao seu arredor, abrindo profundos sucos no seu perfil. Presenta unha muller núa, que mira á súa dereita, para o abrigo, aínda que non existen detalles anatómicos do rostro; na parte esquerda da cabeza mostra a cabeleira que cae sobre o ombro do mesmo lado. Presenta busto perfilado con peitos colgantes. As extremidades superiores están mellor acabadas que nas Venus paleolíticas máis coñecidas. O brazo dereito está case apegado ao costado, pero o correspondente antebrazo está erguido e sostén o que se ten identificado como un corno de bisonte, o que explica algún dos seus nomes. O brazo esquerdo está lixeiramente ladeado para o centro da figura, xa que ten a súa man en repouso sobre o ventre, mostrando catro dos dedos. O ventre é avultado e ancho, mentres os cadrís, que mostran unha anchura maior que o resto do corpo, son concrecións redondeadas e graxosas. As extremidades inferiores son pouco fortes en relación ao desenvolvmento somático xeral, e indícanse xuntas; os pés apenas existen. Determinadas marcas indican o bico do peito, o embigo, o sexo, insinuado por un triángulo. A figura mostraba restos de pintura vermella.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. A data de 1908 é a que fornece Delporte, Henri, La imagen de la mujer en el arte prehistórico, páx. 68.
  2. Cfr. Delporte, op. cit., páxs.67-74; Giedion, Sigfried, El presente eterno: los comienzos del arte, paxs. 521-522.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]