Vastitas Borealis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vastitas Borealis
Phoenix mission horizon stitched high definition.jpg
Vista das planicies de Vastitas Borealis, fotografía tomada pola sonda da NASA Phoenix lander, no ano 2008. Pódense aprecia-las placas pologonais producidas pola crioturbación no permafrost marciano.
Tipo de accidente xeolóxico Vastitas
Rexión de Marte
Diámetro medio 3.500 km[1]
Altitude 4-5 km por debaixo do datum marciano.[2]
Coordenadas 89,75° N 146,2° E[1]
Procedencia do nome nome dun antigo accidente xeolóxico.[1]
Vastitas Borealis é unha gran rexión de baixa altitude ó redor dos 70°N.
Non confundir con: Cunca do Polo Norte (Marte).

Vastitas Borealis (en latín sería ermos do norte) é a rexión de planicies a baixa altitude máis grande de Marte. Situada sobre o polo norte de Marte, ocupa toda a rexión polar do hemisferio norte e zonas limítrofes. Vastitas Borealis recibe moitas veces o nome de Planicies do Norte ou Terras Baixas do Norte de Marte. As chairas desta rexión están 4–5 km por debaixo do datum marciano. Xusto sobre a polo norte, no medio de Vastitas Borealis, está situada a rexión chamada Planum Boreum, unha chaira elevada entre 1-3 km sobre o resto das chairas de Vastitas.[2]

A rexión recibiu o nome de mans de Eugene Antoniadi, que deixou constancia do distinto albedo das planicies do norte no seu libro La Planète Mars (1930). O nome foi oficialmente adoptado pola Unión Astronómica Internacional no ano 1973.[1]

Polo de agora hai recoñecidas dúas cuncas distintas dentro de Vastitas Borealis: A Cunca do Polo Norte e Utopia Planitia. Algúns científicos teorizaron sobre a posibilidade de que nun pasado remoto de Marte, estas planicies estivesen cubertas por un océano, e incluso se teñen suxerido posibles liñas costeiras nas fronteiras coas Terras Altas, exemplo desta suxerencia é a rexión fronteiriza de Cydonia que está situada no sur de Acidalia Planitia, Cydonia sería a zona costeira dun océano que cubriría as planicies do norte.[3][4] Hoxe en día, estas planicies teñen algunha lixeira pendente, con algunhas cristas, outeiros pequenos e cráteres dispersos. Vastitas Borealis chama a atención por ser máis suave en relevo que accidentes xeolóxicos semellantes que están máis ó sur.

No ano 2005, a sonda Mars Express da ESA detectou unha cantidade substancial de xeo de auga nun cráter da rexión de Vastitas Borealis. As condicións locais medioambientais do cráter son adecuadas para que o xeo de auga se manteña estable ó longo de todo o ano no centro do cráter. A posible capa de xeo de dióxido de carbono sublimase coa chegada do verán ó hemisferio norte, de feito as partes menos expostas á radiación solar do borde do cráter conteñen trazas de xeo, pero non así as partes expostas á radiación solar, onde o xeo de auga tamén se tería sublimado.[5]

A sonda da NASA Phoenix aterrou con éxito na rexión de Vastitas Borealis alcumada coma Green Valley o 25 de maio do ano 2008 (a principios de verán marciano no hemisferio norte). A Phoenix aterrou nas coordenadas 68,218830° N 234,250778° E.[6] A sonda, a cal está estacionaria, recolle e analiza mostras de terreo nun esforzo para detectar auga e determinar como de hospitalario podería se-lo planeta para albergar vida. Mantense activa a pesar das condicións invernais que traen fortes ventos durante cinco meses ó ano.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Planetary Names: Vastitas, vastitates: Vastitas Borealis on Mars". http://planetarynames.wr.usgs.gov/Feature/6333. Consultado o 31-03-2012. 
  2. 2,0 2,1 "Mapa detallado do cuadrante MC-01 Mare Borearum". http://planetarynames.wr.usgs.gov/images/mc1_mola.pdf. Consultado o 31-03-2012. 
  3. Head, J.W.; Kreslavsky, M.; Hiesinger, H.; Ivanov, M.; Pratt, S.; Seibert, N.; Smith, D.E.; Zuber, M.T.; (1998). "Oceans in the past history of Mars: Tests for their presence using Mars Orbiter Laser Altimeter (MOLA) data". Geophysical Research Letters 25: 4401–4404. Bibcode 1998GeoRL..25.4401H. DOI:10.1029/1998GL900116. http://www.agu.org/pubs/crossref/1998/1998GL900116.shtml. 
  4. Malin, M.C.; Edgett, K.S.; (1999). "Oceans or seas in the Martian northern lowlands: High resolution imaging tests of proposed coastlines". Geophysical Research Letters 26: 3049–3052. Bibcode 1999GeoRL..26.3049M. DOI:10.1029/1999GL002342. http://www.agu.org/pubs/crossref/1999/1999GL002342.shtml. 
  5. "Water ice in crater at Martian north pole". ESA. http://www.esa.int/SPECIALS/Mars_Express/SEMGKA808BE_0.html. Consultado o 31-03-2012. 
  6. Lakdawalla, Emily (27-05-2008). "Phoenix Sol 2 press conference, in a nutshell". The Planetary Society weblog. Planetary Society. http://planetary.org/blog/article/00001470/. Consultado o 04-06-2008. 
  7. "Mars lander aims for touchdown in 'Green Valley'". New Scientist Space. http://space.newscientist.com/article/dn13661-mars-lander-aims-for-touchdown-in-green-valley.html. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Vastitas Borealis