Vasco da Ponte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torreón dos Andrade en Pontedeume, unha das liñaxes máis importantes da Galicia baixomedieval, dos que era vasalo Vasco da Ponte.

Vasco da Ponte, nado en 1470 e finado en 1535, foi un historiador e xenealoxista galego, autor da Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza, obra que constitúe unha das fontes historiográficas básicas para a historia medieval da Península Ibérica.

Biografía[editar | editar a fonte]

Son escasísimos os datos vitais que posuímos sobre o autor, mesmo a grafía correcta do seu nome é obxecto de controversia. A forma máis utilizada foi Vasco de Aponte, seguida por Vasco da Ponte e, nunha soa vez, aparece citado como Vascus Aegidius de Aponte polo erudito do século XVIII, Nicolás Antonio[1].

Suponse que o autor era natural e residente na Coruña, pois nela se documentan varias personalidades que levaban por esta época o apelido, incluíndo dous homónimos, pai e fillo, dos que o primeiro era, a comezos do século XVI, rexedor da cidade herculina. Sábese con seguranza que Vasco da Ponte estaba ao servizo de Fernando de Andrade, conde de Vilalba e de Andrade, da poderosa Casa de Andrade, xa que el mesmo o afirma: "don Fernando de Andrade, mi señor".[2]Os datos permiten estabelecer que debeu vivir entre 1470 e 1535, data que se deduce das escasas datacións que o autor inclúe no texto, das que se induce que arredor desa época estaba a redactar o libro[3]. Con todo algún autor o dá como natural da vila de Pontedeume, aínda que non é evidente, por máis que o mesmo nome o vencella á localidade[4] ou polo menos no que respeita ás orixes familiares.

A Relación[editar | editar a fonte]

Manuscritos e edicións[editar | editar a fonte]

A obra de Vasco da Ponte conservouse en diversos manuscritos, custodiados na actualidade en arquivos diferentes: Biblioteca de Ajuda de Lisboa, Biblioteca Nacional de Madrid, Fundación Barrié de la Maza, Arquivo Histórico Municipal da Coruña, Archivo Histórico Nacional en Simancas e Madrid, etc. A primeira edición moderna foi realizada por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia en 1872[5]. En 1986 fíxose unha edición crítica, que confrontaba as diversas variantes manuscritas e edicións impresas. En 2008 Clodio Rodríguez fixo unha nova edición en galego.


Idioma[editar | editar a fonte]

Da Ponte redactou a súa obra en castelán, ben que mesturado con numerosos galeguismos, que se poden cualificar de interferencias lingüísticas, porque non cabe dubidar de que a súa língua decote debeu ser o galego. Non existe, porén, ningunha proba documental de que houbese unha primitiva redacción en lingua galega, que fose logo trasladada ao castelán, como ás veces se sospeita[6].

Título[editar | editar a fonte]

Os títulos dos manuscritos son diferentes, sendo os máis utilizados Relación de las casas antiguas de Galicia e Recuento de las casas antiguas de Galicia, pero nas edicióna imprentadas domina abrumadoramente o primeiro. Porén nalgún caso utilizáronse outros, tal Linajes de Galicia, como no manuscrito custodiado na biblioteca da Real Academia de la Historia, en Madrid.

A obra[editar | editar a fonte]

A análise da Relación mostra que Vasco da Ponte tentou estabelecer unha historia xenealóxica das diversas casas nobiliarias de Galicia, porén é unha obra inacabada e na que se empresta unha maior atención a certas liñaxes, das que tal vez tiña noticias máis completas. Fáltanlle noticias de liñaxes das provincias de Lugo e Ourense. Como xa antes se dixo as datacións son moi escasas, o que dificulta, en ocasións, a comprensión correcta dos acontecementos.

Estruturou a súa obra por liñaxes, e para cada unha delas expón un esquema semellante, que atende á ascendencia e posesións da familia, fazañas dos seus membros máis notorios e valoración deles[7].

Metodoloxicamente, Vasco da Ponte utilizou case exclusivamente a fonte oral, e só en moi contadas ocasións, parece que sinala algún documento en apoio das súas afirmacións, mais sempre dun modo xenérico e carente de precisións maiores, fenómeno que, por outra banda, era corrente entre outros xenealoxistas e cronistas da época.

Aínda que o autor participa da mentalidade medieval no relato dos eventos históricos, que responderían a un designio divino, preludia o paso á mentalidade humanista que se está a difundir pola Europa da época, ao introducir o individuo, o ser humano, como dono dos seus actos e motor da historia que el constrúe[8].

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Edicións[editar | editar a fonte]

Só citaremos as máis importantes da "Relación". O lector interesado pode consultar a web da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela, BUSC, onde encontrará ficha doutras (aínda que cómpre advertir que non todas):

  • Vasco de Aponte, Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia. Ferrol, s.n., 1872, corresponde ao tomo VI da Historia de Galicia de Benito Vicetto, que leva por título "Apéndice General de la Historia de Galicia", e ocupa as páxs. 404-455. Esta obra foi reimpresa en 1979, e a partir dela efectuáronse outras edicións nos séculos XIX e XX, a pesar de que contiña erros.
  • Vasco de Aponte, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia. 1986. É unha edición crítica seguindo os parámetros científicos, con introdución, notas e variantes, a cargo de Díaz y Díaz, Manuel; García Oro, José; Vilariño Pintos, Daría; Pardo Gómez, Mª Virtudes; García Piñeiro, Araceli e Oro Trigo, Mª Pilar - ISBN 84-505-3389-9

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cfr. a Introdución á edición do Recuento, por Díaz y Días, García Oro, Vilariño Pintos, Pardo Gómez, García Piñeiro e Oro Trigo, Santiago de Compostela. 1986, páx. 51.
  2. cfr. Recuento, edic. 1986, páx. 170
  3. Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9
  4. Couceiro Freijomil, Historia de Puentedeume. 1981, p. 438; Armas Castro, José, s.v. Vasco da Ponte, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XXIX, páx.245
  5. Couceiro Freijomil, Historia de Pontedeume. 1981, páx. 438
  6. Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9: "A lingoaxe é unha mistura de galego e castelán, que fai sospeitar nun intento pouco felís de versión á derradeira distas fals. O libro estaba destinado ás familias fidalgas da época, e por entón inda a fidalguía galega falaba acotío a língoa nativa. Hai, por outra parte, erros tan evidentes de tradución ao castelán no estado actual do texto, que por forza hemos pensar na orixinalidade galega do Nobiliario de Vasco de Aponte"
  7. Cfr. Introdución a "Recuento", edic. 1986, páxs. 58-60
  8. Cfr., Alfonso Mato Domínguez, s.v. Historiografía, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XVII, páx. 133; José Armas Castro, s.v., Vasco da Ponte, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XXIX, páx. 246