Valentina Vezzali

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Valentina Vezzali 01.jpg

Maria Valentina Vezzali, coñecida simplemente como Valentina Vezzali , nada en Jesi o 14 de febreiro de 1974[1], é unha tiradora de esgrima e política italiana, gañadora de nove medallas olímpicas. Xunto co alemán Ralf Schumann, o eslovaco Michal Martikán e a xaponesa Ryoko Tani, un dos únicos catro atletas na historia dos Xogos Olímpicos de verán en gañar cinco medallas no mesmo evento individual.[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Valentina Vezzali principiou a praticar a esgrima en 1980 no Club Scherma Jesi, aos quince anos tivo os seus primeiros éxitos no Campionato Mundial xuvenil. Na categoría "menores de 20" levou unha medalla de bronce (1990), unha de prata (1992) e dúas de ouro (1993 e 1994) nos mundiais, e dúas de ouro (1992 e 1993) nos europeos; conquistanto tamén tres veces a copa do Mundo (de 1992 ao 1994).

Os éxitos na categoría de menos de vinte anos fixeron que entrase no equipo nacional senior, aínda que finalmente non foi convocada para os Xogos Olímpicos de 1992 de Barcelona, debutando nuns xogos olímpicos en 1996 en Atlanta, onde logrou a medalla de prata na proba individual de florete, perdendo a final contra a romanesa Laura Badea. Non obstante por equipos logrou o ouro tras vencer Italia a Romanía. Ao ano seguinte obtivo o ouro individual na XIX Universiada en Sicilia. Desde o ano 1999 pertence ao equipo Fiamme Oro dependente da Polizia di Stato.

Na seguinte edición das Olimpiadas, os Xogos Olímpicos de 2000 en Sidney, Valentina Vezzali chegou de novo á final de florete, desta volta venceu á alemá Rita König, gañando tamén o ouropor equipos na compaña de Giovanna Trillini e Diana Bianchedi, despois de vencer na final a Polonia.

Nos Xogos Olímpicos de 2004 de Atenas o florete feminino por equipos queda fóra do programa olímpico en favor do sabre individual, polo que Vezzali concentrou todos os seus esforzos no florete individual, e volveu repetir a vitoria olímpica de catro anos antes, vencendo na final á compatriota Giovanna Trillini.

No Campionato do Mundo de Esgrima de 2005 celebrado en Leipzig, conquistou o seu cuarto ouro en florete individual, só catro meses despois de nacer o seu primeiro fillo. O ano seguinte no Campionato do Mundo de Turín, perdeu na final contra a tamén italiana Margherita Granbassi, contentándose coa medalla de prata, así como por equipos, ao perder Italia na final con Rusia. No ano 2006 publicou a súa autobiografía A viso scoperto escrita con Caterina Luchetti.

A revancha chegou en San Petersburgo 2007, onde derrotou por 15-6 a Giovanna Trillini en semifinais e venceu na final contra Granbassi por 11-8, conquistando o seu 5° ouro mundial individual, un logro que a igualaba co fioretista soviético Aleksander Romankov e o sabrista ruso Stanislav Pozdnjakov.

Vezzali recibida polo presidente italiano Napolitano

Nos Xogos Olímpicos de 2008 logrou o ouro batendo por 6-5 na final de florete individual á surcoreana Nam Hyun-Hee, superando a Giovanna Trillini na clasificación dos atletas italinos con máis medallas de ouro nunhas olimpiadas. Converteuse tamén na única atleta en ter tres medallas de ouros consecutivas na mesma disciplina. No florete por equipos logrou o bronce con Granbassi, Trillini e Salvatori.

No ano 2009 participou na quinta edición do reality show da Rai Uno Ballando con le stelle. No Campionato do Mundo de Esgrima de 2009 fallou en chegar á semifinal batida pola compatriota Elisa Di Francisca, mais logrou a vitoria na competición por equipos, o 17 de outubro de 2009 conquistou o seu 11º título superando a Romankov que con 10 títulos detentaba a primacía mundial en florete, a vitoria chegou co equipo formado tamén por Elisa Di Francisca, Margherita Granbassi e Arianna Errigo, batendo por 45-33 a Rusia. En xullo de 2010 gañou o título individual europeo e por equipos acompañada por Elisa Di Francisca, Arianna Errigo e Ilaria Salvatori, conquistando tamén a Copa do mundo 2010. Nos mundiais de París de 2010 perdeu na semifinal individual contra Arianna Errigo pero con Italia logrou o ouro derrotando na final a Polonia por 45-37. Nos mundiais de Catania 2011 conquistou o seu 6º título mundial batendo na final por 14-7 a Elisa Di Francisca, mentres na proba por equipos conquistaba a prata perdendo a final con Rusia por 45-44.

Vezzali coa camisola do Gruppo Sportivo Fiamme Oro nunha foto de 2004

Nos Xogos Olímpicos de 2012 de Londres foi a portabandeira da delegación italiana, logrou o bronce tras vencer á surcoreana Nam Hyun-Hee no tempo extra cunha remontada lexendaria, cando ía perdendo por 8-12 a 13 segundos para o remate, pero logrou impoñerse por 13 a 12. Por equipos conquistou o ouro tras vencer Italia a Rusia por 45-31. Nese ano publicou o libro Io, Valentina Vezzali.

Ademais das medallas olímpicas, Valentina Vezzali conseguiu éxitos noutras importantes manifefstacións da esgrima, no Campionato do Mundo logrou un total de 13 medallas de ouro (6 individuais e 7 por equipos), 5 de prata e 3 de bronce, mentres que nos Europeos logrou 11 ouros (5 individuais e 6 por equipos), 4 pratas e 2 bronces. Adxudicouse a Copa do Mundo 11 veces, entre 1996 e 2004 perdeu o trofeo só en 1998 vencendo en total 67 competicións, marca absoluta para a esgrima e tamén para un atleta italiano de calquera deporte. Conta tamén con 2 ouros nos Xogos do Mediterráneo (2001, 2009) 4 ouros na Universiada (1995, 1997, 1999 e, 2001) e 27 títulos italianos (15 individuais e 12 por equipos). Foi a número un do ranking mundial ininterrumpidamente entre 1996 ata a súa pausa por maternidade despois de Atenas 2004. Entre 1999 e 2001 venceu en todas as grandes manifestacións, e de 1999 a 2000 gañou 56 asaltos consecutivos.

No ano 2013 foi candidata ás eleccións lexislativas pola lista Elección Cívica de Mario Monti[3], resultando elixida na Cámara dos Deputados o 25 de febreiro como cabeza de lista do seu partido na Marche.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Da súa ficha na web da Cámara dos Deputados. Consultado o 26 marzo de 2013.
  2. (en italiano) "Olimpiadi Londra 2012: record degli atleti nella storia dei giochi". ecodellosport.it. http://www.ecodellosport.it/articolo/olimpiadi-londra-2012-record-degli-atleti-nella-storia-dei-giochi/159847/. Consultado o 4 de agosto de 2012.
  3. Vezzali candidata Lista Monti

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]