Víbora de Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Víbora de Seoane
Vipera seoanei
Vipera seoanei 05.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Sauropsida
Subclase: Diapsida
Superorde: Lepidosauria
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Infraorde: Alethinophidia
Familia: Viperidae
Subfamilia: Viperinae
Xénero: Vipera
Especie: V. seoanei
Nome binomial
Vipera seoanei
Lataste, 1879 [1]
Mapa de distribución da víbora de Seoane.

Mapa de distribución da víbora de Seoane.
Sinonimia
Referencia:[2]
  • Vipera seoanei Venchi & Sindaco, 2006

A víbora de Seoane, Vipera seoanei, é unha especie de réptil da orde dos escuamados e familia dos vipéridos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Habita unicamente no norte de España, en Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco e norte de Navarra, no extremo norte de Portugal, na serra do Gerês, nos concellos de Castro Laboreiro, Arcos de Valdevez (freguesía do Soajo) e Tourém, e nunha pequena parte do suroeste de Francia, na metade occidental do depertamento dos Pireneos Atlánticos.

En Galicia abunda en todo o país, excepto nos vales máis secos da provincia de Ourense, desde o nivel do mar até as altas montañas.[3] No Courel acada os 1 300 m de altirtude.[4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1879 polo zoólogo francés Fernand Lataste, inicialmente como unha subespecie de Vipera berus (a víbora común europea), Vipera berus seoanei, en:

Lataste, F. (1879): "Diagnose d’une vipère nouvelle d’Espagne". Bulletin de la Société zoologique de France, Angers, 4: 132.[5]

Posteriormente debido ás súas diferenzas con Vipera berus foi recoñecida como especie independente.

Lataste dedicou a subespewcie (despois especie) ao seu colega e amigo o naturalista galego Víctor López Seoane.[6]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Actualmente recoñécense dúas subespecies:[1]

  • Especie Vipera seoanei, Lataste, 1879
    • Subespecie Vipera seoanei cantabrica, Braña & Bas, 1983, que se encotra só nas montañas costeiras de Cantabria,[7]
    • Subespecie Vipera seoanei seoanei, Lataste, 1879, presente no resto da área de distribución.

Descrición[editar | editar a fonte]

Vipera seoanei.
Vipera seoanei. Espécime dos Pireneos.

É unha víbora de tamaño mediano, en comparación con outras especies europeas do xénero Vipera. O seu corpo é groso, coa cabeza pequena, de forma triangular ou romboédrica, co fociño plano ou lixeitamente prominente cara a arriba, e cola curta. Pode chegar a medir de 70 a 75 cm de lonxitude total, pero usualmente varía entre os 45 e os 58 cm. En Galicia xeralmente non sobrepasa os 50 cm, aínda que excepcionalmente pode chegar aos 60; Galán e Fernández indican que o maior exemplar medido por eles foi un macho que rondaba os 59 cm, encontrado en Vilaboa - Culleredo.[3]

A coloración do dorso é ocre ou beixe con deseños marróns en ambos os sexos, a da rexión ventral adoita ser gris escura ou negra, con manchas brancas, e a punta da cola amarela ou alaranxada, non sendo raros os individuos melánicos.[8]. Porén, é unha especie moi polimórfica, cunha variación individual e xeográfica notábel.

As marcas vertebrais e laterais son moi variábeis, con catro patróns distintos:[9]

  • Clásico: é o máis característico (e o máis freecuente nos espécimes que viven en Galicia [3]) A coloración de fondo dorsal e lateral é beixe ou gris clara. No dorso hai unha banda lonxitudinal máis escura con marcas negras alternas ou opostas que poden formar unha banda en zigzag ben desenvolvida.
  • Bilineata: a banda lonxitudinal está separada en dúas bandas lonxitudinais dorsolaterais sobre un fondo xeralmente negro e uniforme.
  • Cantábrica: existe unha redución ou ausencia total da banda lonxitudinal. O zigzag dorsal á máis estreito e puede ser interrompido formando bandas negras transversais sobre fondo gris.
  • Uniforme: está caracterizado por unha coloración de fondo gris escura, homoxénea, sen marcas escuras na cara dorsal.

Os individuos melánicos son máis frecuentes en zonas de montaña. O lado ventral é menos variábel, sendo de cor gris escura ou negro con pequenas manchas brancas nos bordos laterais e posteriores das escamas ventrais.

Variación xeográfica[editar | editar a fonte]

Vipera seoanei seoanei[editar | editar a fonte]

A subespecie nominal caracterízase por ter un número reducido de escamas ventrais (137). É moi polimórfica, con importantes variacións no patrón de coloración (inclúe os patróns Clásico, Uniforme, Bilineata e melánico), no nivel de fragmentación das escamas cefálicas e na toxicidade do veleno. Nas poboacións do País Vasco, Cantabria e zonas costeiras e centrais de Asturias, as escamas cefálicas están pouco fragmentadas, os individuos teñen frecuentemente o patrón Clásico e o veleno menos tóxico. Nas poboacións de Galicia as escamas están máis fragmentadas e o patrón Clásico é algo menos frecuente. Nos Picos de Europa existe unha elevada proporción de individuos cos patróns de coloración Bilineata e Uniforme e a toxicidade do veleno é menor que o da outra subespecie.

Vipera seoanei cantabrica[editar | editar a fonte]

Esta subespecie presenta un número elevado de escamas ventrais (141-143), e as cefálicas están moi fragmentadas, co patrón de coloración Cantábrico e cun veleno de niveis elevados de toxicidade. Localízase no norte da provincia de León, no sudoeste dos Picos de Europa e nas montañas da Galicia oriental e do sudoeste de Asturias.

A cor de fondo é gris ou parda agrisada, máis clara nos individuos da zona de transición coa meseta leonesa. Nas zonas de altitude elevada hai unha forte proporción de espécimes melánicos, ás veces superior ao 30 %. Estas características fana moi parecida á víbora común europea (Vipera berus) polo que durante moito tgempo, e ata datas recientes (1983), pensouse que estas poboacións pertencían á especie común europea.ref name=G/>

Estudos recentes afirman que o veleno de V. seoanei cantabrica é tres veces máis tóxico que o das poboacións setentrionais e orientais da forma nominal. Porén, nas poboacións ocidentais de V. seoanei seoanei, a toxicidade tamén resulta moi elevada, e un exemplar recollido en Santiago tila un veleno tan tóxico como o o das poboacións típicas de V. seoanei cantabrica.[10]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

O hábitat característico de V. seoanei é homoxéneo en toda a sua área de distribución, ocupando bosques abertos e húmidos de Quercus robur e Quercus pyrenaica, zonas de encontro entre bosques e pradoss e zonas con abundante vexetación basal que permitan a actividadd de termoregulación.

Na nosa comunidade frecuenta todo tipo de hábitats, desde prados húmidos até dunas costeiras, pasando por eiras, lindeiros de fragas, piñeirais, toxeiras (Ulex) e queirugais (Erica), silveiras (Rubus), brañas, etc. Parece ser máis frecuente en zonas de humidade elevada, e incluso pode acharse dentro da auga; porén tamén pode vivir en zonas máis secas, como ladeiras rochosas ou areais.[3]

O seu medio preferido son os cómaros con pedras e vexetación, situados en áreas onde se mesturan os prados con zonas de mato, silveiras e eiras, e quizais sexa o ofidio galego que aparece con máis frecuencia en zonas de mato mesto, pois algúns exemplares encontráronse en pequenois claros dentrlo de grandes extensións de uces (Erica australis) ou toxos (Ulex europaeus).[3]

Actividade[editar | editar a fonte]

É preferentemente diúrna, aínda que no verán permanece inactiva nas horas cenais do día.[3] Adoita hibernar entre outubro ou novembro até finais de febreiro ou principios de marzo, en grupos de até 15 individuos.[8]. A miúdo poden verse concentracións e víboras nun mesmo lugar á saida do refuxio invernal, nos çúltimos días do inverno; esta é a explicación dos famosos "niños de víboras".[3]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Vivípara, de ciclo reprodutivo das femias que pode ser bienal [11] ou anual,[12] a época de celo comeza a finais de marzo ou principios de abril , e os apereamentos sucédense até maio, volvéndose a observar unha certa actividade sexual nos machos nos meses de setembro e outubro. Durante o celo prodúcense combates rituais entre os machos, de carácter absolutamente incruento. A xestación dura de 85 na 121 dúas, segundo a temperatura. Os partos teñen lugar entre mediados de agosto e o mes de outubro, parindo as femias entre 3 e 10 crías (normalmente 5 pou 6). Ao naceren as crías, que son idénticas aos adultos, miden entre 150 e 180 mm de lonxitude e teñen un peso de entre 4 e 6 g.[3] [8] Aos dous anos de vida miden ao redor de 30 cm, e o crecemento continúa até os 5 anos, facéndose inapreciábel a partir desa idade.[3]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Comen fundamentalmente micromamíferos (roedores) e, en menor proporción, anfibios, outros réptiles (lagartos) e, ocasinalmente, aves. Os individuos xuvenís cazan predominantemente anfibios e réptiles e, entre os mamíferos, sobre todo musarañas.[8] Na comarca da Coruña os micromamíferos constitúen o 83 % da dieta, os lagartos o 7 $% e os anfibios o 10 %.[3]

Depredadores[editar | editar a fonte]

A víbora de Seoane é depredada por aves rapaces como a aguia cobreira, (Circaetus gallicus) e o miñato común, (Buteo buteo) e por mamíferos como o raposo, (Vulpes vulpes), a londra, (Lutra lutra), o gato montés (Felis silvestris) a xeneta, (Genetta genetta) e o ourizo cacho (Erinaceus europaeus). Os xuvenís tamén poden ser atacados por outras cobras, como as Coronella.

Ameazas, accións de protección e estado da poboación[editar | editar a fonte]

Ameazas[editar | editar a fonte]

O principal factor que ameaza á especie, en España, á a destrución dos seus hábitats debido á intensificación de la agricultura, coa destrución das marxes dos bosques e muros de pedra, a eliminación de sebes vivas en pasteiros e a plantación extensiva de Pinus e Eucalyptus e, sobre todo en Galicia, os incendios forestais. A persecución directa e os atropelos nas estradas son factores de ameaza adicionais para esta especie. En Francia as poboacións están illadas e algunhas ameazadas pola urbanización do seu hábitat. En Portugal as poboacións están illadas, e a zona de ocupación e calidade dos hábitats están en continuo declive.

Accións de protección[editar | editar a fonte]

A especie aparece na lista do Anexo III da Convención relativa á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa de 1979, coñecida entre os conservacionistas como Convención de Berna.

Ademais, encóntrase en diveros espazos protexidos (como, por exemplo, o Parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e o colindante Parque Nacional de Peneda-Gerês, en Portugal).

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

En 2009, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualificou o estado de conservación da especie como "LC" (pouco preocupante).[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Vipera seoanei Lataste, 1879 no SIIT.
  2. Vipera seoanei en Catalogue of Life.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 3,9 Galán e Fernández (1993), pp. 462-467.
  4. Bas, S. (1982): "La comunidad herpetológica de Caurel: biogeografía y ecología", Amphibia-Reptilia, 1 (3): 1-26.
  5. Ver texto completo.
  6. Víctor López Seoane no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. (en castelán)
  7. Braña, F. & Bas, S. (1983): "Vipera seoanei cantabrica ssp. nov." Munibe (Ciencias Naturales), 35 (1-2): 87-88. Ver texto completo en PDF.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Asensi, M (2006). pp. 142-143).
  9. Bea, A., Bas, S., Braña, F. & Saint-Girons, H. (1984): "Morphologie comparée et repartitition de Vipera seoanei (Lataste, 1879), en Espagne". Amphibia-Reptilia, 5: 395-410.
  10. Detrait, J.; Bea, A.; Saint Girons, H. & Choumet, V. (1990): !Les variatons xeographiques du venin de Vipera seoanei Lataste, 1879, Bull. Soc. Herp. Fr., 115 (3): 277-285).
  11. Sainti Girons, H. & Duguy, R. (1976): "Écologie et position systématique de Vipera seoanei Lataste, 1879", 22Bull. Soc. Zool. France, 101 (2): 325-339.
  12. Braña, F.; Bea, A. & Saint Girons, H. (1988): "Composición de la dieta y ciclos de alimentación en Vipoera seoanei Lataste, 1879. Variacinoes en relación con la edad y el ciclo reproductor". Munibe (Ciencias Naturales), 40: 19-27.
  13. Juan M. Pleguezuelos, Paulo Sá-Sousa, Valentin Pérez-Mellado, Rafael Marquez, Marc Cheylan, Philippe Geniez, Iñigo Martínez-Solano (2009): Vipera seoanei na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Víbora de Seoane
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Víbora de Seoane

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Asensi Cabirta, Moisés (2006): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96526-29-1.
  • Galán Regalado, Pedro e Fernández Arias, Gustavo (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]