Utopia Planitia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Utopia Planitia
Xeo sobre a superficie de Utopia Planitia (NASA/JPL)
Ó nordés de Isidis Planitia, e ó noroeste de Aetheria.
Tipo de accidente xeolóxico de albedo
Rexión de Marte
Diámetro 3300 km,[1]
Coordenadas 49,67° N 110° E [2]
Procedencia do nome procedente do grego, para estado ideal.[2]

Utopia Planitia é a planicie a baixa altitude (cunca) máis grande de Marte xurdida a través dun impacto e estimase que ten un diámetro duns 3300 km,[1][3] e foi a rexión onde o Viking 2 tocou terra e comezou a súa exploración o 3 de setembro de 1976. Está situada nas antípodas de Argyre Planitia, e centrada nas coordenadas 49,67° N 110° E [2]. Está dentro do cuadrángulo de Casius e o cuadrángulo de Cebrenia de Marte.

Formación e características[editar | editar a fonte]

Vista parcial de Utopia Plania, pódese ver parte do cráter que orixinou a planicie co seu bordo e co material expulsado tralo impacto practicamente intactos.

Pénsase que a formación desta planicie foi debida a un grande impacto e que tanto os materiais expulsados coma os posibles fenómenos volcánicos posteriores debidos ó impacto, achegaron materiais fundidos que reencherían e aplanarían o que hoxe en día son os terreos de Utopia. Coma non se aprecia fenómenos fortes de erosión ou depósitos de materiais na área que ocupan os materiais expulsados polo impacto da explosión, pénsase que este accidente xeolóxico é relativamente recente.

Ó redor do cráter e máis aló das áreas que ocupan os grandes depósitos do material expulsado tralo impacto, existe uns patróns de formas poligonais sobre as capas máis superficiais do terreo. Este tipo de patróns poligonais son moi comúns na planicies do hemisferio norte de Marte, e están principalmente situados nas planicies de Acidalia Planitia, Elysium Planitia, e Utopia Planitia. Estes patróns son moi semellantes os que aparecen en áreas con permafrost do Ártico e pensase que poderían ser grabbens, aínda que os científicos seguen a debater sobre a súa orixe. As dúas teorías con máis peso son a formación polo arrefriamento e contracción do material volcánico que formou a planicie, ou que estes patróns se producisen ó compactarse os sedimentos superficiais, dun xeito semellante a cando seca a lama dunha poza, sendo que a unha escala moitisimo máis grande.[4]

O terreo máis superficial de moitas áreas de Utopia é moi rilleiro, con moitas rochas que semellan estar colgadas, coma se o vento socavase o terreo na base das rochas.[5][6] A parte máis superficial destes terreos está formada por materiais con solucións de minerais que subiron a través dos materiais que forman o terreo e que se evaporan ó chegar á superficie.[7]

É unha zona rica en xeo, sobre e baixo a superficie.[3]

Nalgún lugares detectouse o que se coñece como 'terreo cerebral' ('brain terrain'), pola similitude de aparencia co tecido superficial no cerebro humano.[3]

Neve en Utopia Planitia?[editar | editar a fonte]

En varias imaxes tomadas pola sonda Viking 2 pódese apreciar depósitos de xeo e que parte destes depósitos minguan baixo a luz solar. Aparentemente, estes depósitos fórmanse durante a noite marciana, e desaparecen parcialmente durante o día. A composición do xeo podería ser dióxido de carbono, auga ou unha combinación de ambos (clatrato de CO2). As medidas dos instrumentos meteorolóxicos da Viking indicaban unhas temperaturas mínimas pola noite de 160 Kelvin (-171º Fahrenheit) e unhas presións atmosféricas do redor dos 8,835 milibares. Esta combinación de presión e temperatura non cadra coa formación de xeo baseado no dióxido de carbono, pero é posible que os mecanismos e condicións a rentes do chan permitan a aparición de xeo de dióxido de carbono. Os instrumentos de detección térmica e de vapor de auga da Viking indicarían que as temperaturas serían un pouco máis baixas que as detectadas ó redor da sonda, suxerindo que é máis probable que este xeo sexa de CO2 no canto de que sexa de H20. Unha posibilidade remota, aínda que factible, é que estes depósitos sexan po extremadamente brillante, aínda que as imaxes en cor desmontarían esta hipótese. O mecanismo polo cal se deposita este xeo é descoñecido. As posibilidades inclúen a formación directa sobre a superficie, precipitacións en forma de neve, ou material arrastrado dende rexións máis frías.[8] A súa orixe inicial estaría nunha época, hai millóns de anos, co eixe de rotación marciano inclinado de xeito diferente.[3]

Referencias na cultura popular[editar | editar a fonte]

Na serie de ciencia ficción Star Trek, Utopia Planitia – que está tanto na superficie coma nunha órbita síncrona sobre a base en terra – é o lugar máis importante de construción e reparación da frota estelar da Federación.[9] Os USS Enterprise-D, USS Defiant, e USS Voyager foron construídos nesa base.[9]

A canción dos Flaming Lips "Approaching Pavonis Mons by Balloon (Utopia Planitia)" foi lanzada no ano 2002 dentro do albume Yoshimi Battles the Pink Robots.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 McGill, G. E. (1989), Buried Topography of Utopia, Mars: Persistence of a Giant Impact Depression, J. Geophys. Res., 94(B3), 2753–2759.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Planetary Names: Albedo Feature: Utopia on Mars" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14-12-2012. Consultado o 03-03-2012. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Martian brain freeze". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-03-30. 
  4. "PIA03796: Utopia Planitia". Consultado o 03-03-2012. 
  5. Mutch, T. et al. 1976. The Surface of Mars: The View from the Viking 2 Lander. Science: 194. 1277–1283.
  6. Hartmann, W. 2003. A Traveler's Guide to Mars. Workman Publishing. NY NY.
  7. Arvidson, R. A. Binder, and K. Jones. 1976. The Surface of Mars. Scientific American: 238. 76–89.
  8. "PIA00530: Frost on Utopia Planitia". Consultado o 03-03-2012. 
  9. 9,0 9,1 Michael Okuda; Denise Okuda e Debbie Mirek (1999). Pocket Books, ed. The Star Trek Encyclopedia. ISBN 0-671-53609-5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]