Ursula K. Le Guin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ursula K. Le Guin
UrsulaLeGuin.01.jpg
Data de nacemento 21 de outubro de 1929.
Lugar de nacemento California, Estados Unidos
Ocupación Novelista
Debut
Influencias J.R.R. Tolkien

Ursula Kroeber Le Guin, nada en Berkeley, California, o 21 de outubro de 1929, é unha escritora estadounidense de ciencia ficción e fantasía.

Escribiu poesía, libros infantís e ensaios, e incluso traduciu obras doutros autores dende o chinés e o español. Asía a todo, debe a súa fama ó numeroso caudal de libros e contos de ciencia ficción e fantasía publicados ó longo da súa dilatada carreira con varios premios Hugo e Nébula. É a única muller que ata a data foi galardoada co título de Gran Mestra pola Asociación de escritores de ciencia ficción e fantasía de Estados Unidos (SFWA). Considérase unha feminista anarquista e taoísta.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Berkeley, California o 21 de outubro de 1929. O seu pai era o eminente antropólogo Alfred L. Kroeber e a súa nai, Theodora, escritora de literatura infantil. Dende pequena educouse nunha atmosfera de interese académico polos mitos e lendas de tódolos pobos da terra. O seu interese pola literatura é temperán: xa á idade de 11 anos envíou o seu primeiro relato á reputada revista Astounding Science Fiction e, aínda que foi rexeitado, iso non lle fixo desistir.

Foi á Escola Radcliffe da Universidade Harvard, onde se graduou en 1951, e logo pasou un ano na Universidade de Columbia onde fixo o seu posgrao en linguas romances. A súa tese de mestría relacionaba diversos aspectos da literatura romance da Idade Media e o Renacemento. Tras finalizar o seu curso de posgrao, obtivo unha bolsa Fulbright para estudar en Francia, onde coñeceu ó que se convertería no seu marido, Charles Le Guin. Casáronse en 1953.

Á súa volta a EE.UU. ensinou francés en varias universidades antes de se dedicar por completo á literatura. Publicou seis libros de poesía, vinte novelas e máis de un centenar de historias, catro coleccións de ensaios, once libros para nenos e algunhas traducións (entre as que destaca o "Tao Te Ching" de Lao Tse e unha selección de poemas de Gabriela Mistral). Dende 1958 vive en Portland, Oregón, onde deu a luz ós seus tres fillos. Hoxe día está considerada como un dos mellores autores vivos do xénero; no ano 2003 foi galardoada como "Gran Mestra" da SFWA (a primeira muller en obter esta distinción).

Primeiras publicacións[editar | editar a fonte]

As súas primeiras creacións literarias non foron no terreo da fantasía, pero non obtivo moito interese por parte das editoriais. Entón volveu ó campo da fantasía en busca dun estilo e formas que lle permitisen profundar nos temas que lle interesaban sen perder a capacidade de publicar aquilo que escribía.

A súa primeira publicación dun conto de fantasía foi na revista Amazing en 1962, pero o seu debut como novelista non chegaría ata catro anos máis tarde, coa novela "O mundo de Rocannon" (1966). A historia de Rocannon conta a viaxe dun científico a un mundo poboado por tres especies intelixentes diferentes nun ambiente máis propio da fantasía que da ciencia ficción. En realidade, esta historia enmarcábase xa nas bases do que sería o seu propio universo de creación: o universo Hainish, no que conviven diferentes razas humanoides descendentes dunha única civilización ancestral proveniente do planeta Hain e cuxa diversidade psicolóxica e sociolóxica permiten explorar unha gran diversidade de facetas e valores da nosa propia cultura.

Sériea, que nos traslada a 2500 anos no futuro, continuou durante o final dos anos 60 con outras novelas como "Planeta de exilio" en 1966, "A cidade das ilusións" un ano despois, e unha das súas obras mestras, "A man esquerda da escuridade" en 1969, novela premiada tanto cun Hugo como cun Nébula e que a catapultou á fama.

Terramar[editar | editar a fonte]

Aínda que Ursula K. Le Guin é unha reputadísima escritora de ciencia ficción, tamén cultivou con moito éxito o xénero fantástico e posiblemente a serie de fantasía lle outorgue tanta fama como as súas obras de ciencia ficción.

Sériea de Terramar, na que se narra a historia dun xove aprendiz de mago que ten que loitar contra o seu propios medos e fantasmas, foi iniciada coa novela de 1968, "Un mago de Terramar", e posteriormente continuada en 1971 con "As tumbas de Atuan" e "A costa máis afastada". E moitos foron os que coñeceron a esta escritora grazas a estes tres títulos.

Vinte anos despois, Le Guin volvería a retomar os personaxes e escenarios oceánicos, con "Tehanu" (1990) e "No outro vento" (2001), aínda que entre tanto seguiu escribindo algúns contos dentro deste mundo que se poden atopar en escolmas como "As doce moradas do vento" ou o máis moderno "Contos de Terramar".

As historias de Terramar foron moi ben acollidas polo público, a pesar de que os premios foron escasos. Mais é certo que "Tehanu" lle supuxo un Nébula (o primeiro na historia dos galardóns outorgado a unha novela de fantasía non científica e o terceiro en toda a súa carreira, unha marca non igualada por ningún outro autor dende que se instaurou este galardón en 1965).

Outras novelas e contos[editar | editar a fonte]

Tras rematar a, daquela, triloxía de Terramar, Le Guin regresou ós mundos Hainish; e fíxoo para volver a gañar de novo tanto o Hugo como o Nébula grazas a "O nome do mundo é Bosque" (1972), premio Hugo do ano 1973, e a que é considerada a súa outra obra mestra "Os desposuídos: unha utopía ambigua" (1974), obra coa que en 1975 volveu a ser considerada tanto pola Sociedade mundial de ciencia ficción como pola SFWA como a mellor escritora de ciencia ficción do ano. Ese mesmo ano, apareceu unha recompilación de contos: "As doce moradas do vento", no que se recollen algunhas historias difíciles de atopar, a pesar de ser algunha, como é o caso de "O día anterior á revolución" galardoada con varios premios (Nébula, Locus e Jupiter, no caso antes mencionado).

Le Guin tamén publicaba constantemente nas revistas de ciencia ficción da época. Daqueles contos saíron recompilacións como "A rosa dos ventos" (1982), "Un pescador do mar interior" (1994) e "Catro camiños cara o perdón" (1995). Máis recentemente regresou a este que asemella o seu universo favorito cunha nova recompilación de contos titulada "O aniversario do mundo e outros relatos" (2002).

Naqueles anos tamén escribiu outras novelas de ciencia ficción que non ocorren no universo hainish. Tal é o caso de "A roda celeste" (1971), "O ollo da Garza" (1983) e "O eterno regreso a casa" (1985).

Antropoloxía ficción[editar | editar a fonte]

Gran parte da obra de ciencia ficción de Le Guin distínguese polo seu interese nas "ciencias sociais", entre elas a socioloxía e a antropoloxía. As súas obras adoitan explorar aspectos inusuais das culturas alieníxenas que presentan mensaxes e reflexións sobre a nosa propia cultura. É neste sentido que algúns cualifican a súa obra de ciencia ficción como ciencia ficción branda fronte ás correntes moito máis materialistas e fisicistas que se adoitan cualificar como ciencia ficción dura.

Un exemplo desta reflexión é a exploración que se fai en "A man esquerda da escuridade" da nosa identidade sexual e os nosos tabús, mediante a presentación da raza nativa de Gueden, unha raza alieníxena que alterna a súa sexualidade de forma periódica no que asemellaría a un estado de celo (kemmer) e a súa reacción ante a existencia de persoas unisexuadas como o protagonista da historia.

A capacidade de Le Guin para crear mundos cribles poboados por personaxes fondamente humanos (con independencia de que poidan ser cualificados tecnicamente como tales) é ben coñecida.

A súa serie de fantasía emprazada no imaxinario mundo de Terramar tamén ten unha lectura social, moito máis próxima ás reflexións sobre a nosa humanidade que as doutros autores moi reputados como J.R.R. Tolkien.

Por outra parte, moitos expertos adoitan incluír na súa lista de calidades e intereses temas como o taoísmo, o anarquismo, o feminismo, a psicoloxía e a socioloxía. Todas estas cuestións tratounas cun estilo único.

Contos non fantásticos[editar | editar a fonte]

Co tempo, algunhas das historias non relacionadas coa fantasía (aínda que situadas en países ficticios ou imaxinarios) tamén tomaron a forma de antoloxías e apareceron en publicacións como os "Países imaxinarios (Orsinian Tales)", "Malafrena" e "As chaves do aire".

Literatura infantil e xuvenil[editar | editar a fonte]

Aínda que é moi discutible o tópico que existe sobre a idoneidade da ciencia ficción para o público adulto, as historias de ciencia ficción e de fantasía de Le Guin teñen, se cabe, moito menos de literatura xuvenil que o común da ciencia ficción. A literatura de ciencia ficción posiblemente nunca foi tan adulta e dirixida tanto ós adultos como no caso das súas obras mestras: "A man esquerda da escuridade" e "Os desposuídos". Así e todo, como se comentaba antes, Ursula K. Le Guin si que escribiu libros infantís. Porén, estes non foron traducidos ó castelán, a excepción de O Viaxe de Salomón. Unha lista dos seus libros para nenos incluiría títulos como: The Catwings Collection (que inclúe Catwings, Catwings Return, Wonderful Alexander and the Catwings e Jane on her Own ), ademais de títulos como Fish Soup, A Ride on the Rede Mare's Back, A Visit from Ir. Katz e Tom Mouse.

Por outro lado, e destinado a un público máis ben adolescente ou de "mozos adultos" tal e como o define a propia autora, achamos títulos exquisitos como Very Far Away from Anywhere Else.

Publicacións máis recentes[editar | editar a fonte]

Recentemente foi traducida a súa penúltima contribución á literatura fantástica e de ciencia ficción: unha colección de contos publicada no ano 2003 titulada "Planos Paralelos". Así a todo, aínda está por traducir unha obra de fantasía publicada no ano 2004 titulada Gifts, galardoada co premio premio PEN Center USA.

Ursula K. Le Guin é unha autora moi prolífica e moitas das súas obras non están reflectidas neste artigo. Moitas publicáronse en revistas literarias de ciencia ficción. Aquelas que non foron recollidas en escolmas, están fóra desta análise.