Urbano III, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XII
Antipapas

Urbano III, nado como Uberto Crivelli en Cuggiono cara a 1120 e finado en Ferrara o 20 de outubro de 1187, foi o Papa número 172 da Igrexa católica entre 1185 e 1187.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi nomeado cardeal en 1182 e arcebispo de Milán en 1185. O 25 de novembro dese mesmo ano faleceu o pontífice Lucio III, e ese mesmo día foi elixido papa, sendo consagrado o 1 de decembro.

O seu pontificado, de apenas dous anos, estivo centrado no enfrontamento co emperador Federico I motivado pola intención deste de recuperar a súa influencia en Italia perdida en 1176 trala derrota sufrida polo emperador xermano na batalla de Legnano.

Urbano III.

Federico I fixou o seu obxectivo no control do reino normando de Sicilia, servíndose da voda acontecida o 4 de xaneiro de 1186 entre seu fillo Henrique con Constanza, herdeira da coroa siciliana ao non ter descendencia seu sobriño e rei Guillerme II de Sicilia. Con este matrimonio o papado perdeu o apoio que como estado vasalo da Santa Sede recibía do Reino de Sicilia, ademais de verse ameazado tamén desde o sur polo imperio xermánico.

Urbano III rompeu as relacións con Federico I e negouse ao desexo deste de ver coroado, antes de morrer, a seu fillo Henrique coma emperador. A cerimonia, non obstante, levouse a cabo ao substituír o emperador como oficiante da mesma ao Papa polo patriarca de Aquilea.

Ante esta ofensa, o Papa excomungou ao patriarca e aos bispos que interviñeran na cerimonia, nomeando arcebispo de Tréveris ao candidato vetado polo emperador, quen en resposta fixo que seu fillo Henrique ocupase os Estados Pontificios. O Papa ameazou ao emperador coa excomuñón, pero finalmente ante a falta de apoio dos bispos alemáns, viuse obrigado a ceder na reunión mantida en Gelnhausen.

Esta derrota moral, xunto coa noticia da derrota sufrida na batalla de Hattin e que conlevou a perda de Xerusalén, afectaron á saúde de Urbano, que faleceu en outono de 1187.

As profecías de San Malaquías refírense a este Papa como Sus in cribo (O porco pola criba), cita que fai referencia ao seu apelido, (crivelli = "criba"), e a que no seu escudo de armas aparece un porco.