Unión de Brest

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Unión de Brest (en belaruso: Берасцейская унiя, en ucraíno: Берестейська унія, en polaco: Unia brzeska) refírese á decisión de 1595-1596 da Igrexa da Rus de Kíiv, a "Metrópole de Kíiv-Galicia e toda a Rus", de romper relacións co Patriarca de Constantinopla e volver á comuñón coa Igrexa Católica, situándose baixo a autoridade do Papa.

No momento da unión, esta igrexa incluía principalmente aos ucraínos e belarusos que vivían na Confederación Polaco-Lituana. Os xerarcas da igrexa de Kíiv, reunidos nun sínodo na cidade de Brest, redactaron 33 artigos de unión, que foron aceptados polo Papa. Inicialmente moi exitosa, co tempo perdeu gran parte do apoio inicial, e nos territorios baixo dominio ruso forzouse a súa integración coa Igrexa Ortodoxa. Porén, na Galicia austríaca a Igrexa sobreviviu e deu orixe ás que hoxe son a Igrexa católica bizantina ucraína e a Igrexa católica bizantina belarusa.

A Igrexa rutena antes da unión[editar | editar a fonte]

Catedral de Santa Maria del Fiore, na que en 1439 asinárase a Unión de Florencia.

A Igrexa Ortodoxa ten as súas raíces no cristianismo do Imperio Romano de Oriente, no que o Patriarca de Constantinopla tiña un papel predominante. Reclámase, como a Igrexa Católica, herdeira das ensinanzas e tradicións dos apóstolos, e practica a liturxia maiormente en rito bizantino.

No ano 988 Vladimiro o Grande foi bautizado polo rito bizantino,[1] e creouse para os territorios rutenos a metrópole de Kíiv, baixo a xurisdición do Patriarcado Ecuménico de Constantinopla. A partir do ano 1037 houbo, porén, un distanciamento con Constantinopla, por mor da nova lexislación introducida por Iaroslau I o Sabio, a Russkaya Pravda, en canto ás relacións entre a Igrexa e o Estado.

En 1054 sucedeu o Gran Cisma entre o cristianismo occidental e o oriental. Ao cisma contribuíron séculos de disputas dogmáticas e litúrxicas, así como a rivalidade entre o Papa e o Patriarca de Constantinopla pola primacía na Igrexa universal. Durante a Cuarta Cruzada tentouse restaurar a unidade pola forza, e logo da captura de Constantinopla polos cruzados en 1204 foi nomeado un patriarca latino, pero a maioría dos fieis seguiron a recoñecer a xerarquía ortodoxa.

A Igrexa no Rus de Kíiv non tomou, porén, unha posición clara en relación á excomuñón de Miguel Cerulario polos legados papais en 1054. Porén, permaneceu xunto ao bando ortodoxo. Os poderes rusos non compartían a animadversión antilatina da xerarquía grega, e a Rus mantivo relacións tanto con Roma como con Constantinopla, tomando decisións segundo lle conviña. Por exemplo, arredor de 1070 o príncipe de Kíiv Iciaslao I, logo de perder o trono, buscou o apoio do papa para volver ao poder. Arredor de Around 1089, o metropolita de Kíiv Xoán II rexeitou apoiar ao antipapa Clemente III. O sucesor do metropolita Xoán III, Efrén II mantivo contactos co papa a finais do século XI. A mediados do século XII, segundo as crónicas rutenas, os legados papais atopábanse en Kíiv. A finais do século XIII, no período da Horda Dourada, o metropolita de Kíiv Máximo moveu a sé á cidade rusa de Vladimir. A comezos do século XIV, a sé foi transferida a Moscova polo metropolita Pedro. Porén, o metropolita mantivo o título de "Metropolita de Kíiv e toda a Rus". Logo da mingua de importancia que sufriu Kíiv por mor da invasión mongol, xurdiron na rexión o principado de Galicia-Volinia e o Gran Ducado de Lituania, onde foi erixida unha nova metrópole ortodoxa.

O primeiro intento de unificación entre a Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa chegou no século XIII. Foi impulsado pola situación política do Imperio Bizantino e dos Estados Pontificios. O Imperio estaba ameazado polos musulmáns, e o emperador Miguel VIII Paleólogo buscaba aliados en Occidente. A unión de Lión, asinada en 1274, foi un acto diplomático que durou tan só seis anos, e non tivo aceptación nin polo clero nin polos fieis.

Houbo outro intento de unificación a mediados do século XV. O emperador Xoán VIII Paleólogo buscaba aliados en occidente ante a ameaza do Imperio Otomán. En 1439 asinouse unha unión no Concilio de Florencia. Malia a oposición do Duque de Moscova Basilio II, participou nela o metropolita ortodoxo de Kíiv, Isidoro, en representación da Igrexa rusa. Os representantes orientais aceptaron a autoridade papal e a doutrina católica sobre a Santa Trindade. Porén, a oposición do clero e a conquista de Constantinopla polos turcos remataron co acordo.

Co anuncio da Unión de Florencia en Polonia e Lituania en 1443 Ladislau III publicou un decreto igualando os dereitos do clero ortodoxo ao clero latino. Cando o metropolita Isidoro foi a Moscova a anunciar a unión, foi apresado. Conseguiu escapar, primeiro a Lituania e posteriormente a Roma. Á sé abandonada foi inicialmente nomeado o bispo Xonás, contrario á unión, e partidario da independencia da Igrexa Ortodoxa Rusa respecto da de Constantinopla. O patriarca de Constantinopla Gregorio III nomeou un novo metropolita de Kíiv, Gregorio II, discípulo de Isidoro. Gregorio II foi aceptado polo rei Casimiro IV e pola maioría dos bispos ortodoxos do país, aínda que foi considerado un apóstata e herexe polos gobernantes moscovitas. En 1500, baixo a unión de Florencia, o entón metropolita de Kíiv, Iosyf Bolgarynovych, enviou ao papa Alexandre VI a confesión de fe católica e un acta de obediencia canónica. A unión comezou o seu declive nos territorios da dinastía xaguelónica logo do casamento de Alexandre Xaguelón coa ortodoxa Helena de Moscova. A voda deu ás aos dyzunici (contrarios á unión), e grazas á influencia de Helena, á morte de Alexandre Sixismundo I o Vello nomeou como metropolita de Kíiv a un contrario á union. Porén, a tradición da unión de Florencia reviviu esporadicamente na primeira metade do século XVI, e os documentos papais de 1516, 1521 e 1526 confirman os privilexios da igrexa, adoptados no Concilio de Florencia.

A metrópole de Kíiv no século XVI[editar | editar a fonte]

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

A metrópole ortodoxa de Kíiv era, no século XVI, unha das maiores estruturas territoriais eclesiásticas de Europa.[2] Tiña nove eparquías, subordinadas á arquidiocese de Kíiv, que non tiña status de autocefalia e que recoñecía a autoridade do Patriarca de Constantinopla.[3] En 1514 perdeu a mans do Gran Ducado de Moscova a eparquía de Smolensk e en 1563 a arquieparquía de Polatsk, recuperada por Estevo I Báthory en 1578 na súa campaña de Livonia. O único cambio relevante foi o movemento da eparquía de Galicia a Lviv.

Descoñécese o número exacto de parroquias ortodoxas nas terras polacas e lituanas no século XVI. O proceso de erección de novas parroquias non estaba regulado canonicamente, e dábase de xeito espontáneo. A presenza ortodoxa era maior ao sur da Rutenia Vermella e no norte do Gran Ducado de Lituania. As novas parroquias eran visitadas polo bispo, quen dedicaba a igrexa e ordenaba ao seu párroco. O desenvolvemento das parroquias ortodoxas, de xeito similar ás católicas, foi afectado polo espallamento na segunda metade do século XVI da reforma protestante. As igrexas latinas e ortodoxas foron tomadas pola nobreza, que adoptou o protestantismo.

Clero[editar | editar a fonte]

As bases da unión[editar | editar a fonte]

Contexto político[editar | editar a fonte]

Polonia e Lituania a finais do século XIV. A Rutenia Vermella é chamada "Rusia" no mapa. Mapa de 1886.

En termos xerais, Polonia entrou en contacto coa Igrexa Ortodoxa a mediados do século XIV, logo da ocupación da Rutenia Vermella polo rei Casimiro o Grande. Co goberno dos Jagiellon na primeira metade do século XV este proceso complicouse, xa que aos ortodoxos prohibíuselles a construción de novas igrexas, ocupar cargos públicos e os matrimonios mixtos con católicos e o bautismo dos fillos destas unións na Igrexa Ortodoxa. Porén, durante o reinado de Ladislau III os dereitos da nobreza ortodoxa foron formalmente igualados aos da nobreza católica, e isto foi garantido en 1443. En 1511, a petición de, entre outros, o metropolita Iosif Soltan e de Konstanty Ostrogski, o rei Sexismundo confirmou no parlamento do Gran Ducado de Lituania, reunido en Brest, os dereitos e privilexios da Igrexa Ortodoxa, segundo o privilexio de Ladislau III. Garantiuse aos bispos ortodoxos a autoridade sobre as igrexas ortodoxas, xurisdición sobre o clero e os fieis, e o dereito a construír igrexas segundo as súas tradicións. O seu fillo Sexismundo II confirmou novamente en 1543 os privilexios de 1443. A partir de 1563 os nobres ortodoxos puideron exercer os cargos de voivoda e castelán. En 1569 os bispos ortodoxos pasaron a estar baixo xurisdición do rei.

Mentres que á nobreza ortodoxa lle foron outorgados os mesmos dereitos políticos que á católica a mediados do século XIV, a burguesía seguía a estar discriminada. Prohibíuselle ocupar cargos municipais, e sufriron restricións para residir nalgunhas cidades e exercer certas profesións. Ás veces foron prohibidas tamén as manifestacións públicas de fe ortodoxa, como as procesións solemnes ou tocar as campás. O igualamento de dereitos chegou en 1572.

Contexto relixioso[editar | editar a fonte]

Na Rutenia Vermella, ocupada por Polonia no século XIV, creouse a metrópole latina de Halicz, e o papa Gregorio XI demandou a expulsión dos bispos ortodoxos que compartína sé cos latinos. Porén, no Reino de Polonia e no Gran Ducado de Lituania coexistiron as estruturas organizativas católicas e ortodoxas, e logo da sinatura da Unión de Lublin, había entre 3 e 4 millóns de fieis ortodoxos no país, e a Igrexa Ortodoxa era a segunda en importancia logo da Igrexa Católica. Os ortodoxos dependían da metrópole de Kíiv, quen á súa vez dependía do Patriarcado de Constantinopla. Porén, a partir de 1453 o patriarcado perdeu de xeito gradual a súa influencia sobre as igrexas eslavas.

Participantes no sínodo de Brest de 1596[editar | editar a fonte]

Ao Sínodo de Brest celebrado entre o 6 e o 10 de outubro de 1596 asistiron partidarios e detractores da unión. Entre os rutenos partidarios da unión estaban o metropolita Michal Rahoza, o bispo de Vladimir Ipatii Potii, o bispo de Lutsk Cyryl Terlecki, o arcebispo de Polotsk Herman Zahorski, o bispo de Pinsk Jonasz Gogol e o bispo de Chelm Dionizy Zbirujski. Os bispos latinos tamén participaron no sínodo como delegados papais. Estaban o arcebispo de Lviv Jan Solikowski, o bispo de Lutsk Bernard Maciejowski e o bispo de Chelm Stanislaw Gomoliński, asistidos polos teólogos xesuítas Piotr Skarga, Justyn Rab, Marcin Laterna e Kasper Nahaj.

Suposicións sobre a unión[editar | editar a fonte]

O destino da unión[editar | editar a fonte]

En 1620 houbo un restablecemento da xerarquía e estruturas ortodoxas en paralelo ás católicas orientais, cando o patriarca de Xerusalén Teófanes III consagrou como metropolita a Yov Boretsky. A restauración da xerarquía ortodoxa foi finalmente legalizada o 14 de marzo de 1633.

En 1635 a Igrexa oriental foi dividida en dúas metrópoles de Kíiv, legais e cos mesmos dereitos: a greco-católica e a ortodoxa. A católica estaba dividida en sete eparquías, e a ortodoxa en seis.

Na década de 1680 tiveron lugar os Coloquios de Lublín, nos que se fixo a adaptación da liturxia e arte ortodoxos ao catolicismo.

A falta de libros greco-católicos levou a que, nos primeiros anos da unión, estes seguiran a empregar os libros ortodoxos. En 1682 o metropolita de Kíiv Kypriian Zhokhovskyi obtivo do papa Inocencio XI o permiso para comezar unha imprenta greco-católica, que abriu ao ano seguinte en Supraśl.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Breck, John; Meyendorff, John; Silk, Eleana (1990). St Vladimir's Seminary Press, ed. The Legacy of St. Vladimir: Byzantium, Russia, America. p. 43. ISBN 9780881410785. 
  2. Kłoczowski, Jerzy (2000). Dzieje chrześcijaństwa polskiego. Varsovia. p. 141. ISBN 83-7227-528-9. 
  3. Mironowicz, 2005, p. 19.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Likowski, Edward (1907). Sklad glówny w Wsiegarni Gebethnera i Wolffa, ed. Unia brzeska (r. 1596) (en polaco). Varsovia. 
  • Mironowicz, Antoni (2005). The Monastery, ed. The Orthodox Church in Poland (en inglés).