Unión Patriótica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unión Patriótica foi unha organización política española fundada en abril de 1924 polo ditador Miguel Primo de Rivera como unha asociación de cidadáns, unha asociación de "todos los hombres de buena voluntad", que integraría a toda a sociedade e substituiría aos partidos tradicionais aos que consideraba corruptos, para dar soporte ao novo réxime. O seu lema era “Patria, religión, monarquía”. Adheríronse antigos membros do Partido Conservador e militares que querían situarse no novo réxime. O presidente do seu comité nacional foi José Gabilán. Desapareceu tras a caída de Primo de Rivera.

A Unión Patriótica foi un partido personalista ligado ao mantemento do réxime primorriverista e á personalidade do seu líder. Podería ser cualificada como un partido político circunstancial e oportunista que desaparecería en canto non tivera o apoio do goberno. Como partido careceu do necesario apoio social que lle permitira existir cando desapareceu o réxime da ditadura.

Desenvolvemento e organización da UP[editar | editar a fonte]

A orixe xeográfica do proxecto situouse en Valladolid, no entorno de persoas próximas ao xornal El Debate, dirixidas por Ángel Herrera Oria, fundador da Asociación Católica Nacional de Propagandistas. O manifesto de constitución do grupo fíxose publico no xornal El Debate o 2 de decembro de 1923, inicialmente os seus primeiros membros están vinculados aos propagandistas católicos de Herrera Oria, posteriormente outras cidades castelás constituíron UP, no mesmo mes de decembro incorporáronse Avila, Burgos e Palencia.

A formación da UP foi unha labor do ditador, cando reunidos en Madrid, a principios de abril de 1924, delegados gobernativos, recibiron a orden de fomentar a creación de comités locais do partido en todas as localidades do país. En 1926 la UP estaba asentada en todas as provincias.

En xullo de 1926 a Asemblea aproba os estatutos e elixe unha Xunta Directiva e un Comité Executivo formado por Miguel Primo de Rivera, Luis Benjumea Calderón, Luis de la Hermosa, Gabriel de Aristizabal, Jose Gabila, Jose Mañes, Andrés Gsso y Vidal e Miquel Díaz Canseco.

En cada localidade formouse un Comité de Partido Xudicial, que nomeaba aos seus representantes no Comité Provincial. Os seus afiliados foron os que ocuparon os cargos en concellos, deputacións e gobernos civís. Na súa maioría, os membros da UP procedían da burguesía agrícola, dirixentes de organizacións católicas, pero tamén compoñentes da antiga oligarquía caciquil, mauristas, carlistas e antigos liberais.