Unión Musical de Valladares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Unión Musical de Valladares é unha banda de música da parroquia de Valadares (Vigo).

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundada en 1902 por un grupo de 16 afeccionados, que pouco a pouco a foron impulsando e renovando, non deixando que en ningún momento desaparecera.

A súa actividade socio-cultural xira en torno ó Centro Veciñal e Cultural de Valadares, no que están situadas tódalas actividades culturais, deportivas e veciñais da parroquia, sendo a banda musical a máis antiga das asociacións do barrio. A súa actividade principal centrouse sempre na participación en festas e romarías típicas na Comunidade galega durante o verán, o que provocaba problemas como certo abandono durante os invernos ou cambios de director.

A Banda viviu grandes momentos artísticos durante os anos 50, con directores como Hernán Cortés, Don Demetrio, José Pena, Manuel Vázquez, José Oro Val ou Alfonso Méndez, sendo este último o que iniciou un profundo rexuvenecemento nos integrantes. En 1971, aínda baixo a súa dirección, apostouse por un alumno da escola de música para sucedelo na dirección. Este alumno é desde entón o actual director, José Iglesias Ramilo. Desde aquela a banda consolidouse pouco a pouco, crecendo o seu número de integrantes, crecendo o alumnado da escola de música, incluso se chegou a ter en Valadares unha filial do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Actividade[editar | editar a fonte]

Desde 1976, coa remodelación e construción do novo Centro Cultural de Valadares, a Banda de Música transladou as súas oficinas e local de ensaios ás dependencias do dito centro co que, conservando a súa autonomía, mantén unha estreita relación, colaboración e participación nas actividades culturais de Valadares.

Na actualidade a Escola de Música de Valadares está dirixida e organizada conxuntamente polo Centro Cultural de Valadares e a Unión Musical de Valadares, contando cuns cen alumnos por curso. Centra as súas actuacións en festivais de bandas de Galicia e Portugal e concertos en auditorios de Galicia. Desde hai varios anos participa no Concerto de Nadal, organizado polo Concello de Vigo no teatro-sala de concertos do Teatro García Barbón, actuando en solitario e acompañando (unha sección) ós coros do Real Club Náutico de Vigo e do Centro Cultural de Valadares conxuntamente.

A agrupación conta xa con cinco edicións discográficas en CD e casete, dos que se venderon máis de 20.000 copias.

Premios[editar | editar a fonte]

A Banda de Música Unión Musical de Valadares ten un extenso palmarés, destacando, entre outros, os seguintes premios:

  • Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1985, 1986 e 1996.
  • Segundo Premio no Certame de Bandas de Música "Ciudad de Valencia" sección segunda, en 1997.
  • Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música "Villa de Altea" (Alacant), en novembro de 2000.
  • Primeiro Premio no I Certame Provincial de Bandas de Música da provincia de Pontevedra, en outubro de 2001.
  • Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música "Ciudad de Valencia" sección primeira, en 2010.
  • Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música "Villa de Altea" (Alacant), en decembro de 2017.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]